Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mutua entrega

domingo, 22 de agosto de 2021
Co texto do evanxeo deste domingo rematamos a sostida e importante mensaxe de Xesús ós seus oíntes sobre el mesmo como "pan de vida". Aínda que isto nos teña ocupado durante varios domingos, non deberiamos consideralo tempo perdido.

A mensaxe non era doada de aprender, porque afondaba ata as raíces mesmas da mensaxe cristiá. E estas raíces estaban no feito mesmo da persoa de Xesús, con anterioridade ó que el dicía. El non era só unha persoa que dicía cousas fermosas sobre a fraternidade e o amor, que daba bos consellos ou criticaba as estruturas sociais e relixiosas do seu tempo. O máis importante era el mesmo, o que el dicía sobre si mesmo.

Porque el ademais, como ben se decataban os seus oíntes, falaba con autoridade, coa autoridade de quen se sabía a si mesmo como "mandado" polo Pai Deus para ofrecer vida divina a tódalas persoas, das que el mesmo se consideraba irmán e amigo. Por medio del amosaba así Deus Pai o seu amor e a súa entrega para nos facer a todos partícipes da súa propia divindade. Non poderiamos imaxinar un destino máis grandioso para a humanidade ca este que que se nos ofrece: o de entrarmos, por así dicilo, no circuíto mesmo da dimensión divina.

E ¿que mellor maneira para nós de entrarmos nesa dimensión divina có feito mesmo de que o mesmo Deus se deixase en Xesús inxerir por nós, entregándose totalmente a nós para nos encher así de vida, de plenitude, de felicidade?

Mais, tal como lle ocorrería a aquel ó que lle dixesen que lle tocou o gordo da lotaría -que non acabaría de crelo- algo semellante lles ocorreu tamén a "moitos" dos discípulos e oíntes de Xesús, segundo o relato do evanxeo de hoxe: "¿Quen pode admitir tal cousa?", comentaba un bo grupo deles.

En realidade, Deus fai sempre as cousas á súa maneira, é dicir, de xeito grandioso e inimaxinábel. Ese é o contido central da mensaxe de Xesús en canto persoa que se nos ofrece totalmente a nós. El ponse totalmente á nosa disposición, impulsando e provocando con esta súa actitude que os seus verdadeiros discípulos procedan pola súa parte cos demais de xeito semellante.

A nosa entrega ós demais ten que ser tamén polo tanto total, xenerosa, aberta. De tal maneira que todos poidan vernos como persoas que non se pechan en si mesmas, nos seus particulares problemas e necesidades. Só así poderemos facer presente a Deus no mundo con aquela xenerosidade e entrega que se nos manifestou en Xesús.

Ofrecer e dar vida ós demais da mellor maneira que poidamos. Isto equivale en certo modo –falando metaforicamente- a deixarse comer polos demais.

Hai no texto do evanxeo de hoxe unhas palabras de Pedro, como representante dos demais apóstolos, que -neste contexto do anuncio que fai Xesús de si mesmo como "pan de vida"- me parecen moi expresivas e significativas.

Á vista de que a súa mensaxe non acababa de convencer un bo número de discípulos, que en consecuencia deixaran xa de escoitalo e de seguilo, pregúntalles el mesmo ós doce apóstolos se eles tamén o van deixar. É entón cando Pedro responde decontado e co seu habitual ímpeto: "Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna".

É dicir, Pedro, que coma calquera de nós ou coma toda persoa humana o que quere é vivir, vivir sempre, ter vida plena, preséntasenos ante nós como aquel que fai a verdadeira e xusta elección. El aposta pola vida e, polo tanto, por Xesús. El sabe que Xesús ofrece vida verdadeira, vida plena, vida que non acaba. El sabe que Xesús ten "palabras de vida eterna".

E coido que isto responde non só ó que persoalmente desexa Pedro senón tamén ó que no fondo desexamos tamén calquera de nós. Non cabe, xa que logo, outra elección.

En tal sentido, esta fonda mensaxe cristiá de fraternidade, igualdade e entrega ós demais debería rexer as nosas relacións con todos en calquera circunstancia da nosa vida. Por iso, na carta de hoxe ós Efesios diranos Paulo, no contexto das instrucións que el lles dá ós cristiáns unidos en matrimonio, cousas como estas: "Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa". Ou tamén: "Os maridos deben amar as súas mulleres coma os seus propios corpos". "Serán os dous (home e muller) un só corpo", etc.

En definitiva, nesta carta vénsenos dicir que o amor entre home e muller é a concreción a nivel humano da relación amorosa que ten Cristo coa Igrexa e con toda a humanidade. Unha relación que non é máis cá expresión do amor e da entrega de Deus ó mundo, á humanidade toda.

É así como o amor humano queda revestido, na mensaxe cristiá, dunha dignidade en certo modo divina.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES