Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O final en Caldaloba e na Frouseira

jueves, 19 de agosto de 2021
Tanto a Frouseira coma Caldaloba eran dúas fortalezas inespugnabeis, anque con distintas características estructurais. As condicións orográficas de A Frouseira facíana inaccesíbel a conquistala polas armas. Trátase dunha pena roqueira a máis de 500 mts ao nivel do mar e cun único acceso pola cara noreste. Desde o cume a vista é impresionante, vese case todo o Valadouro, parte da Mariña luguesa e da asturiana galega ata Tapia, e desde logo percibíase calquera movemento de xentes, de aí cas tropas dos Comisionados reais non puideran conquistala e no seu intento houbera tantas mortes, recoñecidas polo capitán Luis de Mudarra que ao longo de dous anos tratou de tomala; aínda hoxe se escoita falar dos «martires» da Frouseira. Nada comparábel con Caldaloba, malia que a torre está enriba dun couto, mais o seu sistema defensivo de muralla, batacán, catro fondos fosos e unha ponte elevadiza para acceder a ela, facíana unha verdadeira fortaleza defensiva. A proba é que neste cerco a dona Constanza de Castro despois de, ao menos, trece meses, non puideron tomala. Ante a imposibilidade de conquista, é porque pensamos que en ambos casos os Comisionados reais empregaron estratexias semellantes para derrotalas. Na Frouseira, despois de dous longos anos de loita e mortes e ao ver que era impósibel conquistala, recorreron a vencela desde dentro comprando aos criados do Mariscal, que o traizoan, feito que o pobo rexeitou e, ademáis, o ergueu a mito, coma demostra o famoso Romance da Frouseira. Os veciños de St.ª Cruz de onde era o felón, Roi Cofano, desde entón son os «prexurados». En Caldaloba, despois de trece meses dun forte asedio con tres exércitos con xente de a pé e a cabalo, dinos Vasco de Aponte: «Y porque le secó el pozo de agua, hinchose de agua llovediza, y pudriose toda; de manera que todos adolesçieron y la señora fallesçió de dentro», isto é, sécase o pozo, podrece a auga e pola súa inxesta, morre Constanza. Esta explicación non parece críbel se temos en conta que o final do asedio foi entre os meses de decembro, xaneiro ou febreiro, meses nos que máis chove en Galiza, e un pregúntase, pode nestes meses secarse un pozo en Caldaloba? É evidente que non. López de Haro emprega unha estratexia parecida á de Fernando de Acuña na Frouseira pois, neste caso, foi moi probábel que lle cambiara o curso da auga ao pozo, co cal se seca e teñen que beber da auga do alxibe, que é da choiva, que produce gastroenterite e que pode levar á morte, coma lle pasou a dona Constanza; ou tamén puideron envelénarlles as augas desde fóra da torre polo curso da corrente. En calquera caso, foi unha derrota ou victoria provocada. Caldaloba coma a Frouseira non foi conquistada, foron vencidas pola traizón Por iso, Caldaloba e a Frouseira deben durar mil primaveras máis. A Xunta e os Concellos correspondentes teñen esta responsabilidade. Manter en pé estas fortalezas é manter en pé aquela Galiza loitadora e resistente, que se alporizaba contra os que querían sometela ás súas leis. Estas fortalezas son unha parte importante da nosa Historia e algo máis, símbolos dunha Galiza que non se rende e que loita ata morrer.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES