Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Neno de Monte

jueves, 16 de septiembre de 2021
Neno de Monte. Xabier Vizcaíno. Edición, portada, deseño gráfico e diagramación Andrés Wolf.

"Eiquí me tés. Dando leria ós meus silencios, na memoria dun neno labrego.
A meus abuelos. Sempre comigo."


Leo estas notas de entrada e pregúntome: pódese ser máis tenro e auténtico?

Atopo unha voz diferente, un verso solto que produce un traballo distinto: na edición, na presentación, na música, na poesía e no relato. O autor vén do lado de fóra e fai o que lle dita o seu interior, sen máis influencias. Así, tamén recolle as referencias ao coñecido como a memoria dun neno labrego ou o verso de Rosalía "tanta terra mar adentro").

Neno de MonteO libro tráenos música, poema e relatos, así é o autor de xeneroso! Á hora de escoller quen lle faga o prólogo busca ao seu primeiro mestre de galego, Manuel Gómez González, e este confesa que continúa recoñecéndoo tres décadas despois, seguramente porque Xabier conserva o rapaz que foi e non o traizoa. Explica, o prologuista, que o mozo escribe movido polos afectos recollendo as voces doutrora, a rica toponimia e a esencia primixenia co seu estilo tradicional nun "acto de xustiza para con aqueles, que nos precederon, pois a historia dos humildes tamén merece ser contada".

Vizcaíno é un músico que escribe e canta, conta con vídeos de presentación e gravacións en directo. Agora dá un paso máis ao escribir unhas historias relacionadas co mundo dos seus avós, busca quen realice a maqueta e o deseño, quen ilustre unha edición ben particular e de boa factura, que semella facelo dende Colombia, reinterpretando ese neno de monte que vai da man do seu avó; unhas ilustracións a lapis que continúan o garabateo máis alá da silueta, estendéndose polos límites das páxinas. Apegado ao pasado e apegado ao seu, O Incio.

Cinco relatos que responden a que "o que non se escribe pérdese na memoria e sen memoria non existimos". O primeiro deles, "A feira de Amoedo", está narrado por un neno de doce anos que acompaña ao avó nesa viaxe de varios días atravesando terras, escoitando o oubeo dos lobos, parando en cantinas, mercando na feira e asistindo ao momento no que estala a guerra e chegan os falanxistas a cabalo disparando coma salvaxes ("comezaba a forxarse a recente historia máis negra que unha persoa pode vivir"), actuando, este texto, a modo de memoria histórica. O segundo relato, "O tío José", está na boca dunha muller que lembra cando tiña once anos, vive coa madriña e o tío José que ademais de labrego bota as cartas e seica adiviña o futuro; entre a contada das labores veñen os contos "paveros" como cando lle bota as cartas a un veciño e lle di que vai ter moita sorte (e ben é certo que nunca vai de morrer pero pasar pásalle de todo ao pobre) ou ese final, no que despois da mala premonición dun vello, o tío José queda a soas coas cartas moito tempo, para esa noite deixarlles un sobre cun as de ouros e un texto "Isto quitaravos as temerosas pantasmas de profetas da fin do mundo e se esta chega un día, que vos colla bailando" porque polo que dicía ha chegar "cando a terra estea cruzada de camiños asfaltados por tódolos lados e polo aire ande voando a xente, virán unhas pestes que matarán a metade da humanidade e daquela... virá a fin do mundo", sóanos a algo?

Recolle Vizcaíno a Cantiga de Pedrouzos da autoría do tío José e o Casto de Mao ante de introducir o terceiro relato. "Habelas hainas" vai dunha bruxa e da casa familiar onde se xuntan os veciños a contar historias nas noites de lobos "todo canto digo éche certo, se hai algunha mentira é pra darlle algo de gracia á historia do contador, claro"; si, pode habelas pois un home e unha muller métense con outra que ten fama de meiga, de repente ábrese a porta e entra un vento do demo, ela bótalles unha maldición que se cumpre. Dá medo pensalo, pero nunha ocasión a que ten fama de meiga pídelle ao pai de familia que lle traia unha caixa de galletas de paso que vai ao Incio e tanto llo agradeceu que lle desexou boas novas, estas tamén se cumpriron e da vella nunca máis se soubo.

"O Paulino" é a historia dun pai e un par de fillas que son músicos e van polas festas, os santuarios aos que se ofrecen, os amores de todo tipo que alí lles aparecen e todo isto contado polo Paulino, o burro que leva os instrumentos e que tamén vai tendo os seus encontros amorosos. El resume así o tema sentimental: "de pequeno rei, de mozo galán, de casado burro e de vello can" e a vida desta maneira "De músico, poeta e louco todos temos un pouco".

Pois ben, Xabier é moi fermoso que a túa loucura vaia parindo estas obras que recoñecen vellos tempos, lugares a piques de perder os nomes e antepasados. Graciñas por ser e, coma a meiga, eu tamén che desexo "Ogallá, que pronto che veñan boas noticias nesas cartas [obras] que por aí repartes". Ogallá, meu!!!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES