Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presentación da 2ª edición de A Rapa das bestas de Sabucedo. Historia e antropoloxía dunha tradición (Vigo, Ir Indo, 2021)

jueves, 02 de septiembre de 2021
Benqueridos amigos, conveciños e cantos vos achegastes a este curro vello para a presentación da nova edición dun libro sobre a Rapa das bestas de Sabucedo que hai agora xa case trinta anos fora presentado na súa primeira edición no ano 1992 na Estrada.

Lembro relativamente ben aquela presentación, na que por certo indicara que botaba de menos a ausencia de determinados e elegantes individuos que deberían estar alí presentes e dos que constataba que non estaban. Referíame naturalmente ás bestas ou polo menos a algunha que as representara a todas. Houbo algunhas risas ou sorrisos e a presentación continuou...

Mais o que eu entón comentaba, un pouco a modo de chanza, cobra quizais máis importancia hoxe, trinta anos despois. Pois hoxe estamos, efectivamente, enfrontados ó problema da notoria diminución do número de bestas que chegan onda nós no día da Baixa. E estamos agora xustamente na véspera, a poucas horas xa, do día da Baixa.

Como dispoño dun caderno onde, nos anos en que me foi posíbel asistir, fun anotando desde o ano 1986 o número de bestas "baixadas", collino o outro día na man e axiña advertín que do ano 1992 (é dicir, o da presentación da primeira edición deste libro) non había ningunha anotación (non lembro ben por que). Habíaa, si, en cambio do ano anterior, 1991. Pois ben, neste ano anterior está anotado que chegaron o día de Baixa a Sabucedo 611 bestas. É este o número máis elevado de bestas de tódolos anos que teño anotados no caderno ata o último anotado, o 2019 (dado que o ano pasado, 2020, debido xa á pandemia, non se celebrou a festa). Esta anotación de 611 bestas do día da Baixa de 1991 é polo demais tanto máis estraña ou significativa canto que vai acompañada destoutra indicación: "houbo moita chuvia"...

Se comparamos esta cifra (611) do ano 1991 coas dos últimos seis anos (desde o 2014 ata o ano 2019 inclusive), nos que o número de bestas baixadas non chegou en ningún deses anos ás 300, o problema fica suficientemente claro e interpelante.

Así pois, pareceume boa idea a de terrdes escollido este lugar para a sinxela presentación da segunda edición do libro da Rapa: o lugar do curro vello. Pois foi xustamente aquí onde no ano 1779 (hai xa que logo case dous séculos e medio) se construíu o que, trala construción do novo, chamamos agora o curro "vello". Con este primeiro curro tomou propiamente o seu comezo o que hoxe entendemos como Rapa das bestas, ó ela estar moi centrada desde entón nas accións que se realizan no curro.

Unha vez dito isto, case non é preciso lembrarvos que os escritores e investigadores, pra escribiren os seus libros, teñen que dirixirse cara ás chamadas "fontes", más ou menos históricas, do seu coñecemento sobre os feitos ocorridos. Delas reciben -recibimos- de xeito principal as informacións.

Mais os escritores non son os verdadeiros realizadores ou protagonistas dos acontecementos estudados ou investigados. Eles sempre veñen despois. Por iso quero subliñar que os creadores da festa e de maneira especial os mantedores dun acontecemento festivo como o da Rapa das bestas sodes, de xeito prioritario, vós mesmos e cantos en tempos pretéritos vos precederon neste esforzo e nesta teima. Depende, así pois, de todos o que unha festa coma esta, que é xa de "interese turístico internacional", se reafirme en si mesma, podendo superar así as dificultades que se lle presentan.

Por iso quero apelar pola miña parte ás vosas ideas, iniciativas e accións. Son elas as que poderán conducir a festividade da Rapa cara a unha revitalización dun acontecemento festivo tan relevante.

Neste sentido, se esta nova edición do libro sobre a Rapa pode contribuír a iso, tanto mellor. En calquera caso, podo asegurarvos que cantos traballaron na confección do mesmo (o editor Bieito Ledo xunto co seu factótum Xelasio Suárez Santiso, o deseñador da portada Antón Pulido, os once fotógrafos das 35 selectas fotografías, etc.) deron o mellor de si mesmos para que o novo libro puidera estar xa entre nós. E non podo menos de lle expresar pola miña parte tamén o meu agradecemento ó amigo e veciño Paulo Vicente Monteagudo, presidente da Asociación Rapa das Bestas, por el ter colaborado con ilusión e xenerosidade xunto co seu equipo na selección das fotografías que figuran na nova edición. Estas case duplican en número as que apareceran na primeira de 1992, sendo a maiores todas elas diferentes das da primeira edición. E con isto queda de paso subliñado tamén que a primeira edición continúa a manter o seu propio valor polo menos no que respecta á documentación fotográfica nela existente.

En canto ó contido xeral do texto, ó se tratar dunha nova edición do anterior libro sobre a Rapa, só quero indicar que se mantén basicamente o texto da primeira edición, aínda que corrixido, actualizado e ampliado en diversos momentos a teor das novidades ou transformacións ocorridas en relación con este acontecemento durante os case trinta anos transcorridos, atendendo xa que logo tamén obviamente á bibliografía máis pertinente que durante este tempo foi xurdindo.

Hai porén algunhas importantes novidades no texto da nova edición, que seguramente o poderán facer máis manexábel. Non me refiro só ó tipo maior de letra do novo texto, que o fai máis lexíbel có da primeira, senón ó feito de se teren incluído ó final do mesmo dous detallados índices, un de persoas e outro de lugares, que seguramente facilitarán ou axilizarán o seu uso por parte do lector. É esta (a inclusión destes índices) unha teima persoal miña que na nova edición foi desde o principio moi amabelmente atendida polo editor.

Outra ó meu ver importante novidade desta edición é a de se incluír nela, antes da tamén ampliada bibliografía final, un Apéndice (dunha quincena de páxinas) a modo de síntese dos termos, accións ou acontecementos máis pertinentes que están en relación coa festa da Rapa. Débolle nisto ó amigo Roi Vivente Monteagudo non só a idea senón tamén a realización dalgúns dos termos desa especie de vademécum da Rapa.

Pouco máis pola miña podo engadir. Gustaríame porén, en calquera caso, lembrarvos nesta ocasión -dado que estamos en tempos difíciles e problemáticos (aínda que ¿cando foron estes doados e aproblemáticos?)- aludir a un relevante persoeiro de mediados do século XIX, nado en Xeve (no concello de Pontevedra) e que foi párroco nesta parroquia de Sabucedo desde o ano 1854 ata o seu pasamento no ano 1883. Chamábase Manuel de Castro Ruibal e loitou con teima e ousadía, acadando finalmente un rotundo éxito, contra a pretendida incautación das bestas de Sabucedo por parte do Estado. Tal pretensión baseábase en realidade nunha interpretación nesgada ou tendenciosa das leis de desamortización de Mendizábal. O referido párroco pasou por moitas (tal como indico no libro), mais ó final -como digo- acadou el e mailo pobo de Sabucedo o que xustificadamente pretendían: que a bestas e con elas a Rapa non desaparecesen.

Os tempos cambiaron certamente en moitas cousas desde mediados do século XIX, mais poderíase dicir tamén que existen quizais determinadas constantes que tenden a se repetir na historia. Refírome a que ó poder sempre lle comprace manterse no seu prezado status. De aquí que non se lle debería dar a el excesivas facilidades. Coido que neste sentido non sería demasiado ousado pola miña parte aludir a que nos actuais problemas da Rapa das bestas paira tamén non pouco disto.

Vexamos máis concretamente. Cando Cervantes fala, por exemplo, no seu Don Quixote sobre os imaxinados "xigantes" que o seu protagonista proxectaba sobre os que non eran, segundo o entender de Sancho, máis ca simples muíños de vento, nunha consideración máis actualizada das cousas un podería pensar que tanto Sancho coma Don Quixote poderían levar nun certo sentido, ámbolos dous, razón. Pois ¿quen pode hoxe dubidar de que os muíños de vento que se están a erguer nos nosos montes non son xa aqueles humildes muíños de pedra, ben avidos co noso hábitat natural e humano, senón verdadeiros xigantes que coa súa soa presenza ameazan tanto os humanos como as nosas bestas?
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES