Herdanzas e impostos
Editorial - jueves, 17 de julio de 2008
Seguimos a xogar cos impostos e as valoracións, porque mentras noutras autonomías as transmisións patrimoniais non teñen gravame, aquí só están liberadas as que non pasen de 125.000.
Aínda así, o noventa por centos dos galegos non deixan ós seus herdeiros bens por máis desta cifra, polo que parecemos pobres de solemnidade cando non é así.
A maior parte dos pisos sobe moi doadamente de 125.000 (case vinteún millóns das antigas pesetas) en calquera cidade ou pobo. E hai centos de miles de propietarios de pisos.
Ocorre que as valoracións de Facenda non coinciden coas reais, e un piso de 150.000 (cifra moi corrente) pode estar valorado oficialmente en trinta ou corenta mil, co que no caso de ser expropiado ou afectado por algunha decisión da Administración xa sabe o propietario ó que se expón.
Sen chegar a eses extremos, imponse achegar a Galicia oficial á Galicia real, subir as valoracións e baixar os tipos impositivos, rematar coa ficción farisáica que a ninguén beneficia, e menos ós pequenos propietarios.
Quen merca unha propiedade ten o dereito a que se lle valore no que corresponda, situando as estimación na realidade do mercado, pero axustando os impostos á racionalidade.
Hoxe, calquera propiedade, en valor real, supera con moito a vergoñenta valoración que se lle fai, e a inmensa maioría das herdanzas teñen valores moi riba do importe exento.
Imponse a seriedade neste e noutros temas. E se queremos eliminar fraude, diñeiro negro, economía submerxida, hai que empezar por utilizar valores do mercado. E proceder en consecuencia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora