Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas Novenarias (5)

miércoles, 15 de septiembre de 2021
A noite máis bonita
O acontecemento máis bonito das novenas dos Milagres acontece o día 7 de setembro a causa do seu Rosario das Antorchas, que se celebra ás once da noite. Para min, e cando era rapaz, tal rosario empezaba xa xusto no momento en que me levantaba da cama. Recordo que as tardes dese día, cando andaba no monte coas vacas, facíanseme eternas; tanto que intentaba acurtalas un pouco marchando antes para a casa "polo rosario". Non vaia ser que se faga tarde... Era algo tan desexado que o vivía desde o primeiro momento. E vivíao non só polo propio rosario en si, senón pola forma en que iamos a el.
Lembranzas Novenarias (5)Ceaba pronto para saír axiña con destino ó santuario. A ver, aquí hai que diferenciar de cando ía "obrigatoriamente" cos pais e de cando ía cos amigos. Cos pais ou coa familia non era o mesmo. Cos amigos si cambiaba o asunto, porque ías trouleando polo Medo arriba e gastando as típicas bromas de cando un vai ás escuras por un monte. Si, porque cando colliamos camiño dos Milagres, a noite xa era pecha e, no fondo, desexabas que houbese lúa vella. Aclarar, por suposto, que nas décadas dos 60 e 70 iamos sempre andando, durante todas as novenas, incluso o propio Día 8, que levabamos o burro, pero este, claro, cargaba co xantar (disto xa falarei mañá). Cando ía cos pais ou coa familia facíao dereitiño como unha vela! Uso a palabra vela porque, por veces, había que acender algunha (desas que se levaban para a procesión) para mirar ben onde puñas os pés.
Antigamente, cando empezaba o rosario, todos os "chiringuitos" que tiñan música cortaban esta por respecto á celebración. A un rapaz, sinceramente, o rosario nin lle ía nin lle viña; tan só estaba desexando que rematase porque, ó facelo, empezaba o auténtico espectáculo nocturno no alto do Medo, a base de fogos de artificio. Aínda que, no propio rosario, a noite xa era realmente fermosa a causa das miles de velas acendidas mentres duraba a procesión. Entre misterio e misterio, os curas mandábanlle á xente erguer as súas velas e era aí onde a explanada brillaba ou se vestía de gala. A verdade é que era e é un espectáculo ver toda a explanada chea de velas acendidas. Remataba o rosario e as luces e son dos fogos de artificio seguían a iluminar a noite e incluso a facer berrar á xente de gozo. Volviamos para Baños de Molgas felices e contentos e, ás veces, cagadiños de medo porque a noite era máis pecha. Pero valía a pena.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES