Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A vós trateivos de amigos'

domingo, 12 de septiembre de 2021
"Todo o que lle oín a meu pai déivolo a coñecer"

Xaquín Campo Freire. Mandiá e Marmancón, 11-09-2021.

Amigas e amigos: No mes de xullo dirixíavos unha carta aberta e nela había un parágrafo:
«Antes de irme quero que teñamos as contas publicadas e aprobadas entre todos, con todas as aclaracións. E non só do que temos. Tamén do que imos facendo gratuitamente todos, porque esas son as verdadeiras contas reais. As outras, só as dos cartos, son as contas de ricos. Eles non valoran o traballo do pobre, do débil, das mulleres, dos nenos, dos maiores. Tamén quero presentar o inventario do todo o que temos e fomos creando. Que nunca ninguén faga desaparecer o que a todos pertence».

Hoxe quero falarvos desas contas e do inventario.
Hai unhas contas, as dos cartos. As dos ricos. Esas, en detalle, están xa explicadas e repartidas na asemblea parroquial. Sonvos coñecidas.

Como vedes estamos en números positivos. E iso por que? Por sermos todos gratuítos en todo: no traballo que aportamos cada unha e cada un. E por administrarmos con claridade, ao céntimo, canto temos, ingresamos e xestionamos.

Pero estas non son as contas que eu vos quero dar agora. Ata esta data fun o voso Párroco durante vintecinco anos. Eu teño outras contas das que falarvos. Como dixo Xesús. «A vós trateivos de amigos: pois todo o que lle oín a meu Pai de ceo déivolo a coñecer». (Xn 15,15).

Tocoume acompañarvos nos intres máis alegres e máis dolorosos das vosas vidas, consonte co compromiso que me foi encomendado e coa xenerosidade e confianza coa que sempre me fixestes participe das vosas vidas e problemas, por veces ben íntimos e delicados, tanto nos eidos persoais, familiares coma nos comunitarios. Sempre nos comprendemos o nos axudamos. E foinos ben.

Eu aprendín de vós unha promesa sagrada pronunciada en publico e por palabras de presente: “Eu acóllovos a todos vós e prometo que vos hei ser sempre fiel, tanto na ledicia como na adversidade, tanto na saúde como na enfermidade, tanto na abundancia coma na escaseza, téndovos moito amor e respecto por tódolos días da miña vida”. R/: “Pois ven no nome de Deus con paz e amor: Nós acollémoste a ti."

Intentei cumprilo. Non sen defectos, dos que ando sobrado. De todas maneiras aprendín dos meus e dos da miña parroquia de orixe, S. Xiao de Roca, que ser boa persoa é unha decisión a tomarmos cada día. E iso si que o intento, para corresponder a inmensa bondade de todos vós, que sodes un exemplo a seguir. “A vós chámovos amigas e amigos”, porque o sodes.

Quixera determe en algo moi importante: A vida humana exprésase en todo mediante ritos. Canto dano nos fixo o COVID-19 neste aspecto ao privarnos do máis esencial: Non podérmonos bicar, acariciar, apreixar, dar as grazas, despedir, acompañar, chorar, rir, festexar, aplaudir... precisamente a quen máis queremos.

Pero os ritos teñen un inimigo: A rutina, a infidelidade, a falsidade, a simulación, a traizón, as fuxidas: O ritualismo. Facer que se fai ou por “quedar ben”. Na fe e na Igrexa movémonos e expresámonos por ritos. Que doado é “ir polo libro”. Xesús, o Cristo, sempre personalizaba a forma de acoller, observar e tratar e acompañar. Ollaba con amor, empezando polos pobres, os meniños, os forasteiros, os desprazados, os orfos e viúvas, as mulleres desprezadas, os sós, os loucos, os parviños, os presos, etc. por iso era sanadora a súa relación. Por iso el tamén era desconcertante. Desacougaba aos ben “instalados”.

Pois é disto do que vos quero falar e render contas. Só catro exemplos:
1.- Acollín a 172 bautizados/as. A importancia do nome, de termos nome, de sermos respectados por termos nome nas comunidades. A importancia de unxirmos e consagrar unha persoa que empeza a vivir. Facémonos responsábeis de estar ao lado desa vida. Non é tan importante acreditar se teño un papel de confirmación coma o compromiso adquirido na comunidade bautismal para acompañar de por vida a quen xeramos en vida. Que nunca lle falte a auga nutricia. E que nunca sexa profanada a súa sacralidade de persoa. Se tomásemos o bautismo en serio e non só coma un rito!

2.- Non hai vida cristiá sen comunidades. Cada domingo, (foron 1.300, sen contar os festivos), celebramos o gozo da palabra: Deus está no meio de nós. El axúdanos a retomar e afondar nas semanas pasadas para proxectarmos evanxelicamente o Reino na vida que se nos vai presentando cara adiante, para seguirmos así presentes e activos na sociedade. Partimos, repartimos e compartimos o Pan de Vida e da vida. Aprendemos a saber onde están as necesidades reais: “Dános hoxe o noso pan de cada día”. Non pode haber relixións baleiras, inxustas, desprezadoras, sen alma ou simplemente de boca para fóra. Iso si é profanación.

3.- Con que dolor pero tamén esperanza nos acompañamos entre todos cando tantos irmás e irmáns se nos foron: 481. Cando morre unha persoa, con cada unha, vánsenos polo menos cen anos de historia viva, concreta e real: iso que chamamos memoria histórica. Por iso a súa vida non colle nun nicho. Na misa da Ascensión fálasenos dunha nova presencialidade en espírito e verdade para que non nos agoniemos coma os que non teñen esperanza. A unción dos enfermos, con toda a comunidade e a familia presentes, con fe e amor, tennos axudado a todos de verdade.

4.- Grazas por terme convidado a acompañarvos neses procesos longos silenciosos, do enfermar e do despedirnos. Intentei facelo con todas as axudas do Cristo presente. Pero tamén formándome seriamente como enfermeiro e coidador para axudar coa mellor psicoloxía na arte de acompañar e na relación de axuda: Na enfermidade, no pasamento e nos procesos de ir saíndo dos loitos. Foi gratificante a tarefa. E os ritos intentei que fosen sempre personalizados e “non só polo libro”. Así o facía Xesús. Algunha vez, alguén chamoume atención por darlle un aplauso á unha vida que se despedía de nós “porque, disque, non o merecía”. Eu sei que o Pai misericordioso soubo esperar con entrañas de dor, bágoas e amor. E convocou a festa para o fillo que máis necesitaba ese amor porque tiña andado “extra-viam, e volveu”. Pero doeulle moito máis o refugamento, a friaxe e a condena implacábel do irmán morgado que se foi da casa negándolle tal acollida porque “os manchou”.

Este é o meu e o voso inventario de verdade. Este o o meu estado de contas: Intentei respectarvos ao máximo. Ser gratuíto na miña vocación-donación. Anunciei un Reino de paz, amor e Xustiza como recibín desde a miña infancia de neno orfo na familia e na comunidade que me xeraron para ser discípulo de Xesús, o Cristo. Non fixen ritos máxicos nin baleiros de vida.

Hai moito máis que contar neste inventario. Pero todo vos é xa familiar e sabedes o que eu vos quero dicir. Moitos perdóns e moita gratitude. Vintecinco anos! Que sorte! GRAZAS!

D. Benito Méndez é unha bendición de Deus. Acollédeo coma a min.

Quérovos e sentinme moi querido. “A vós chámovos amigas e amigos!”

Mandiá-Ferrol, 11-09-2021. Festa de Santa Uxía a nosa Padroeira.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania