Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas Novenarias (1)

miércoles, 08 de septiembre de 2021
O primeiro indicio das novenas

En Baños de Molgas o primeiro indicio da celebración das novenas no santuario da Nosa Señora dos Milagres acaecía xa algunhas semanas antes do 30 de agosto, e non polos carteis que así pregoaban tal acontecemento, nin polo coñecemento dos propios veciños (creo que estes, ó rematar as novenas de cada ano, xa estaban pensando nas do ano seguinte), senón polas ducias de camións de terra que cruzaban a vila cara á estrada ou, naqueles tempos, pista que vai desde a vila molguesa ata Os Milagres. Esa estrada ou pista, nos anos 60, non estaba, por suposto, asfaltada; e isto significaba que todos os invernos ou primaveras, cada vez que había unha chea do río Arnoia (e habíaa e haina todos os anos), a auga limpaba de tal maneira a estrada desde a ponte das Cabras ou ponte do Medo ata a propia vila, que os coios asomaban a moreas e tan afiados que mesmo as propias vacas construían os seus propios carreiros para evitar as dores nos seus pezuños. E onde non había coios, formábanse grandes buracos que facían imposible a circulación (por certo, a circulación nesa década era bastante escasa, pois case se podían contar cos dedos das mans os coches que pasaban con dirección ós Milagres), polo que ano tras ano o concello empezaba co ritual de preparar a pista cada vez que estaban a piques de empezar as novenas e a base de camións e camións de terra. Agora xa hai moitos anos que se lle botou cemento ó cacho máis castigado e o resto asfaltouse, e que eu recorde, non se lle volveu tocar.

Pero ir ás novenas os primeiros días, despois do "lavado de cara" da estrada, era botarse de cabeza a unha poeira molesta e porca, porque, aínda que, como dicía, había poucos coches, algún sempre pasaba e cando o facía xa podedes imaxinar o panorama. Imaxinade tamén o panorama se se lle daba por chover durante uns días... evitaríase a poeira, pero o bulleiro facíase dono e señor da peregrinación ó santuario. Porque naqueles tempos, a maioría, a inmensa maioría trasladábase a pé desde calquera punto da contorna ata o alto do monte Medo. Algúns é certo que botaban man dalgunha moto ou dalgunha bicicleta, aínda que o transporte maioritario (fóra, por suposto, do coche de san Fernando, un pouquiño a pé e outro pouquiño andando) eran os burros. E aproveitando o arranxo desa estrada e doutras estradas da contorna, mañá falarei desa xente que ía descalza ata Os Milagres.

Descalzos e de xeonllos

Falaba onte da preparación ou arranxo dalgunhas pistas, camiños e estradas con destino ó santuario dos Milagres e con motivo da súa peregrinación mariana. Tal preparación debíase a que entre o 30 de agosto e o 8 de setembro aumentaba de maneira demasiado considerable a circulación polas mesmas, tanto de vehículos motorizados como de cidadáns a pé. E quizais estes últimos fosen os que máis agradecesen ese amaño nas pistas da contorna. Porque, antigamente, moitos peregrinos e romeiros realizaban os seus percorridos a pé e descalzos. A xente "ofrecíase" á Virxe dos Milagres con tal fervor que daban por bo o sacrificio a base de sangue, suor e bágoas.

Por iso sempre me deu tanta rabia, tanta carraxe escoitar a xente baduar ou esbardallar contra certas relixións (principalmente a islámica), cando a nosa mesmo cometía ou deixaba cometer actos que se saen do común. De neno impresionaban as imaxes de peregrinos vendo como lles sangraban as plantas dos pés ou vendo a eses mesmos pés envoltos en farrapos de roupa para amortecer a dor e cortar o derramamento de sangue. Aínda que naqueles momentos case entendías esa fe porque, o ser humano, cando se ve contra as cordas bota man do imposible. Case podo asegurar que a fe era e é a angustia do medo. Porque hai medo ante certas situacións e axiña nos achegamos a alguén (neste caso a Virxe dos Milagres) para que nos axude a vencelo. O que ía descalzo estaba convencido de que tal sacrifico curaría a un enfermo terminal ou de que tal fillo aprobaría grazas á Virxe dos Milagres, como lle acontecía a miña Lola, que se eu aprobaba era grazas á Virxe, pero se suspendía, era culpa miña (neste último caso a Virxe, pobre, non tiña nada ver).

Ás veces, o fanatismo ou esa angustia ó medo ía moito máis alá da lóxica, cando, algúns, non chegándolles co sacrificio de ir descalzos, se deixaban caer de xeonllos á entrada da explanada ou mesmo desde a, hoxe, rotonda e facían desa maneira o percorrido ata o mesmo santuario. E sigo dicindo que, naqueles tempos, pensábase que era fe; hoxe, eu, máis ben catalogaría ese acto como flaxelación. Porque si, porque por moi ben que quedasen arranxados os camiños ou por moi limpa que estivese a explanada, sempre pillabas areíñas que che laceraban a saúde. Pero que importaba un regueiro de sangue ante a imaxe da Santiña do Medo!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES