Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A merecida navalla de Xosé Lois

miércoles, 15 de septiembre de 2021
Outro ano máis o día 8 de setembro, ás 19h, atopabámonos na Santa Isabel de Outeiro de Rei para celebrar a Manuel María e nel, a Xela Arias e a Xosé Lois García. Por Xela, recibiuna o seu fillo Darío quen, ademais recitou a Manuel María na súa campa de Outeiro de Rei. Xosé Lois García recibiu unha merecida navalla por ser un divulgador da cultura galega máis alá do Miño e do Atlántico, un auténtico difusor que nos pon no mapa internacional da lusofonía e que consegue na súa extensa obra levar lonxe a cultura galega.

Xosé Lois é un home de terra e de mar, por iso tece océanos de verbas convertidas en poesía, teatro ou ensaio. Un home que, dende o mundo obreiro, dende a SEAT dos anos 60 e 70 proxectouse cara ao mundo intelectual logrando un prestixio internacional como poeta, ensaísta e divulgador cultural. Na boca sempre Merlán, sempre Galiza e sempre Nós. Nós imos con el en cada aventura e sorprendémonos de que a súa prolífica carreira nos siga sorprendendo. O poemario Manuel María da A á Z, recolle en poesía todo o universo lírico do chairego que lle deu identidade propia á Chá; pero, Xosé Lois é ribeirao e de ribeirao exerce dende aquel "do Faro ao Miño" que rescata o gran patrimonio que ten a Ribeira Sacra. Tempo despois, non lle chegou con cantar a superficie e somerxeuse nas augas do encoro de Belesar, aproveitando a seca para rescatar e cantar todo o patrimonio anegado.

Un home de teatro, que rescata nel a memoria das bruxas e das ignominias que tiveron que sufrir por calumnias e por unha xustiza cruel. Un home de rural que rescata personaxes históricos como Pepe de Cristos. Un home do mundo que trae á cultura galega estilos e temáticas doutros lares.

Xosé Lois é enteiramente un home de palabra e isto convérteo nunha persoa enteira e íntegra das que todos desexamos ter na vida. Cada libro é un facho aceso que transcende en nós. El e moitos outros seguen escribindo baixo a estela de Manuel María e velaí que vai unha navalla a facer camiños e a tallar amizades polo mundo adiante. Unha navalla inconformista, sen gume pero disposta a facer sempre e por sempre, un mundo mellor.

Daríalle os parabéns a Xosé Lois pero coido que tamén estamos de parabéns toda a militancia na Irmandade e en Manuel María xa que esta navalla proxéctanos nun mundo cheo de emocións onde a nosa fala é acollida con especial sensibilidade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES