
Quen dixo que este non era un verán normal? Acaso son normais os case ou sen case 40 graos que están caendo nestes momentos (sábado pola tarde)? Asfíxiase o mundo! Ou sexa, Ourense; que é o noso mundo.
Xa fóra da broma, é verdade que este non foi un verán normal, e sen poñer de exemplo o tempo climatolóxico nin mesmo a maldita pandemia que non se vai, pois ata incluso no deportivo non foi moi común. Xeralmente os veráns son para os descansos futbolísticos e demais eventos deportivos, pero este ano, é certo, non foi normal. E, por certo, bendita sexa esta anormalidade.
Nunca pasei un verán tan entretido, deportivamente falando. Houbo a Eurocopa, seguiu o Tour de Francia, continuou cos Xogos Olímpicos e agora, dunha sentada, na mesma fin de semana, empezou a Liga e a Volta Ciclista a España. Que máis podo pedir!
Ante eses acontecementos é moi normal que pase, que ignore todo o relacionado coa política (polo menos non me cabreo) e que a Covid-19 asome tan só, de cando en vez, no bico dos pés. Para que a carraxe altere o entendemento e os sentimentos chega ben o resto do ano. Así é que, bendito este verán tan anormal! Si, incluso climatoloxicamente falando. Non me digades que non se andaba mellor sen tanta calor. Os das praias...; sei que o aire da montaña aínda pon a un máis moreno, e moito máis san. Ou sen subir mesmo á montaña; chega con coller un sacho ás tres ou catro da tarde e xa veredes vós que moreno máis bonito e máis duradeiro. Repito: verán estupendo. Certo, boto de menos o ruído do mar.
Intentarei cambiar ese ruído polo ruído dos bares e das bancadas animando a uns ou outros equipos da Liga e a uns ou outros xogadores. A partir de xa! volveron os seguimentos de tales ou cales xogadas, daqueles penaltis que son ou non son, daqueles declaracións que aclaran ou cabrean e, por suposto, o seguimento ás actitudes humanas e persoais que, no fútbol, é onde mellor se notan. Moitos odian o fútbol, pero eu sei que é o evento onde mellor se pode apreciar a conduta ou o proceder ou o comportamento do xénero humano. E sigo insistindo en que non lle quita espazo á cultura. A proba é que, co fútbol, gozas dúas horas; cun libro gozas algo máis e incluso días. É igual; como dixo aquel grande Vujadin Boskov no seu inestable castelán: "fútbol e fútbol e gol e gol". Que este é a salsa do fútbol.