Emprego público
Editorial - martes, 22 de julio de 2008
Por Europa adiante, hai moitos máis empregados públicos ca en España, afírmase; e por España adiante, máis ca en Galicia, para logo xustificar que a creación de emprego público é sinal de progreso xa que a función pública actúa como tirón da economía, e canto máis persoal se dedique á atención das necesidades básicas das persoas, máis se estará cumprindo a redistribución da riqueza, o fomento da actividade, e o cumprimento dos fins da administración pública.
Chama a atención, sen embargo, o sucedido en Galicia nos últimos anos nos que a creación de emprego (entre 2005 e 2208) correu a cargo do sector público nun 32,4%. De cada 100 empregos promovidos en Galicia, 68 corresponderon ó sector privado e 32 ó público.
Se nos parece moito, por diante está Extremadura con algo máis dun trinta e cinco e Aragón co corenta e dous por cento, sendo as tres autonomías con maior incidencia do público en relación co privado, estando o promedio de España en pouco máis do dous por cento.
As Administracións teñen tamén como papel facer avanzar a economía co fomento de actividade, actuando como auténticos motores de impulsión da actividades. Pero esto non sempre vai ser así, porque os datos afirman que as autonomías van frear o seu cremento desde agora ata 2010, correspondéndolle a Galicia un ritmo de crecemento do 2,5% este ano, 2,3% o ano próximo e 1,4% no 2010.
A sociedade está a agardar que sexan as administracións as que nos saquen da crise con medidas innovadoras, plans de desenvolvemento, xuntando poder con imaxinación.
A posibilidade de promoción do emprego público debe estar prácticamente esgotada. Pero ten que haber moitas máis solucións que arbitrar para darlle ánimos a un País que fai moi poucos meses estaba nadando na abundancia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora