Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tres historias de vida de Eugenio Montes

martes, 31 de agosto de 2021
Nestes días de lecer tiven a oportunidade de ler con sosego "tres contos: o vello mariñeiro toma o sol; o aniño da debesa e coma na parábola de Peter Breughel" de Eugenio Montes, reeditado por a "Enxebre Orde da Vieira" no ano 1980.

A primeira edición foi publicada en Ferrol por Jaime Quintanilla, no número 10 de Céltiga o ano 1922, co título "o vello mariñeiro toma o sol, e outros contos".

A través dos tres relatos, revivín os falares da miña terra. Puden desandar o tempo, situarme na adolescencia e sentir de novo o pracer que me producían as narracións da miña avoa Cristalina. Montes é consciente da amplitude de recursos que aporta a tradición oral, e así o fai constar no auto-prólogo. "Tense dito que o mellor conto será aquil que non poida ser lido, sinón escoitado"; a pesar da perda da riqueza de matices, que oralidade aporta, o autor capta a atención do lector desde o inicio ate o final".

O Montes da Xeración Nós, xa se mostra como un escritor moderno, creativo, innovador, áxil, tecedor de metáforas, capaz de crear imaxes dinámicas na mente do lector, que fan do relato un escenario máxico e sorprendente.

Son tres contos tan similares é a vez tan diferentes, tanto na forma como no fondo. As historias de cegos, serven para retratar partes da nosa sociedade de finais do século XIX, que de forma sutil entraba con timidez no século XX. Os protagonistas principais, carecen da visión física, compensada por a agudeza do resto dos sentidos. Todos ten o seu tempo e o seu modo sen solaparse nin entorpecerse.

Analizo polo miúdo o que acontece en cada un deles.

1. O vello mariñeiro toma o sol
No escenario do relato interactúan tres protagonistas principais, está escrito en presente e a modo de flash, preséntanos a vida diaria dun fogar galego:
Sabela, encarna a perfección o papel de filla, de nai, de muller casada e de coidadora do fogar, a súa misión é ter todo en orden, ademais de evitar que a fame entre na casa. É humilde, traballadora, cariñosa, paciente e organizada. Ten que sacar adiante a familia soia, a emigración en parte é a culpable desta situación, anque ela non se queixa. Grazas ás Sabelas galegas, a pesar das múltiples carencias, os vellos eran atendidos no fogar, as crianzas saían adiante e nas despensas non faltaba o pan.
O pai, persoa maior, que aos achaques da idade, hai que engadirlle a condición de cego. O seu comportamento é variable, vai do agradecemento ao egoísmo, rozando por momentos a tiranía. Móvese entre a dualidade, quere ter a Sabela continuamente pendente del, ao tempo recoñece a cantidade de tarefas que ten que atender. Coidado do fogar, dous nenos, a facenda, ela aí está sempre presente, non ten en conta ese cambios de humor do pai, que van desde considerala unha pécora, para a continuación ser unha santiña.
O sol, tan importante e tan necesario, para todo e para todos, principalmente para ese pai cego, que dende que perdera a vista era o seu grande amor, o que máis cobizaba era tomar o sol a todas as horas.
D. Ricardo Carballo Calero, na "Historia da literatura galega contemporánea", Editorial Galaxia, Vigo 1975, p. 724, xa nos adianta o modernismo de Montes cando comenta que "O vello mariñeiro toma o sol, é unha oración completa, co seu verbo, o que é insólito na narrativa galega daquela hora".

2. O aniño da debesa
O título deste segundo conto, aos falantes do val do Limia, lévanos a confusión de año (cordeiro pequeno), con ano período temporal, ao meu entender, o correcto debía de ser escrito "añiño", dado que na fala oral, pronúnciase tan suave a primeira eñe, que mesmo semella "ene", deste feito xa se deu conta D. Ricardo Carballo Calero, ao comentar que, "O aniño da devesa", en troques, presenta un tratamento arbitrario do primeiro dos nomes que contén, proceder dabondo frecuente nos manipuladores do galego naquela época, que, faltos dunha doutrina, afastábanse ás veces das leis da mesma na formación de palabras. Aniño quer ser diminuto de año, mais a disimilación que o autor impón á voz por razóns de eufonía, sin dúbida, tales como suxeitivamente as sinte, carez de xustificación real". "Historia da literatura galega contemporánea", Editorial Galaxia, Vigo 1975, p. 724).
Se consultamos o Dicionario da Língua Galega, de Isaac Alonso Estravís, na entrada "Aniño (ANINHO), s. m. cordeiro moi pequeno, menor dun ano [lat.agninu]".
Aniño ou añiño, anque o título leva a confusión, no corpo do texto comprobamos de forma expresa que se refire a año, é dicer, ao cordeiro de menos dun ano.
Analizo o que ao meu entender, Montes nos transmite neste conto.
Está narrado en primeira persoa, e os protagonistas son o amor adolescente, o instinto maternal, a inocencia e a beleza dunha nena de once anos. É tan forte ese impulso en Ánxela, que nin as fronteiras das diferenzas de clase son capaces de paralos.
Aparece de forma sutil a ruptura dunha sociedade estamental, que aínda pervive nas formas do discurso "meu amo", ao ser superadas esas barreiras por o amor, a paixón, a beleza e a inocencia de Xeliña, unha benzón de Deus.
De forma amena, cálida e real, o narrador describe o rito de paso que vai da nenez a adolescencia, o desenvolvemento da sexualidade, o instinto maternal, os primeiros bicos, as caricias. Da a entender o que pasou ou pudo pasar.
As metáforas da parte final, describen un escenario idílico, "como brilaban as estrelas", "a lúa remando con vértigo", "os árboles espidos xemían á noso paso", "abrían os brazos como para a aperta derradeira".
Ao final, quédanos a dúbida, se cando caíron a carón do portairo, chegaron a consumar o sexo carnal, e dese modo cumpriuse o instinto maternal, que comezou nacendo en Xeliña, con aquel añiño pequeno, que tanto mimaba e agarimaba, pasou despois por un tempo breve por aquel boneco gordo e choqueiro, para quedarse co último agasallo do seu amo dos dous bonecos de ricos, como premonición do fillo ou filla anticipados, que ben pudo ser realidade nove meses despois da escena que nos relata do portairo.

3. Como na parábola de Peter Breughel
Este relato está contado en primeira persoa, o protagonismo é para os cegos, o papel do narrador é o de testigo ou mesmo de confidente, nel encontramos de novo indicadores anticipados do modernismo de Montes. Esta referencia pictórica está chea de simbolismo, ben é sabido, que cando un cego guía a outro cego, a desgraza é fácil de predicir. A inmediatez e a certeza están presentes, dado que, se diante hai un precipicio, é inmediato e certo que caen nel.
Por as referencias podemos situar o escenario.
A Xunqueira, nome imaxinario, ben pode ser unha aldea, freguesía ou vila arraina, en cambio, o Castro Laboreiro e a Virxe da Peneda están ben identificados. O contrabando era unha actividade común a ambos lados da raia, así como, desde ben nenos ir a sega a Castela.
Se temos o territorio onde se desenvolven os feitos e vemos o que está a pasar.
¿Qué é o que de verdade nos describe Montes a través do comportamento dos cegos e a parábola?
No cego da Xunqueira: fame, soidade, frío, desprezo, apropiación do alleo e cando se xunta co grupo, aparece a avaricia, a picaresca, o desagradecemento, a falta de ética e mesmo amoralidade.
Sabemos que só a desgraza se pode esperar cando un cego guía a outro cego.
Será esa referencia de Montes un diagnóstico da forma de goberno daquela época.
Visualicemos de novo a pintura de Breughel, e descubriremos que detrás do primeiro plano dos cegos, por certo tétricos, aparece unha paisaxe marabillosa.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES