Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Frouseira e Caldaloba, anos de loita e resistencia contra o reino de Castela

miércoles, 15 de septiembre de 2021
Os Reis Católicos no mes de xuño do 1478 prohíbenlle a Pardo de Cela entrar nos concellos de St.ª Marta de Ortigueira, Viveiro e Mondoñedo, quedou, por tanto, obrigado e confinado a vivir no concello do Valadouro e na franxa da Mariña luguesa correspondente, onde curiosamente cinco anos máis tarde será detido na aldea de Castrodouro (Valadouro), nunha segunda traizón, na casa de Afonso Yáñez, capelán do bispo mindoniense.

Prevendo o que se lle viña enriba, pide aos Reis unha carta de seguro e amparo, a que lle otorgan e na que se lle di "[...] et por la presente tomo e reçibo al dicho maryscal pero pardo de çela e a su mujer e fijos e escuderos e vasallos e panigoados e a cada uno dellos e a todas sus fortalezas e villas e logares en mi goarda e so mi seguro e anparo e defendemiento Real [...] para que le non maten ni fieran ni liguen ni prendan ni manden ferir ni prender ni matar ni lisiar ni faser ni fagan otro mal ni dagno ni desaguisado alguno en su persona ni a su mujer e fijos e cryados e escuderos e vasallos ni en sus bienes ni en cosa alguna de lo suyo [...]". O final do Mariscal xa o sabemos.

En outubro do 1480 chegan a Galiza os representantes dos Reis Católicos, Fernando de Acuña, Xustiza Maior ou Gobernador, o licenciado López de Chinchilla e o capitán Luis de Mudarra, acompañados por un exército de 300 xinetes co mandato de pacificala. Traen con eles unha real Cedula na que se lles dan non só plenos poderes para impor penas civís e criminais senón tamén se conmina ás autoridades e irmandades galegas que se sumen ás accións militares dos Comisionados, de aí que no cerco á Frouseira participaran tamén tropas de concello de Mondoñedo e do Valadouro, e no de Caldaloba, as dos Andrade e Ribadeneira. Débese ter moi presente, por tanto, que os dirixentes da pacificación de Galiza foron os Comisionados reais, eles eran os que daban as ordes, os que facían e desfacían, os que encarcelaban, axustizaban mentras que os galegos que se xunguían a eles, eran simples peóns que se beneficiaban de certas prebendas que lles daban por esa miserábel axuda.

O 4 de novembro do 1480, a un mes de estar os Comisionados en Galiza, Pardo de Cela pide aos Reis unha segunda carta de seguro amparo, isto é, aos dous anos de pidir a outra, e retírase cos seus criados á Frouseira, onde se fai forte e invencíbel.
Contragolpea e resiste os ataques do exército de Acuña e Mudarra, así como os dos acólitos galegos con tal acerto e seguridade que cando Acuña levaba ano e medio en Galiza (alá por marzo-abril do 1482) di que "harto tenía que hacer porque tenía cercado a Pedro Pardo en Pena Frouseira". Estaba "farto" de pelexar contra O Mariscal sen conseguir máis que feridos e mortes. Así o confirmou tamén o capitán Luis de Mudarra cando se retirou ao mosteiro de San Martiño, pois manifestou que no cerco á Frouseira houbera moitas mortes. Fernando de Acuña non puido con Pardo de Cela e buscou a rastreira maneira de tomala pola traizón. A Frouseira é traizoada en torno aos meses de xuño-xullo do 1483, isto é, aquí loitaron, resistiron e morreron sobre dous anos e medio. Derrubada A Frouseira, Pardo de Cela é novamente traizoado en setembro na casa de Afonso Yáñez, e despois dunha forte loita con feridos e mortes, é feito preso xunto co fillo, os Mirandas e criados, e levado a Mondoñedo, son degolados o 3 de outubro do 1483. Enterrados na catedral mindoniense á dereita do altar maior "con grande auto­ridade", a súa filla dona Constanza de Castro e o seu home, Fernán Ares de Saavedra, deciden tomar a torre fortaleza de Caldaloba e seguir facéndolles fronte ás tropas dos Comisionados reais, ás que se xunguiron as dos Andrade e Ribadeneira. E aquí están loitando e resistindo trece meses, polo menos (outubro do 1483 - decembro/xaneiro do 1484), ata que morre dona Constanza envelenada pola auga podre do pozo, o seu home é ferido pola pedra dun trabuco e todos os demais enfermaron, polo que non tiveron máis remedio que depor a loita e o cerco. Non se renderon. Loitaron ata que dona Constanza morre e os demais adoeceron, isto é, ata morrer e ata o límite das súas forzas. Foron, pois, entre A Frouseira e Caldaloba, case catro anos de loita, resistencia e mortes da familia de Pardo de Cela contra as tropas do reino de Castela. Por iso, tanto Pardo de Cela -en toda A Mariña luguesa e en gran parte de Galiza- e a súa filla dona Constanza de Castro -en toda Vilalba, Mondoñedo e A Mariña-, se converteron en mitos. A súa loita e escuras mortes ergueronos a mitos. Para a xente do pobo quedaron coma herois porque non se dobregaron ás peticións dos Reis de Castela. Ambos merecen unha estatua nas súas fortalezas para que, ademais, as vindeiras xeneracións non esquezan que a finais do século xv un puñado de galegos morreron defendéndose das tropas do reino de Castela, que viñeron a pacificar este Reino. Por todo isto, tamén, A Frouseira e Caldaloba convertéronse en fortalezas emblemáticas dunha Galiza que loita e resiste e que as autoridades, Xunta e Concellos correspondentes, teñen a obriga moral de manter e protexer (máis que outras fortalezas) polo que supuxeron e supoñen para a nosa Historia.

Por todo isto, tamén, os chairegos -e toda esta parte de Lugo é chairega nesta petición- amencen con pancartas, con mans que piden e puños crispados que suplican cara o ceo para que Caldaloba e A Frouseira sigan en pé porque son símbolos da dignidade e liberdade do noso pobo. Aínda estamos a tempo. Aínda é posibel: Xunta de Galiza, Deputación de Lugo, Alcaldes dos concellos da Terra Chá, Mondoñedo e Valadouro. Galiza agarda a vosa resposta.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES