Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel zoqueiro (30)

martes, 07 de septiembre de 2021
.../...

Agora, volvendo ao Zoqueiro, collámolo no principio doutra narración:

-... que eu tamén viña da capital naquel día. ¡Un día do nabo nesa neboeira de Lugo, que nin case se vía a xente! Pero quentámo-lo corpo na fonda da Quiroguesa; e despois o señor Avelino foinos traendo amodo, ¡como fai sempre!, ata a Olga. Clarearon as néboas mesmamente cando ía pechar a noite...; e desde logo, se non fose porque a Liña e mailo señor Avelino coñecen esa estrada de Mosteiro cos ollos pechos, a estas horas estaríamos, lo menos, lo menos, no Purgatorio!

Despois dunha serie de comentarios acerca dos coches de Trigo, o noso Zoqueiro seguiu parolando:

-Xa se comentara na Quiroguesa: "¡Hoxe vanas ter gordas en Caraño, carallán contra carallán! ¡A ver quen pode!"

Eu mirei de esguello para miña madriña, e non me equivoquei: Tiña nos beizos aquela xaculatoria que sempre musitaba cando alguén era mal falado, pero como rezaba moitas, unha para cada tipo de perigo, esquecín cal era a que usaba cando alguén falaba mal diante dos seus netos. ¡Mais pouco lle importaban ao tío Xosé os espaventos das beatas, que el seguiu no seu trote!

-Xa se viran en Lugo, de mañá cedo, o Cubano e mailo Xateiro de Caraño. Coñeceuno de lonxe, pois é máis doado coñecer aos que veñen de fóra... E como os xateiros están acostumados a levar arma curta, que lles dan permiso para usala en vista de que os fuxidos lles tentan a faldriqueira de cando en vez, notoulle ao Cosme que tamén el traía unha amiga no sobaco... En vista diso, tan pronto como fixo a entrega, díxolle ao chofer do seu camión que arrease de novo cara á Olga, que os esperaban cunhas vacas das libras...

Segundo chegaron ao Mesón, polo que me contaron, díxolle ao chofer: -"¡Me cago en diez, e non están! Ti espera aquí, co camión aceso, que eu teño o cabalo nesa corte, e vou sacalo para ver que pasou con esas vacas do demo!

¡Dito e feito! De contado deulles ás esporas, canto puido, e presentouse en Ver, coma unha centella! Daquela a Osvina e mailo Pérez estaban tan amiguiños e tan despreocupados; polo visto, roxaban no forno, para compartir a bola, e despois da bola, o que se terzase! O xateiro xa lle berrou de lonxe, antes de frear no cabalo:

-"¡Soutullo, colle a túa besta e vén correndo tras de min, que teño o camión na Olga! ¡É cousa de vida ou morte, que chegou a Lugo o Cosme! ¡Vino eu, con estes ollos, que non vos morreu coas febres, como daquela se dixo...! ¡Vai vir nos coches de Trigo, e trae unha pistola..., das grandes!

¡Alí houbo as do demo! Contoume un veciño da casa de enfronte que foi cousa digna de verse: Osvina, coa galleta dos toxos, arremeteu coma unha loba contra o seu querido Soutullo, que mesmo o arrinconou cara á boca do forno, e faltou unha cuarta para que o alapease o lume... Soutullo berraba coma un cabrito degolado... E Osvina chamoulle de todo, desde mentirán ata cubano puteiro! A todo isto, o xateiro de Churiz xa non sabía que facerlles, que tamén el perigaba, así que, de apeado, colleu a pá de mete-lo pan no forno, que foi a única defensa que viu ao redor; e como as pás teñen o rabizo longo, meteulla á Osvina por entre das súas pernas, enganchándolle a saia, así que aquela muller dos dous homes caeu estrapallada enriba dos toxos, que alí a deixaron, sen piedade. O Xateiro e mailo Soutullo, en cadansúa besta, tronzaron en liña recta, pola agra adiante, coma raios, que nin palabra se dixeron ata chegar ao Mesón da Olga!

A xente ríase, pero o noso Zoqueiro non tivo compaixón de nós, que seguiu apurando no seu relato:

-Por alí díxose que o chofer xa tiña baixada a pasarela do camión para cando chegase o Xateiro coas vacas das libras... Dun espolazo, cada xinete subiu a bordo, sen sequera desmontar; e aínda estaban montados, na caixa do camión, cando o Xateiro lle berrou ao chofer: -"¡A cen, cómame o demo; e non pares ata a Veiga de Ribadeo, ou mellor aínda, a Luarca, que volve a estallar a Guerra...!"

Confésovos, meus lectores, que eu apertei a miña caluga coas dúas mans, pois aquel conto do Zoqueiro adoeceume. Aquela batalla de Caraño sigo crendo que impresionaba a calquera, contásea quen a contase, pois as guerras pequenas tamén son guerras. Fun desleixando aquela madeixa cos comentarios que seguiron na ruada, particularmente ilustrados pola señora da Casa Grande, que seica coñecía aos interfeutos.

Tratábase de que o Pérez de Soutullo e mailo Cosme da Osvina de Ver, fóranse xuntos para Cuba. O tal Pérez xa andara algo coa Osvina, que era o que se di agora, "un ligón"; porén, cedeulla ao Cosme, que se lle facía moita harén xa que el apuntaba a Valonga onde había daquela máis finura que en Caraño. Cosme nin case sabía ler, e de escribir aprendera a debuxar o seu nome e pouco máis, pero era un cavador experto, que entolara nun ano a metade das chousas de Caraño. Honrado a carta cabal, e algo pasmón, xa de tanta bondade como era a súa.

Cava-las bouzas non foi abondo, pois o trigo pagaba o cuarto para o señorito da Olga, e quedáballes pouco para os Consumos e para as obrigas con pacto de retro que tiñan enriba os bens da Osvina e do seu pai. Cosme, nesas circunstancias, sacrificouse para salva-lo lugar da muller e mercou unha pasaxe para Cuba, con cartos que lle emprestou o propio Soutullo pois na súa casa estaban fortes de ferro, pero o mozo andábase pelexando cos de Valonga por cuestión de rapazas. Pelexarse cos de Valonga sempre foi cousa seria, ¡así que colleu medo! Puxéronse, pois, de acordo, Cosme e mailo compañeiro, en irse xuntos para América, no primeiro dos vapores que saísen da Coruña.

Chegados á terra prometida, Cuba, Soutullo arrendou un hotel deses que din que eran para dar servizo aos americanos. En canto ao Cosme seica lle foi mal, ¡como a tódolos honrados, naturalmente! Empregouse nun ingenio do azucre, que lle recomendaron, pero pagaban mal aos traballadores, igualándoos cos lacazáns. Dixo o Zoqueiro que aquel non era sitio para medrar coa forza dun traballo de forza, pero nisto veu o consello do Soutullo, que soubera polos seus clientes que aínda quedaban obras no canal de Panamá, e que pagaban moito aos mozos que resistisen aquel traballo. ¡O que non lle dixo foi que alí eran frecuentes as "febres dos pantanos"! O sufrido Cosme non o dubidou porque as obrigas da casa da muller seguían sen pagarse, e logo que non quería demora-lo seu retorno ao lugar de orixe porque Osvina era xamón de calidade, ¡e podía botarse a perder! Nesas circunstancias nin case o pensou: Pediulle ao Soutullo que lle escribise á súa muller, no seu nome, dándolle a nova, pois a serea do vapor para Panamá xa estaba pitando, e non lle sobraba nin un minuto para facelo pola súa man! Aquela carta nunca chegou a escribirse..., ¡porque non lle conviña ao Soutullo!

Pasarían dous ou tres anos cando aquel "empresario" dos hoteis ¿servizais? decidiu volver ao noso país..., ¡para mostrárlle-los cartos ás mozas, e de paso, a súa caxata de bambú aos mozos de Valonga! Como era tan troleiro, que antes de inventalas xa as fabricaba, non tivo remorsos en dicirlle á Osvina que se non recibira cartas do seu home era debido ás febres do Canal, pois a metade daqueles obreiros non as resistían, e que el tampouco tivera novas do Cosme, ¡co amigos que eran, e co cerca que estaban! A cousa coou, que no Canal maldito curso lles daban ás cartas escritas en castelán, ¡para que non se soubesen as calamidades da súa man de obra, que miúdos son os ianquis de metidos a empresarios! Así que se celebrou unha Misa de defuntos en Caraño..., e o resto, os consolos, púxoos o Cubano, que para iso, e para máis, tiña boa man. Soutullo, de posto a levantar, tamén levantou aquelas obrigas, mercou foros, e todo iso, así que, tan pronto como morreu o velliño, seguramente coa pena de que aquela propiedade pasase para o Cubano, polo fracaso e polo falecemento do seu xenro, Soutullo dedicouse a quitarlle o frío á "viúva" do Cosme, que iso do sacramento, aparte de que había que dalo por morto no xulgado, en tempo e forma, xa non se estilaba entre xente preclara, de mundo! Ela fíxolle caso, en todo, ¡malia fora!, que para algo era tan listo aquel home que se fixera rico en Cuba, nada máis chegar aló, que para borrego abondara co seu honrado cavador...

Retornado que foi Cosme a La Habana, que por fin aforrara uns cantos dólares á costa de moitas dores, entre elas unhas febres que logrou superar, soubo, precisamente na Sociedad de Vecinos de Pol, que nas cartas vidas de España falaran daquela Misa de Defuntos..., ¡e do ben que lle ía á ¿súa? Osvina co Soutullo! Sabidas estas novas e mercar un colt americano, grandísimo, dos que non marran o tiro nin a dez metros, e mais unha pasaxe para Coruña, foi cuestión de horas. Cosme pediulles por Deus a tódolos coñecidos que non escribisen nin palabra do seu retorno a Galicia, non fose o demo que agora si que chegasen as cartas diante del. Quería pillar aos amantes in fraganti, que era unha fórmula que lle dixeran que usaban os americanos para casos Aquel zoqueiro (30)semellantes, pois así no había delito senón lexítima defensa do seu honor. Todo o traía planeado pero fallou el mesmo en Lugo, por cutre, por deixarse ver, por non alugar un auto na mesma estación, e por esperar a que dese saído o bo do señor Avelino e maila súa tartaruga, aquel coche da Liña de Trigo...

O Zoqueiro rematou co seu relatorio informándonos que Osvina, grazas a non sei cantas Misas, conseguiu a pública declaración do cura de Caraño de que non houbera mala intención. Paces houbo, pero fincas non, así que agora van en Cuba, ámbolos dous, Cosme e maila súa muller, ¡Deus sabe para traballar en que! En canto ao Soutullo, como o mal gañado dura pouco, seica traballa de picador, preto de Xixón, nas minas de carbón da Camocha...

O Zoqueiro aínda sabía máis do caso, das súas consecuencias, pero calou neste punto porque se deu o casual de que xa volvera Edgar, coa garrafa e cos figos. Debeu adestrarse no paso da Lexión polo camiño, do rápido que volveu. Iso lle dixen ao meu amigo Euloxio, pero este respondeume que o fixera así, ¡polo medo aos lobos! De todo habería, pois os lobos tampouco escaseaban dada a cantidade de facenda miúda que tiñan ao seu dispor nos montes do noso Montecubeiro.

Nada sobrou da garrafa, que quedou ben escorrida; e tamén chegaron a pouco os figos, e iso que alguén medio se queixou de que tiñan pegados uns pelouros que semellaban cagadas dos ratos. Os figos pasos eran entón a lambetada dos señoritos, ¡con pelouros ou sen eles!

Por outra parte, a festa non foi todo o doce que prometía pois á señora da Casa Grande, ademais das xaculatorias de miña madriña, caeulle mal o relato daqueles escándalos de Caraño... ¡O Zoqueiro debera dicir que aquilo pasara aló lonxe, tal que no Cádavo, pero..., non se lle ocorreu! Sacou o seu paniño das mans, coma se fose ordenar un cambio de terzo nunha corrida de touros. Iso de saca-lo pano vírao eu nunha restra de postais de Madrid. Soouse delicadamente, e díxolle, tamén delicadamente, ao Zoqueiro:

-Señor Xosé: Eses contos, que nin sabemos de certo onde lles empezan as verdades, de certas persoas, por demais coñecidas, e que a nosoutros non nos fixeron mal ningún, non son para referidos nesta bisbarra... ¿Non lle parece que sería mellor falar de amoríos máis..., máis frívolos, ou sexa, sen drama, que haber hainos, e vostede, que anda polo mundo, seguro que me entende!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES