Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á beira do Camiño: Os filandóns (I)

miércoles, 23 de julio de 2008
Os filandóns: Anacos da nosa historia (I)

A celebración da XI edición do Filandón de Músicas do Caurel do pasado domingo, na impresionante paraxe da Ferrería de Savane que move o rei e señor dos ríos do Caurel (o antes limpo, transparente e troiteiro Lor e agora acubillado pola maleza, sen lle deixar entrar o sol) tróuxome á mente a idea de falar desta fermosa e tamén dura faena do rural galego cos seus vellos e xa clásicos fiandóns, fiadeiros, fías e/ou fiadas como se recoñecen noutras Zonas da nosa ampla Galicia. A xuntanza do filandón 2008, froito dunha idea comezada por Xosé Lois Foxo coa axuda dos seus veciños cantores e músicos da Serra e da Comarca, volveu a reunir, nesta edición, a centos deles e a moitos amigos/as do Caurel e da súa xente.

De xeito resumido, e como preámbulo á crónica comentada, vou contar un anaco da historia do duro traballo da elaboración do liño e da súa riqueza material e tamén étnico/cultural que trouxo a este sempre sorprendente e esquecido Pais que chamamos Galicia. Co pensamento, en especial, nos nosos nenos e nenas e na xuventude galega en xeral xa que non teñen idea do que foi, representou e significou para todos os nosos antepasados esta escrava e dura historia do excelente aproveitamento do liño. Un produto elaborado do principio ao fin de xeito artesanal. Máis autosuficientes cá nós Deste xeito coido que poden entender mellor a nosa rica historia, e sobre todo a filosofía dos “filandóns galegos actuais” e o que aconteceu o pasado domingo á beira do Lor. Crónica que adiamos para a próxima entrega (II).

O longo, complicado e minucioso proceso da elaboración do liño (xunto co pan e co viño) foi un dos traballos comunitarios do campo ao que máis tempo lle había que dedicar. Labor para todo o ano. Dedicáronlle moitas horas extras. Laborais e da sesta, noite e/ou descanso. Razóns que propiciaron e aportaron á nosa cultura popular (música incluída) moita fartura e mesmo unha morea de variantes. O xeito de traballar (¡e de se divertir!) estivo presente en todos os países e culturas do mundo até mediados do século pasado. En Galicia e Portugal, perdurou algún tempo máis debido á necesidade causada polo atraso secular que nos acompañou ao longo da vida. Tamén por estarmos situados fóra e lonxe dos centros de poder e influencia.

As sonoras e fermosas palabras (filandón, fiandón, fiadeiro, fía ou fiada) descoñecidas aínda para moitos galegos, responden ao nome da derradeira volta que levaba o liño antes de pasar ao tear para se converter en roupa de vestir e/ou ornamentación. Hoxe en día, aínda se poden mirar e admirar as variedade, riqueza e fermosura dos diversos apeiros e aparellos de traballo. Cos seus sonoros e expresivos nomes. Desde o mazo de madeira, pasando polos restrelos, espadelas ao máis complicado e espectacular tear, coas súas famosas e excelentes tecedeiras. Quedan, aínda hoxe en día, as ricas variedades de apeiros e aparellos que falan da súa riqueza e fermosura artesanal. Algunhas son verdadeiras xoias do arte rural. Duras xornadas de traballo comunitario que duraba varios días. Traballo case exclusivo das mulleres.

Por extensión, ao correr do tempo, ao ser xa elaborado o liño polas máquinas, esas palabras, traballos e costumes pasaron ao recordo e á lembranza. Quedou a parte festiva da esmorga e diversión, xa que durante o traballo e despois de rematalo, todo o conxunto se convertía nunha gran festa. Fiandeiras e familia, acompañadas polos veciños, compartían xuntos (e, ás veces tamén revoltos) historias, lendas, contos, cancións.. Ao son de ritmos axeitados para o baile (que non debía faltar) con cancións pícaras acompañados por pandeiretas, culleres e/ou latas baleiras de sardiñas ou pemento (xa que gaiteiros escaseaban) montábanse as ruadas. De local servían as cociñas, a corte grande ou o curral. Mesmo a eira se o tempo se prestaba. (Do filandón 2008 do Caurel, daremos ampla información na próxima entrega. Vale a pena).
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES