Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Maside, tío e sobriño, Carlos e Xulio

jueves, 09 de septiembre de 2021
Por un azar laico, que diría Manolo Bragado, nun tempo determinado coincidiron na Fundación Granell o legado Maside e a exposición do sobriño, Xulio Maside. Obra recente 2014 - 20.

O concello de Santiago tivo a feliz previsión de encargarlle á historiadora e crítica de arte Mercedes Rozas unha pequena publicación sobre o legado. A introdución que sintetiza o estudo sobre Maside comeza así "Carlos Maside, nunca empregou artificios na súa pintura, tampouco procurou facelo no seu traxecto vital. Enfrontouse á realidade cara a cara, sen reviravoltas, representándoa coas súas luces e as súas sombras en debuxos, gravados, acuarelas e pinturas, mentres a defendía cun comprometido deber social e ideolóxico, actitude que lle carrexou, ao rematar a Guerra Civil, unha dura condena de represión". Este pintor, nado en 1897, que forma parte do grupo Os Novos, representa a vangarda dese tempo no que se renovou a arte e a cultura galega. Ética e estética van da man do viñetista crítico nas publicacións da época pero tamén na representación das escenas populares buscando a dignificación das xentes humildes, especialmente das mulleres (en palabras de Mercedes Rozas).

O legado consta de trece óleos sobre lenzo, un pastel, tres guaches e catro debuxos a lapis realizados entre 1930 e 1952.

Sempre digo que a miña xeración descoñecía a Maside, chamábanos a atención que o museo que Díaz Pardo e Seoane crearon no Castro levara o seu nome e comezamos a supor que algo había detrás. Un almanaque (de cando a Fundación Caixa Galicia o era e, polo tanto, realizaba publicacións dignas, nas que aparecía algo do noso patrimonio para dalo a coñecer e non o seu logo, a secas... ) tróuxonos imaxes dos seus cadros que moitos enmarcaron para telo presente máis alá da cociña onde se colgaba o calendario. Tamén apareceu obra de Maside nunha desas postais que publicaba Díaz Pardo e se vendían en Sargadelos (os santos do Bloque chegaron a chamarlles) nas que ao lado dos retratos de Valle Inclán, Rosalía, Castelao... aparecían imaxes de Souto e outros, entre as que estaba a costureira de Maside ou aquela outra da feira con retallos de telas a modo de patchwork. Maside, o pintor de mulleres no traballo, telas, bodegóns e cacharros, de mercados e feiras; o pintor dos volumes e unha certa xeometría, da abstración e o cromatismo, das formas suxeridas, está nese legado que nós podemos ver hoxe.

Falando da miña xeración, debería dicir que todo nos chegou tarde, por iso deben perdoársenos determinados erros, non así aos que sempre miraron para outro lado, porque como segundo Alejo Carpentier, o problema non é enfrontarse á tradición senón esquecela.

Deste pintor tamén se puido ver, hai un tempo, no Museo de Pontevedra, a exposición de bosquexos, debuxos e acuarelas "Carlos Maside en Combarro, 1952" de máis de cen obras inéditas, realizadas polo artista nese verán en Combarro. Desta maneira puideron ser catalogadas as 103 pinturas e 210 debuxos que a forman.

O sobriño, Xulio Maside, compartiu con el espazo, na Fundación Granell. As obras que recolle son as posteriores a 2014, data da Exposición Antolóxica no Auditorio de Galicia, comisariada por Mercedes Rozas.

Xulio, forma parte da Xeración da Posguerra. A súa afirmación "A miña paisaxe é a paisaxe humana" confírmase plenamente, e aínda poderiamos dicir que é un panorama de poucas figuras, pois os soportes vense ocupados pola muller, a parella ou o trío, maioritariamente. A liña, a mancha e o plano van evolucionando ao longo da produción.
Toda a súa xeración era debedora de Carlos Maside, a quen admiraban e escoitaban cando dicía "son os poetas os que mellor explican a historia presente", lembrando aos da xeración do 27 e aos galegos, el era o vínculo co exilio exterior e interior, a memoria do que fora a república, por iso os coetáneos de Xulio o tiñan como referencia nas artes e a vida.

A exposición de Xulio está composta por case un centenar de pezas: debuxos e collages sobre cartulina e cartón, óleos sobre lenzo e gouaches. A temática xira ao redor do singular feminino, o gato -animal libre- deambulando polo cadro tal vez para falar da natureza inconsciente tal como recolle Fátima Otero, as parellas en actitude amorosa e os outros animais (serpe, paxaro, lobo...) acompañando aos humanos, e sempre, enmarcando o amor e o bico, nunha variación do eterno tema.

Xa sei que cada artista ten un asunto que o singulariza, pero eu adoro, máis que nada, ese gato negro no medio da abstracción e o informalismo, o gato ceibe que busca a caricia e ronronea no medio do sereno pracer.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES