Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: Ansiedade / Olegario Saldrán, o afeitado

miércoles, 01 de septiembre de 2021
Ansiedade
Quixen queimar a ansiedade, pero tiven medo a arder. Aínda que son algo (ou moito) nervioso, sei controlarme ben. Porque axiña razoo co ser ou non ser. As cousas son ou non son, e non hai outra. Nin a medias, nin sorte, nin peros, nin por se acasos. O asunto é ou non é. Por iso non debería ter ansiedade. Porque a ansiedade consúmeme os nervios. Faime dar voltas e reviravoltas, e case sempre me contradí os pensamentos: se ansío ir para o norte, ó instante véxome camiñando cara ó sur e ós catro pasos sento mirando con dirección oeste.
Pingas de Orballo: Ansiedade / Olegario Saldrán, o afeitado A ansiedade instalouse no meu peito e fíxome tremer as mans no traxecto que vai da saída á meta. E agora mesmo xa me está tremendo todo o corpo e o que máis, o que máis árdeme a carraxe. Dúas parellas que sentaron diante miña e que, ó falar, é coma se se acabara o mundo. É unha loita continua de a ver quen berra máis. Imposible concentrarse. Non me queda outra que facer unha paréntese para rematar este relato na casa. Porque, agora si que é verdade que queimaría de boa gana a ansiedade. Emporiso, se arde, non conseguiría rematar isto.
A paréntese foi de oito horas xustas e recoñezo que a ansiedade deulle xa paso á calma. Ás doce e media da noite estou só, na casa, e ninguén berra ó meu arredor; o silencio tan só se racha co jazz de Miles Davis. Sei que temos fama de falar moi alto, pero un daqueles tipiños non falaba, berraba de tal maneira que, a parte de non conseguir concentrarme, a súa voz perforábame os tímpanos. Agora, nin quero queimar a ansiedade nin vou arder na irritación, na cólera.

Olegario Saldrán, o afeitado
Quero ser a estrela errante de Lee Marvin para buscar polos océanos a Perla Negra de Johnny Depp. Pero son Olegario Saldrán, O Afeitado, que estou de pasmón ou de paspán ou de bocaaberta (que é o mesmo) e á espera de que me caian os pans cocidos do ceo. Mentres espero, penso; e mentres penso, escribo. Escribo que no silencio non hai ruído e que o ruído, case sempre, molesta e incomoda. Escribo que o triángulo inscrito nunha circunferencia é unha figura Pingas de Orballo: Ansiedade / Olegario Saldrán, o afeitadoxeométrica na que vexo o ollo de Deus, que todo o abarca pero que non ve nada. Escribo que a relación dunha cascuda cun sapoconcho non ten nada de sentimental; así como que as troitas do río Arnoia, en vez de nadar, corren. E baixan de pé deica o muíño do Dositeo.
A xente é mala en por si. Puxéronme O Afeitado cando eu sempre tiven barba, e nunca me afeitei. Nin penso afeitarme. Por iso fixen da barba un feixe para que non me chegase ós pés. Segundo a Sabina lle gusta levantarlle a faldra á lúa, a min gústame baixarlle os pantalóns ás mulleres. Creo que é máis sexy. Pero non son nada mullereiro; son un simple sentimental que escribo catro versos románticos e deixo caer tres amén cando vexo que algún tanga baila ó ritmo de "aquí te pillo, aquí te cepillo". Ou te esfolo.
E aínda que non sexa nin Lee Marvin nin Johnny Depp, eu seguirei soñando coa estrela errante para buscar con ansia, con cobiza, con fervor, con devoción a Perla Negra e navegar con ela polos mares do meu universo. Algún día deixarei escrito que Olegario Saldrán, O Afeitado, sucou os océanos no camarote dos sentimentos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES