Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas Novenarias (6)

jueves, 16 de septiembre de 2021
A gran tradición
Se onte dicía que, para min, o Rosario das Antorchas empezaba xa pola mañá, ó levantarme da cama; hoxe teño que dicir que, para miña nai, o Día 8 empezaba un ou dous días antes. Porque como o Día 8 era un día tan especial, había que prepararse a conciencia. O de prepararse vai máis ben por aquilo de facer o xantar, xa que era tradición o de comer o día da Virxe por entre os piñeiros ou polos arredores do santuario Lembranzas Novenarias (6)(un ano, como chovía, lembro que xantamos no frontón cuberto que hai no pavillón do colexio novo). E un bo xantar, ou mellor dito aínda, un xantar especial para o Día 8 consistía en facer torradas e roscón. Sinalar que, as torradas, como levan leite e ovos, e, o roscón, como leva fariña, ovos e azucre eran case bocados moi especiais porque, antigamente, todo se vendía. Nós polo menos. Vendiamos o leite e os ovos, e os ingredientes que tiñamos que mercar, xa teño dito que nos eran prohibitivos; polo que certos manxares tan só os probabamos unha ou dúas veces ó ano.
Así é que, miña nai, un día ou dous antes, cocía o pan e preparaba o roscón no forno comunal, xunto coa Concha do Arsenio (sempre, sempre facían xuntas a fornada), e na casa amañaba as torradas e algún bocadiño especial máis (por exemplo, as chourizas, que se gardaban para certas ocasións; lembro algún ano bacallau, que iso xa era un milagre; os xamóns nin os cheirabamos porque se vendían). Ó mesmo tempo, tamén preparaba a roupa e o calzado, porque o Día 8 había que ir guapos.
E guapos iamos polo Medo arriba (tragando po, iso si) e coa comida nas alforxas do burro. Ó chegar, antes da misa, acaecía o concerto dos orneos dos demais burros, que sempre había moitos, e por alí quedaban atados ós piñeiros, mentres os humanos colliamos camiño da explanada para escoitar a misa das doce, a principal, e ver o espectáculo dos panos das mans bambeándose ó vento mentres se levaba a cabo a procesión coa imaxe da Virxe e, por suposto, cando os Padres Paúles a despedían ata o ano seguinte.
Xa no monte, tendiamos as mantas no chan, liberabamos as alforxas e celebrabamos unha das tradicións máis importantes e máis bonitas de todas as novenas: a de quedarse a xantar logo da misa. Hoxe, por desgraza, xa poucos quedan. Baixamos ás beiras dos ríos, ós toldos das comidas ou ós restaurantes da bisbarra. E alá quedan para o recordo estas lembranzas novenarias, que, para o ano que vén... a Virxe dos Milagres dirá.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES