Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Abrirmos o ouvido

domingo, 05 de septiembre de 2021
Diversos teólogos e estudosos da vida de Xesús estanlle a dar nos tempos de hoxe gran relevancia á función sandadora, curadora, liberadora de Xesús nas súas actuacións cos seus contemporáneos pobres, necesitados, marxinados, etc. En realidade, o que el facía era presentar no noso mundo a face humana, benfeitora, do seu Pai Deus. Deus non quere o mal, nin a enfermidade, nin a morte. El é un Deus de vida. Por iso traballa connosco e a través de nós para que todos poidamos vivir felices. Vai creando así en nós, ó seu ritmo e das maneiras máis insospeitadas, felicidade e plenitude.

O evanxeo é por iso (e serao sempre) "boa noticia", "nova feliz". Non é unha mensaxe de xuízo ou de condenación, por moito que quizais teñamos metidas na cabeza ideas deste tipo, que proveñen dunha errónea educación relixiosa.

O xordomudo do que nos fala hoxe Marcos vén ser por iso unha ocasión máis para que Xesús amose nel, coa súa curación, o seu claro talante liberador. Os sinais que el realiza e que foron recollidos pola tradición nos evanxeos non teñen un senso simplemente individual ou particular. É dicir, no caso concreto de hoxe, non nos podemos limitar a ollar o efecto curador particular producido por Xesús nunha persoa que era xorda desde o seu nacemento e que, en consecuencia, non era quen de se relacionar cos demais coa palabra pois nunca fora capaz de oír ningunha.

A súa mensaxe de vai moito máis alá disto. Xesús quere así expresarnos como é Deus e como quere que sexamos nós. Abertos ás necesidades dos demais, non pechados en nós mesmos, no noso propio recuncho interior.

Á súa maneira, Deus está aberto a todos, a todo o mundo, a toda a humanidade. Esa curta palabra que Xesús lle dirixe ó xordomudo, "effatá", "ábrete", é unha palabra dirixida tamén a cada un de nós en calquera situación na que nos poidamos atopar: "ábrete". Porque Deus está xa en si mesmo aberto ou transparente a todos. El é apertura pura e infinita. O Pai ábrese infinitamente a quen é o seu Fillo, e o Fillo e o Pai son infinitamente transparentes ó Espírito Santo. Hai en Deus unha mutua e total comunicación, de tal modo que el é ó tempo un e trino. A que denominamos Santísima Trindade do noso único Deus que se nos revelou en Xesús.

Sabemos ben que a apertura crea amizade. Entre amigos non se agachan as cousas. O primeiro que fan dúas persoas que polo que sexa se desamigan é non falaren a unha coa outra. Tal como adoitamos dicir, andan de morros. O xordomudo pode considerarse así como un símbolo daquel que está totalmente pechado en si mesmo: nin percibe ou recibe comunicación dos demais nin é quen de transmitir pola súa parte mensaxe algunha a outros.

Pois ben. Así como Deus non é xordomudo en si mesmo, senón infinita comunicación das tres persoas divinas e libre e agarimosa comunicación con todos nós, da mesma maneira quere ese Deus aberto e comunicativo que sexamos tamén nós: abertos, comunicativos, interesados en atender e axudar os demais. Neste sentido, as palabras máis fermosas que se poderían escribir, en pedra ou en bronce, como epitafio dunha persoa serían algo así como estas: "Todo o fixo ben". Parecidas a aquelas que, segundo nos conta Marcos, dicía a xente, "totalmente abraiada", sobre o Xesús sandador e curador: "Que ben o fai todo".

Desde esta consigna que ten como imperativo o "Ábrete", poderiamos dicir que o Reino de Deus, que Xesús quere instaurar no mundo e sobre o que na oración do "Noso Pai" lle pedimos a Deus Pai que "veña a nós", está asentado sobre dous alicerces, que veñen sendo como dúas "aperturas".

Unha primeira "apertura" persoal a Deus, para estarmos en disposición de poder escoitar a súa mensaxe, a súa palabra (de maneira individual e comunitaria), e outra segunda "apertura" respecto de tódalas persoas, de maneira tanto activa como receptiva: é dicir, ofrecendo "luz" e axuda ós demais e recibindo ó tempo deles a axuda que eles nos poidan agarimosamente ofrecer.

Se non temos estas "aperturas" e preferimos polo tanto permanecermos "xordomudos, é dicir, coa porta pechada tanto en relación con Deus coma en relación cos demais, entón quedaremos lonxe dese Reino de Deus, que se nos anuncia.
Mais hai algo aínda moi importante en relación con esta dobre apertura. Recórdanolo tamén hoxe a carta de Santiago da segunda Lectura. A nosa apertura ha ser sobre todo -dísenos nela- ós pobres e ós máis necesitados. A nosa ollada benevolente e risoña non se ha dirixir preferentemente, tal como estariamos tentados a facer, a aquelas persoas podentes e ben prestixiadas que Santiago describe como levando un anel de ouro no seu dedo anular, en claro contraste cos esfarrapados da vida. Non. Porque os pobres e esfarrapados deste mundo son xustamente, dinos Santiago, os que Deus escolleu para o seu Reino. Polo tanto, é cara a estes como nos deberiamos mover case instintivamente, algo así como a agulla do compás se dirixe sempre cara ó Norte. Porque se a mensaxe de Deus Pai en Xesús é a de que todos somos irmáns e resulta que algúns (moitos) non parecen irmáns meus porque non viven en condicións tan confortábeis coma as miñas, entón a cousa está ben clara: hai que traballar para que eles se poidan sentir de verdade irmáns meus.

Os que non traballan nesta liña son en definitiva "xordomudos", é dicir, están pechados en si mesmos, necesitados polo tanto daquela curación mesiánica que os "abra" á verdade e ó amor de Deus e dos próximos. Pois foi en Xesús onde anunciou e fixo presente Deus Pai a fraternidade universal de todos. Todos estamos polo tanto revestidos por igual da gran dignidade de fillos de Deus Pai.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES