
Calquera que se dedique no mes de agosto a facer turismo polas vilas e aldeas do rural, tenlle que custar asimilar que tal rural está desaparecendo. Vaias por onde vaias, e incluso sen ver xente, xa notas que as aldeas están máis vivas ca nunca, pois os coches aparcados polas rúas e as estradas os hai a moreas. Despois se se dedica un a pasear xa pola propia vila ou aldea, os habitantes xa asoman por cada recuncho, por cada recanto. Ante isto, case é imposible imaxinar que o rural desaparece.
Pero o rural desaparece, vaia se desaparece; é máis, xa está morto. Porque fóra do mes de agosto nas aldeas non queda ninguén e en algunhas vilas mesmo hai problemas para contactar con alguén por se lle queres preguntar por tal ou cal tema. Non hai moito fun a un velorio e non tiven a quen preguntarlle onde estaba o tanatorio; tiven que intuílo polos coches aparcados cerca do lugar.
O rural está morto. Xa hai moitos anos que está morto. A proba é que, por moito que se queira agora botar man do asunto, xa é tarde. Xa o deixaron morrer desde hai décadas. Agora que non nos vendan que a esta ou a aquela aldea chegaron unha ou dúas parellas de Madrid ou de Barcelona ou de Australia ou de Tanzania ou da Arxentina, se durante todo o ano emigraron ou morreron cinco ou dez veciños. É o mesmo que pasa coa agricultura: de que vale que dous ou tres mozos se monten unha explotación agrícola, se durante o resto do ano quedan cinco ou seis ou máis abandonadas.
A xente vive onde traballa. En Galicia o traballo... xa sabedes, antes era a Arxentina, Suíza, Francia, Alemaña, Madrid, Barcelona e o País Vasco; e agora segue a emigración cara a os mesmos países e cidades europeas (incluso lle engadiría Londres), así como no entorno das cidades de provincia; porque é onde hai algo de traballo.
Por iso o mes de agosto é unha pequena bendición para esta soidade anual. O que pasa é o que mes de agosto tan só ten 31 días que, para máis aquel, nunca se usa enteiro. Debido a que agora hai máis medios e máis opcións para viaxar, a xente emprega as súas vacacións en coñecer e visitar outros lugares, polo que a estancia na súa aldea ou no seu recanto tranquilo se vai acurtando cada vez máis. Non pasará moito tempo en que, aínda que se queira visitar a aldea, non se poderá porque xa non haberá tal casa. Estará caída e coas silvas apoderándose das paredes, das pedras.