Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas Novenarias (2)

jueves, 09 de septiembre de 2021
O Rosario D'Aurora

Un dos acontecementos máis interesantes que se realizaban nas novenas dos Milagres era o Rosario d'Aurora. Este acontecemento era máis local que provincial ou rexional, xa que era un rosario que levaban a cabo as parroquias de toda a bisbarra e efectuábase de mañanciña cedo, para presentarse no santuario á primeira novena, á primeira misa. Como eu vivín o da parroquia de Baños de Molgas, alá vou coa descrición ou experiencia do mesmo.
Lembranzas Novenarias (2)
O dito; había que madrugar. O espertador na vila de Baños de Molgas, ese día, eran uns poucos fogos artificiais coas súas bombas de palenque e o repique de campás desde a igrexa da vila. Iso acontecía aí sobre as seis da mañá, aínda noite pecha, para podernos xuntar todos na Cagalla, á saída mesma da vila. E como o propio rosario non empezaba ata que chegabamos ó cruce coa estrada de Maceda a Vilar de Barrio, durante os tres ou tres e pico quilómetros da estrada de Baños de Molgas iamos máis ou menos de parola e, os rapaces, máis ou menos divertíndonos coas típicas bromas de que "aí sae o lobo", "aí escoitouse algo", etc., e caendo algunha que outra labazada das nais (as mulleres eran as que predominaban no rosario, dado que os homes ou ben saín a traballar ou ben quedaban preparando o gando para saír) polo mal comportamento na que se pode chamar "procesión" máis ou menos silenciosa e aínda que neses momentos non se rezase nada de nada. O cura párroco don Manuel Pulido, de cando en vez, deixaba caer algunha frase de respecto ó evento, pero, ó mesmo tempo, defendía ó rapaz amoestado cun simple "déixao, muller" a esa nai coa man lixeira ou coa man levantada.
Cando o rosario entraba no seu aspecto serio, ou sexa, cando se iniciaba a uns cincocentos ou seiscentos metros do santuario, xuntabámonos todos ante don Manuel e iniciabamos o percorrido, en silencio e rezando, á beira da cuneta esquerda. Coches había poucos, pero sempre había, e non fose o demo que... Ó chegar ó santuario, o normal: novena e misa e deica o ano que vén.
Dicir que cando, eu ou calquera rapaz, deixamos de ser rapaces, o rosario deixou de ser unha das obrigacións porque o madrugar non lle gusta a ninguén. Pero seguimos, sigo a recordalo con cariño.

A rutina dos churros

A comarca dos Milagres ou do Val do Medo ou do Alto Arnoia sempre foi agrícola, labrega. Hoxe segue a ser o mesmo, pero con moitísima menos xente. Nas décadas dos 60 e 70, un labrego, para poder asistir ás novenas dos Milagres, maioritariamente tan só tiña unha opción, a de asistir á primeira novena do día, á das sete e media, xa que despois tiña todo o día ocupado co seu gando e coas súas leiras. Certo que, se había algunha ocasión (ou ben porque algún día se podían permitir o luxo de non traballar moito, ou ben porque se repartían o traballo cos cónxuxes ou fillos), optaban, por suposto, por outra hora calquera, por aquilo de non madrugar moito. Pois para ir, polo menos desde Baños de Molgas deica o santuario, cumpría sobre unha hora, o que significaba que, entre preparación e camiño, non quedaba outra que erguerse ás seis da mañá.
Lembranzas Novenarias (2)Debido precisamente a este madrugón, moitas veces os pais compadecíanse dos cativos (aínda que, estes, á noite anterior pedisen e pregasen que os chamasen para ir á novena) e deixábanos durmir. Pero algunha que outra mañá, ou varias, si que nos levantabamos porque, non sei, facía así como certa ilusión o madrugar e ir de parola polo Medo arriba. Ou simplemente o detalle ese de "ir á novena, á primeira novena". Así tamén podías alardear ante os amigos que madrugaras. Eramos así.
Non obstante, se saquei á palestra a primeira novena do día foi pola rutina dos churros. Resulta que ó saír do santuario e xa de volta para a casa, algúns, moi pouquiños, mercaban media ducia, ou como moito, unha ducia de churros na sempiterna Churraría Lolita. Sinceramente, iso era un calvario para min! Porque a miña familia (e como moitas) todo o que se relacionase con tendas, é dicir, con pagar por algo, estaba máis que prohibido. De cando en vez, algunha alma caritativa ofrecía algún churro (ós nenos tan só, que non había que desperdicialos) que, para máis aquel, eu rexeitaba por vergonza ou pola ladaíña aquela de non coller para non ofrecer. E nós non tiñamos nada que ofrecer. Maldita sexa, íaseme a vida vendo como os comían e tiña que rexeitar o que me ofrecían! Neses momentos era cando pensabas se realmente a Virxe facía milagres. Que ía facer! Como non ía perder entón a fe! Agora ata te agasallan con algún churro cando tomas un café. Agora. Porca miseria!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES