O sol queima pero á sombra estase ben. Un profesor portugués non lle deu un exame a unha alumna porque seica ía "moi destapada". Como nos gusta meternos nas vidas dos demais. Cada un debería ir como lle dea a gana. Unha pomba intenta meterse por debaixo dunha mesa na procura de algo para picar, pero as pernas duns clientes espántana sen compaixón. Tanto falar de Federer e Nadal, de Nadal e Federer e, de manseliño ou á cega lagarta, Djokovic xa está aí, pegadiño a eles. Como se pegan estas

letras ó caer no pote da calda. De cando en vez é bo mesturar invencións reais con realidades ficticias. Si, como a calda do pote. Empezo a admirar ós xabarís. Pola forma que teñen en conquistarnos. Así, coma quen non quere a cousa, introdúcense polas rúas das cidades, sen medo e ás súas anchas. O mundo é noso!, exclamarán. E levan camiño de conquistalo. Eu tamén xa conquistei a resolución dun problema capital, que consistía en saber cal era a raíz cadrada dun castiñeiro partido por dous valados que o circundan. O resultado é unha leira de trinta áreas.
O PP di que Sánchez marxina á nosa provincia. Seguro que si. Coma eles. Porque Ourense, desde que o mundo é mundo, sempre estivo marxinada. Lembrade a miña sentenza: Galicia é o cu do mundo e Ourense é o ollo do cu. Agora cada quen que se mire a un espello e que soñe co que quere ver. Eu, se miro para el, e aínda que estea cheo de bafo, vexo o reflexo dunha esperanza que nunca desaparece; e vexo a silueta dunha ansiedade cargada de desexo. Mesturo nabos con cebolas ou nabizas con allos, pero no pote todo se coce.