Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 21 de septiembre de 2021
A familia de Sabela
Dime, nena, ti de onde es? Son de Chaodarcas de Arriba. E de quen ves sendo? Son a filla da Clementina, A Parrumeira. Como me debeu notar dúbidas ou estrañeza, seguiu comentando que a súa nai casara co Eduardo, que era de Cachamuíña de Abaixo. Eu chámome Sabela, pero todos me din a filla da Parrumeira. Pois tes que perdoar, nena, pero aínda non caio moi ben de quen es; coñezo a uns cantos Eduardos. Mire, ó mellor coñece máis ós meus tíos, os irmáns de meu pai, xa que eran fillos da Clotilde e do Filomeno, Os da Rozada. Os tres emigraron, tan só quedou aquí (de pasmón, como di a miña nai) meu pai. O tío Inocencio marchou para o Brasil e alá casou cunha brasileira, que cando viñeron unha vez de vacacións, seica revolucionou a aldea. Eu non sei por que, pero foi o que lle escoitei ós meus amigos; que os seus pais seica se alporizaran moito. O tío Filomeno emigrou para a Arxentina e ninguén soubo máis del. Fálase que Pingas de Orballocorre detrás dos lagartos pola Pampa, aínda que eu creo que esaxeran, que nas aldeas gusta falar, e iso... Porque, se non saben del, como saben iso? E o tío Eladio parece que anda polo Congo, e tamén casou cunha africana, cunha negra. Seguro que é negra por culpa do sol, que por alá hai moito sol. Foi o que me dixo un día a miña mestra. A esta noteille algo raro na voz, coma se lle gustase o meu tío. Cando a nena quería seguir falando... Agora xa caio: O Toxo Arnao!, exclamei. Así que es a filla do Toxo Arnao! Pois dálle recordos a teu pai. Dille que falaches co Olegario, O Iluminado. El coñéceme ben. Ale, boa tarde, nena. Boa tarde, señor Iluminado.

Imposible imitalo
Non sei quen dixo que se quería parecer a Xesucristo. Eu, aínda que quixera, non podería. Sei que non podería cargar coa súa cruz ás costas. Moito carballo xunto para o meu lombo. Tampouco estaría disposto a recibir os 39 lategazos cos que o castigaron porque, eu, coa pouquiña carne que teño, seguro que co terceiro lategazo xa me entran na soá. O do pelo longo aínda é pasable. Como o de levar alpargatas. Pero o de camiñar sobre as augas... iso non o cre nin el mesmo. Eu goldraba o río Arnoia e tiña que arremangarme deica os xeonllos se non quería poñerme coma un pingo. Poida que eu sexa un cagadiño, pero como non son parvo tampouco poría a outra meixela para levar a labazada así como así, así como dita a Biblia.
Onde realmente non podería imitar a ese home que predicaba moito e moitas veces (ata no deserto), sería no de converter a auga en viño. Son abstemio! Só bebo auga e cafés! Para que quero o viño! Tampouco son moito de peixe; así é que o de multiplicalos, pois vai ser que non. Algún pan ó mellor si. Porque non sei comer sen pan.
A ver, ese fillo de Belén tivo o seu mérito. Principalmente niso de intentar convencernos de que nos amásemos, de que nos quixésemos uns ós outros. O que pasa é que despois ninguén lle fixo caso. E iso tamén é moi triste. O homiño tívose que sentir moi decepcionado. Ó mellor foi polo que morreu na cruz. Polos nosos pecados. Se foi por isto, vai ser verdade que hai que admiralo. Porque cometer cometemos uns cantos e máis.

Un mansiño
Ó pouco de saír da casa tiven que recuar, tiven que volver ou retroceder porque saía sen música, sen os auriculares; e sen música abúrrome polo camiño. O meu camiño deica o café vén sendo de dez ou quince minutos, pero é moito tempo entreténdome tan só cos biosbardos. Ademais, foi poñer os auriculares e, zas, "Everybody's Talkin", de Pingas de OrballoHarry Nilsson, nada máis e nada menos, e que aparece na película "Midnight Cowboy" ou "Cowboy de medianoite". Gran película. Marabillosa canción. Xa só por ese tema valeu a pena recuar ou volver.
Non me canso de repetilo: non sei vivir sen música. A música seica amansa ás feras. Non meto a man no lume para asegurar iso... porque non son unha fera. Son un mansiño que, iso si, de cando en vez cuspo palabras ou pingas de orballo cheas de veleno. Pero líbreme Deus de querer envelenar a alguén! As palabras cheas de carraxe non matan. Ás veces poida que si que doan; é máis, doen. Outras veces quedan flotando no aire porque ninguén lles fai caso. Algo que case me parece normal pois, quen lle vai facer caso a un mansiño?
A música é esa táboa de náufrago que mantén a un a flote, na que nos agarramos para distraernos, para fuxir de certas realidades. Eu aboio con Barbra Streisand e Sabina, con Fuxan Os Ventos e Charlie Santana, con Paquiño Sinatra e as bandas sonoras de don Ennio Morricone. Coa música son máis mansiño ca nunca e deixo que esas pingas de vinganza queden enleadas entre as silvas do atallo polo que paso. Este mansiño segue escoitando música.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES