Como non se fala nada estes días de electricidade, de franxas horarias, de prezos
(xa me entenden) vou facelo eu. Pois a todo iso, que de seguro teñen moi presente, vou engadirlle que algunhas Compañías Eléctricas tamén se saltan o tema da accesibilidade da oficina. Ademais de maneira incomprensible por cambiar

dun local accesible a outro cun chanzo na entrada. Un retroceso en toda regra.
Coa devandita Compañía semella que estou condenada a non entenderme. Tempos atrás optei por ela para unha nova casa. Aínda sen vivir no domicilio, cada factura superaba a anterior con aquela cantarela da lectura estimada. Presentei a correspondente reclamación e lembro que non saía do meu asombro cando me dixeron que seguirían chegando facturas cun importe elevado e que tería que seguir reclamando cada unha ata que se normalizara a situación.
Así foi e conseguín poñerme ao día. Esa oficina, que tanto tiven que visitar, cando menos era accesible. A de agora, non. Unha vez máis, e xa perdín a conta
, non se entende como se dan algunhas licencias de apertura de locais se non se contempla a accesibilidade. Como membro da comisión que elaborou a Ordenanza Municipal de eliminación de barreiras arquitectónicas aínda me molesta máis. Tanto traballo para que?
Hai uns seis meses deixei constancia da nova reclamación. Boas palabras e moi agradecidos pola reivindicación da que tomaban nota e xa me comunicarían. Como era de esperar, non volvín saber nada. Volvo a preguntar facendo alusión ao número de referencia da denuncia. Polo menos tiñan constancia dela. Moi estrañados preguntaban, unha e outra vez, se non se puxeran en contacto comigo. Agora parece que empezan a moverse fíos porque chamaron do Departamento de Calidade. Cambiar de compañía é a opción máis fácil, pero seguirei tentando dar un paso máis por ese ansiado Lugo sen barreiras. A Compañía en cuestión pasou por tantos nomes que xa me perdo
ou quizais é que non miro os letreiros e só me fixo no chanzo. Para máis inri está na miña praza, na praza da Soidade. Unha boa pista.
Xa chega comprobar como están afectando os prezos á vida diaria das persoas máis vulnerables chegando incluso a ter que adaptar o horario dos seus tratamentos. Pase que as cousas avancen moi lentamente, pero sen dar pasos atrás.