A cobiza selvática
Sentei á sombra dun salgueiro e estiven á espreita de ver pasar algo; aínda que só fosen algúns biosbardos ou uns cantos esperpentos, pero non pasou nada. Levo media hora esperando e o único que pasa é o tempo. O mesmo tempo en cada momento. Non obstante, a min os minutos fánseme eternos. O salgueiro está á beira

dunha lagoa e a lagoa está no medio dun bosque. Empezo a desesperar porque nada pasa, nada acontece e a soidade reina. Case me dan ganas de tirarme á lagoa e mollarme. Tampouco me importaría afogarme. Sería unha morte gloriosa e gozosa, moi gozosa.
Casemente é mellor que erga e que bote a andar. Máis seguro que non existan os biosbardos nin os esperpentos de Valle-Inclán. A memoria é efémera e tan só lembramos aquilo que máis nos convén. Agora mesmo, eu penso nesa voz tan especial e tan característica de Tom Waits. Boto, logo, a andar e deixo atrás a sombra do salgueiro. Tardo en saír do bosque porque este é inmenso e cheo de latexos de seres que van e veñen polas corredoiras do silencio. No bosque hai silencio e desexo, moito desexo. Cando conseguín saír desa selva mesta, fíxeno saciado e cun brillo especial nos ollos. Ós pouco metros vin, alá, no outeiro, os biosbardos que buscaba. Por vinganza, nin os saudei. Quixen demostrarlles que tan só era eu o rei do mundo, dese mundo esperpéntico que non respecta doutrinas nin sentimentos. Subín ó outeiro e, logo de contemplar a cobiza selvática, cantei todo un álbum de Tom Waits.
Espírito libre
Quero que chova pero estamos moi cerquiña dos 40 graos. Quero pasear polo planeta Marte pero fáltame a nave espacial (o traxe de astronauta xa hai moito que o teño). Quero correr detrás dun coche vermello pero a súa velocidade é excesiva. Quedo coas ganas de alcanzalo. O que significa que a miña recompensa foi ó carallo. Non obstante, sempre confío en aparcar á súa beira. Quero tomar o café que me acaban de poñer, e vouno facer. Pequena pausa para baleirar a cunca en tres ou catro tragos.

Foron tres. Tres tragos. Suficientes para sentirme na gloria. Quero alcanzar o ceo! Quero pero non podo. Tamén é verdade que non me esforzo moito. Sei que todo esforzo ten a súa recompensa. E eu, se quero, esfórzome máis alá do debido. Porque cando realmente quero, si podo. Case nada me é imposible. Nin o ir a Marte, se quixera. Chegaría con subir á capa de Supermán ou ó Nostromo de Sigourney Weaver.
Quero deixar caer aquí, neste escrito, que a imposibilidade é a renuncia dos ineptos, dos pobres de espírito. O meu espírito é libre e coa forza suficiente de facer realidade os soños. Quero dicir que se non fora polos case 40 graos, máis seguro que caesen pingas de orballo sobre o coche vermello aparcado nun dos recantos dos meus anhelos. Agora tan só me queda quedar en silencio para que as ilusións aterren diante dun espello e que limpen o bafo que deixa a temperatura da auga case fervendo. Espírito libre nesta tarde na que un simple latexo é todo un verso.