
Este recuncho adoita ser para comentar cousas que aconteceron a semana pasada ou para escribir sobre asuntos do pasado. Hoxe este hebdomadario irá sobre o futuro, ou mellor aínda, sobre o presente xa. Porque hoxe, precisamente hoxe, 30 de agosto, empezan as novenas en honor á Virxe dos Milagres, no santuario do Medo, en Baños de Molgas. E como abarcarán ata o día 8, inclusive, pois de aí o de futuro. A intención é comentar algo de todos ou sobre todos eses días.
É certo que a pandemia da Covid-19 bota para atrás aínda a presenza dos peregrinos, pero aínda así intúo que a fe (?), ou quizais máis ben a tradición non son quen de facer recuar á maioría. O ano pasado estabamos en peor situación e houbo novenas. Este ano teñen que ir a máis. Pero, iso si, por favor, con moita prudencia; que a pandemia aínda anda por aí moi solta.
As novenas, xa o día a palabra, son nove días, aínda que nós sempre lle sumamos os dez polo famoso Día 8, que é o día grande, o día da Virxe. Pero ese día, claro, non hai novena. Todos os días están dedicados a certas intencións (emigrantes, anciáns, enfermos, xuventude, etc) e sempre había o chamado Rosario d´Aurora, no que, cada día, e por parroquias da contorna, saían en procesión de mañá cedo cara ó santuario rezando o rosario.
Como toda celebración longa sempre hai uns días especiais que merecen algún comentario á parte. No caso das novenas dos Milagres, son dous; ademais os dous últimos: o día 7 e o día 8. O día 7 pola celebración do Rosario das Antorchas, un rosario nocturno (ás 23:00 horas) no que miles de velas e cirios acendidos iluminan a noite nun espectáculo realmente bonito e impresionante. Logo do rosario, e se as autoridades o permiten (polo asunto dos incendios), outro espectáculo cheo de luz e son a causa dos fogos de artificio segue alumeando o monte Medo.
E ó día seguinte, o famoso Día 8, o espectáculo baséase en milleiros de panos das mans bambeando ó vento, despois da correspondente procesión da Virxe pola explanada do santuario. Ó rematar todo isto, empeza unha tradición que, co tempo, semella que vai a menos: a de espallarse polo monte, por entre os piñeiros, para xantar sobre uns manteis ou mantas que se estenden polo chan. Agora (unha pena), a xente empeza a afastarse cada vez máis do recinto; ou ben para comer en parques das vilas dos arredores ou ben para facelo en restaurantes das mesmas vilas.