É un personaxe practicamente descoñecido para a maioría da xente. Moitos saben que hai unha rúa na cidade da Coruña que leva ese nome e pouco máis. Con todo é bo que alguén nos diga que este señor foi un ferrolán ilustre do século XIX cuxas achegas tiveron importante repercusión social naquel tempo; que viviu en Ferrol practicamente a metade da súa existencia e que logo de "pasar a Marola" tomoulle un apego especial á

cidade da Coruña onde residiu vinte e dous anos dos seus setenta e un chegando por dúas veces a ser o seu alcalde. Os seus derradeiros quince anos da súa vida pasounos en Madrid onde faleceu en 1870.
Pois ben, quen nos leva cara a Juan Flórez é Mercedes Puyol que traballou arreo nesta encomenda: seino porque vivín de preto este parto con cesárea e transfusión polo complicado da súa evolución, salvando obstáculos, visitando arquivos e ordenando documentos. Non é doado resucitar a alguén practicamente descoñecido. Mercedes creceuse na dificultade. Licenciada en Xornalismo na UCM, traballou perante a súa vida laboral en Radio Nacional e arestora é habitual colaboradora na revista Ferrol Análises do Club de Prensa de Ferrol onde publicou achegas referidas a ferroláns pouco coñecidos entre os que se atopa Juan Flórez.
Mercedes Puyol presentou o pasado xoves na Capela do Centro Cultural de Ferrol o seu libro 'Juan Flórez, El ferrolano que dejó atrás la Marola' nun acto que contou con representación institucional encabezada polo alcalde da cidade e no que a autora explicou nun sucinto e didáctico resumo a figura deste ilustre ferrolán de estirpe de mariños por parte de pai, procedente de familia de fidalgos naturais de Asturias. A súa mai e familia eran de Ferrol.
A historia de Juan Flórez comeza cunha curiosidade sobre a moralidade social daquela época. A mai, Rosa, deu a luz a idade de doce anos, unha nena que xogaba con monecas e pasa a ter unha de verdade. A nena mai viviu na casa dos seus pais ata que sete anos despois Juan Flórez foi lexitimado como fillo natural meirande o matrimonio dos seus proxenitores.
A parte de curiosidades coma esta, Juan Flórez, promoveu proxectos dos que se puideran beneficiaren os menos favorecidos da sociedade. Foi deputado e promotor importante na posta en marcha do ferrocarril dende a meseta á Galicia que el entendía fundamental para o progreso.
Hoxe sabemos máis deste ferrolán ilustre. Parabéns ás institucións colaboradoras e a Mercedes Puyol pola excelencia do seu traballo.