Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desde Piñeiro a Enrique Peinador

martes, 22 de julio de 2008

Para Pucho Viñas, amigo e membro do Foro E. Peinador

Cóntase que nunha viaxe de propaganda política os liberais pasaran por Ponteareas, porque o Sr. Bugallal permitíulles o paso, pois puido erguer o rastrillo, colocar as súas forzas nas almeas do seu torreón e tratalos coma a habitantes da meseta. Ao entraren en Mondariz refolegaron e aledáronse: "xa pasamos o dominio do Sr. Bugallal e entramos no do Sr. Peinador. Xa podemos respirar", dixeron. Este comentario define moi ben os contrapostos talantes políticos en dous lugares do Condado.

Enrique Peinador Lines, fillo de Enrique Peinador Vela, fundador do Balneario de Mondariz, foi un personaxe singular no seu tempo. A súa condición de burgués ilustrado e progresista, soñador e realizador de grandes proxectos para a modernización da gran área metropolitana de Vigo deseñada polo seu amigo, o arquitecto Antonio Palacios, equipárao ao papel desempeñado no século XVIII polo Marqués de Sargadelos. Os dous foron vitimas das intransixencias ideolóxicas dos réximes políticos de cadanseu tempo. Mondariz foi o escenario no que se debateron e ideraron diversos proxecto de modernización da economía e da política galega.

Xohán Carballeira bautizouno como "Cónsul do romanticismo". Eu máis ben penso que de ter sido cónsul, sería do galeguismo. Porque Enrique Peinador desempeñou labores de representación do Partido Galeguista en instancias decisivas para a política do País, sobre todo nos anos da República. Foi un home clave no galeguismo da época. Cando Portela Valladares interesado en promover unha plataforma liberal-moderada, agraria e galeguista, promove o "Pacto de Barrantes", naquel momento Peinador forma parte da comisión que participa nos debates xunto con Otero Pedrayo, Cuevillas e Castelao. Noutras ocasións viaxa coas delegación do PG a Catalunya ou a Madrid, como aconteceu en 1935 para reunirse con Manuel Azaña e desbloquear o proceso que permitise plebiscitar o Estatuto de Autonomía para Galicia.

En xullo de 1934 don Enrique Peinador realizou unha viaxe a Esukadi cunha delegación do partido Galeguista para participar nos actos celebrados por "Galeusca". O xornal donostiarra "El Día" entrevistouno. A súa lectura é interesante. É unha síntese do seu pensamento político. O entrevistador preséntao como amigo e colaborador dos máis famosos escritores e poetas galegos do século XIX; asiduo contertulio da "Cova Céltiga", da que formaban Murguía, Lugrís Freire, Carré, Eduardo Pondal… Declárase "gran devoto e amigo de Manuel Murguía", asegurando que é o primeiro nacionalista da historia de Galicia. Do Partido Galeguista di que "ningún partido conta con cadros tan brillantes.E isto dígoo eu, que estou na segunda reserva e non actúo máis que de comparsa. O galeguismo, por moitos inimigos que teña a súa doutrina política, inspira como falanxe intelectual o respecto dos máis encarnizados. Chamóusenos separatistas, desmembradores de España e case asesinos da unidade nacional". Tal coma hoxe.

Del volta desa viaxe, Enrique Peinador, participa o día 24 na "Noite das arengas patrióticas", tal e como nola conta o cronista : "Comezou o acto cunha nómina de oradores na que figuraban "desde Piñeiro a Enrique Peinador" (sic). Vinte oradores que representaban o amplo especto do galeguismo". Xerardo A.Gallego resumíu o espírito das intervencións deste xeito: "o galeguismo é algo máis que unha clientela partidista, que busca o medre das urnas e a cobiza dos cargos. É unha idea. É un sentimento dunha Galicia máis digna e mellor". Ao día seguinte asiste na Coruña á lectura do discurso de ingreso na Real Academia Galega de Castelao, da que logo sería membro correspondente.

Está por escribir aínda a biografía completa que defina ao político, filántropo, empresario,e articulista galeguista, (deixou escritos moits colaboracións periodísticas co seu heterónimo) que foi Enrique Peinador. En 1936 abril de 1936 os xornais deron a noticia de que "a candidatura da Frente Popular triunfou en Pontevedra", sinalando como un dos compromisarios a Enrique Peinador na lista na que tamén ían Alexandre Bóveda e Xerardo Álvarez Gallego. Finou en 1940, nun piso da rúa Cuba, en Vigo, desposuído das súas propiedades, intentando reconstruír o P.G. na clandestinidade, nun ambiente de persecución política do que foi vítima o seu fillo, asasinado en Madrid, pola súa militancia en Izquierda Republicana.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania