Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ribadeo tamén é mundo, e o que fagamos en Ribadeo facémolo no mundo...

Gregorio Montes, Antonio - martes, 31 de agosto de 2021
Unha das dificultades que ás veces, mesmo de xeito imperceptible, temos na narrativa da evolución actual do mundo (por exemplo das crises mundiais) é o ver os feitos como 'do resto do mundo', non 'nosos': somos incapaces de concibir que esa totalidade nos abrangue tamén a nós. Por iso necesitamos subxectivalos na nosa proximidade para facelos nosos, manexables (e imaxinables) no noso entorno. Non sempre é doado, e non sería a primeira vez que unha tendencia local parece contradicir a tendencia que nos avisan como global. Pode darse o caso durante un tempo nalgúns lugares, antes de que remate afectándolles a tendencia global. De aí a importancia de resaltar as tendencias con sentido (neste tempos podemos dicir 'con sentidiño' en troques de 'con precaución' ou semellante) e con explicación abondosa para que sexa comprendida non como invalidación da tendencia xeral, senón como algo particular e pasaxeiro.

Hai xa tres anos (o 20 de agosto de 2018) que Greta Thunberg comezou as 'folgas escolares polo clima'. Dende aquela, e cada vez máis, escolares de todo o mundo lembran os venres de cada semana que estamos provocando unha catástrofe climática, e que, en troques de procurar solucións, estamos a dilatar a toma de decisións e actuacións cruciais por intereses que algúns chaman económicos pero que estimo máis conveniente etiquetalos como gananciais, é dicir, de lucro de determinadas entidades e persoas que as controlan. O último informe do IPCC, déixao claro: soan tódalas alarmas de que nos estamos a cargar este mundo no aspecto climático, ó que habería que sumarlle outros aspectos necesarios para a vida no planeta como a perda de biodiversidade.

Nestes días de agosto, a cornixa cantábrica sepárase da temperie ibérica para formar outro conxunto climático que atrae xente pola suavidade do clima e a rabia doutra xente (ás veces, da mesma!) pola necesidade de nubes para facer posible esa suavidade.

Recollendo unha vez máis o dito 'pensa de xeito global, actúa de xeito local' que leva a un maior rendemento das nosas accións individuais, que é o que significa iso do quecemento global?, en que se traduce para Galicia ou para un dos nosos pobos, poñamos Ribadeo?

Ribadeo tamén é mundo, e o que fagamos en Ribadeo facémolo no mundo...En Ribadeo, a tendencia no que levamos de século (de setembro de 2001 a agosto de 2021), vese que, tanto das temperaturas máximas rexistradas no mes como das mínimas, é a aumentar. E aínda máis: dentro da pouca significación estatística que ten unha única estación meteorolóxica nunha serie aínda que sexa de 20 anos como é o caso, podemos fixarnos en que as temperaturas máximas aumentan máis que as temperaturas mínimas. A tendencia indica que as máximas aumentaron 1,8 ºC de media, mentres as mínimas só o fixeron 1,3 ºC, en consonancia co aumento observado de fenómenos extremos a nivel mundial. Iso é unha manifestación local dun fenómeno global: o aumento das temperaturas e dos extremos climáticos. Si, o clima tamén está a cambiar no teu pobo.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES