Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galiñas, galo e piriños. Dourados tempos

viernes, 20 de agosto de 2021
Respecto dos piriños, na miña parroquia natal estradense de Sabucedo chamamos "piros" os noutras partes denominados "pitos". Así polo menos falaba eu polos anos trinta do século pasado, con aínda poucos meses de vida, tralo nacemento dun meu irmán, segundo a meu pai lle compracía lembrarmo moitos anos despois. Polo visto, cando o ouvín chorar por primeira vez no seu berce erguinme un chisco no leito e preguntei sorprendido: "E é un piriño?". Fica, pois, claro que estas cativas e redondas aves de curral, que coa súa nai como centro percorrían devagar a eira piando e explorando o seu hábitat, eran para min firme punto de referencia. E cando algún deles semellaba estar feble poñiámolo baixo unha cunca á beira do lume da lareira, tentando así que a calor lle dera novos folgos.

Mágoa que estas idílicas escenas lles foron subtraídas, porén, dende hai décadas, ás posteriores xeracións debido ós avances técnicos. Só así se explicaría, por exemplo, aquel breve e impactante coloquio cunhas nenas que por sorpresa se achegaron hai xa anos a min no centro de Madrid (naquelas rúas era eu un alleo) e, tentando saíren de dúbidas, inquiríronme sen máis preámbulos deste xeito: "Señor, señor, es verdad que las gallinas ponen los huevos por el c.?"...

Case esvaecida se atopa tamén en tal sentido aquela potente imaxe da presenza e prestancia do señorial galo de curral que, alén quizais das súas propias e reais posibilidades, tentaba coidar e defender, contra intrusos e sospeitosos, os seus conxéneres. Cómpre saber que dende hai séculos grandes pensadores ficaron sorprendidos por esas viventes marabillas da natureza. Entre eles o grande africano Agostiño de Hipona e tamén, séculos despois, o alemán Nicolás de Cusa. Profundando este por exemplo nos modos de coñecer dos animais e dos humanos, comentaba: "Cunha voz convoca o galo as galiñas cando atopa alimento e avísaas con outra pra que fuxan do miñato".

Foi grande a miña sorpresa cando isto lin por primeira vez hai agora xa ben de anos, pois era exactamente a mesma experiencia vivida por min de rapaz na eira da casa familiar. Os estraños e moi diferentes sons emitidos polo galo nunha ou noutra circunstancia téñoos moi presentes dende aquela. No primeiro caso (un repetido e amigábel "cocó") achegábanse ó galo efectivamente as galiñas con presteza e curiosidade mentres que no segundo (un moi breve e retorto son de alarma) fuxían elas sen dilacións pra se acubillaren baixo o cuberto da palleira anexa.

Mais as ameazas non proviñan só de arriba senón tamén dende a superficie. Permanece indelébel na lembranza a seguinte escena, tráxica sen dúbida. Os nados na aldea sabemos ben do significado de irmos "entre o millo". Estaba eu, pois, entregado mansamente a esta tarefa "entre o millo" da nosa "Su a casa" cando percibín sorprendido, ben próximo a min, un case inmóbil raposo, pegado á terra e ollando fixamente unha galiña que a pouco de min e del estaba alí a espurriñar. Nun momento abalanzouse coma lóstrego enriba dela e fuxiu veloz e sen pausa leira abaixo... Se o galo da eira estivera nese intre ó noso lado, non ocorría seguramente tal cousa.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES