Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os feitos desvelan a incapacidade

martes, 14 de septiembre de 2021
Non é infrecuente que nos encontremos con opinións relativas ao baixo nivel de competencia dos políticos que ostentan cargos de responsabilidade en postos relevantes na gobernación dos seus países. Penso que só se quere dicir, sen prexulgar a súa propia competencia, que non son as persoas apropiadas para o exercicio intelixente das funcións que teñen encomendadas nos mesmos. Certamente, ás veces, os feitos derivados dos respectivos e ocasionais comportamentos deles resultan, incluso, algo extremadamente infantís.

Permítanme os lectores que lles traia aquí unha anécdota persoal de cando empecei a escola, que, en aquel entonces (1.938), correspondía aos SETE anos, pero eu xa levaba algo aprendido da casa. Meu pai era zoqueiro, e fíxome unhas zocas con pintura e uns gravados habituais das zocas domingueiras, e cheguei ao campo da escola, onde estaban os futuros meus compañeiros, tan fachendoso, que lles escatimei as máis elementais atencións, aínda que eles, como era novo alí, trataban de acollerme cariñosamente. Velaquí o meu infantilismo levándome a unha vergonzosa ridiculez. Foi un feito que revelou o exceso de mimo adquirido como fillo único; pero meu pai, acertadamente, foino corrixindo.

Este suceso infantil e escolar acompañoume toda a vida. É curioso. Sempre o lembrei como algo aldraxante. Seguramente por iso, estes días nos que os medios resaltaron ese breve paseo do noso Presidente do Goberno, Sr. Sánchez, ao lado do norteamericano, Mr. Biden, no que aquel trataba de entrar en conversación, e este, fachendoso coa importancia do que representaba, parecía esquivar a atención, revivín a experiencia de desagrado daqueles tempos escolares, pero enriquecida da ridiculez que me acompañaba polo meu suceso, e por se fora pouco entrou en escena o Sr. Casado, Xefe da Oposición, para evidenciar, una vez máis, o plaxio da praxe do Sr. Sánchez na oposición a Raxoi: NON... é NON!, insistía este no Parlamento.

Sen caer en posibles inocentadas, os cidadáns de cada país, na linguaxe mímica e xestual que acompañaba ao articulado, sen dúbida, percibirán moi ben que as tres personalidades políticas citadas puxeron a proba a súa respectiva vocación de actores, imitando admirablemente ao neno das zocas: fachenda e egoísmo. Ao neno corríxeo seu pai; pero a estes actores, pola súa categoría, correspóndelles unha corrección condigna, e neste caso, foron os talibáns, sen cariño paternal, non pouco agradecidos por haberlles deixado espazo libre en Afganistán. Así, o americano esquece as súas zocas metafóricas; o español ve o ceo aberto pola oportunidade que tivo de falar con Mr. Biden media hora, e o Sr. Casado urxiu activar o seu papel de terceiro en discordancia cos dous. Cadaquén impulsado polos seus obxectivos máis persoais que comunitarios.

Créanme que no me estraña que a algúns lectores os sorprenda o contido anecdótico dos parágrafos anteriores. Intento ofrecerlles unha explicación. Consideren que as experiencias, e mais sendo de idade avanzada, non só instrúen, senón que tamén catalizan. Quedan as pegadas no subconsciente da persoa, e cando esta recibe unha impresión dun evento que considera análogo, reactiva os sentimentos, de agrado ou desagrado, que deixou nel a orixinal. Penso, pois, que isto explica a reiterada crítica que acompaña os comportamentos ocasionais destes tres políticos, aínda que non tanto pola realidade en si, canto por ser portadores de valores, que os fai acredores a unha crítica consecuente coa reputación contextual de cada un deles. Talvez isto invite a cualificalos de infantís e incapaces de asumir as responsabilidades que se derivan da elevada función social que a soberanía popular lles atribuíu.

Modestamente, opino que aquí omítense dúas interesantes perspectivas, porque os políticos, cando acadan estes postos elevados, esquécense de que non poden controlar a súa linguaxe mímica, pola la súa natureza instintiva, e de que asumen obrigas pedagóxicas. No primeiro caso, a linguaxe mímica e xestual, é un medio que facilita a valoración crítica de canto din na articulada; e, no segundo, están sementando comportamentos que as novas xeracións asimilan moi ben e xustifican a imitación con argumentos ad hominem.

Ademais, parece que estamos nunha época na que as formalidades nas relacións e comportamentos sociais van perdendo importancia, sen pararnos a considerar o seu necesario papel configurador dos contidos, que quedan esvaecidos para a percepción clara da funcionalidade social que lles corresponde. Así, pois, ¿qué impresión deixan nos cidadáns eses infantís comportamentos duns gobernantes que non coidan as formalidades que, como tales, deben aplicar nas súas actuacións transcendentais?. ¿Cómo non vai inquietar aos pobos o feito de ver que os problemas dos seus países están en mans de persoas que parecen afectados dunha certa incapacidade, aínda que esta sexa esaxerada na interpretación cidadán, pola pouca confianza que ofrecen eles nos comportamentos reais?.

E, finalmente, consideremos que tanto Mr. Biden como o Sr. Sánchez son cidadáns de EE.UU. e España, respectivamente, elixidos como presidentes. Esta elección, nun estado de dereito, legaliza temporalmente a súas correspondentes funcións gobernativas; pero nunca garante o acerto na selección dos candidatos/as. Por tanto, parece prudente, como esixencia de rigor, que os electos coiden as formas diplomáticas pertinentes para que os comportamentos infantís non comprometan a reputación dos países que representan, algo que adoitan esquecer seguramente confundindo o propio valor que eles posúen co ontolóxico do que representan.

Consecuentemente, o indicativo máis certeiro da incapacidade dos gobernantes e do desacertado da súa elección, está na evidencia de que os seus comportamentos desvelan que, en vez de fortalecer a reputación do país que representan con valores da propia, deixan ver claramente que transmiten as deficiencias desta á de aquel, que acaba sendo considerado, internacionalmente, coa atribución das máculas dos seus xestores. Xa dixo Ruffier de Aimes que non había persoas tan baleiras como as que están cheas de si. E permítanme engadir que son as persoas que non se coñecen a si mesmas, e reenchen os ocos propios cos fantasmas dos seus soños. Dan a impresión de que aínda seguen calzando zocas domingueiras.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES