Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

España limita ao norte...

jueves, 12 de agosto de 2021
Cando era neno, e o mapa era o único xeito de contemplar España, a imaxe que os rapaces percibíamos era a de que o territorio español comprendía a totalidade da península Ibérica, tendo que ir logo encaixando a realidade de que ao oeste tiñamos ao veciño Portugal, nos Pirineos o Principado de Andorra e -o máis difícil- ao sur, o inglés Peñón de Gibraltar.

España limitaba ao norte co Mar Cantábrico e os Pirineos, que nos separaban de Francia. Agora, non sei, porque se escoitamos as predicións meteorolóxicas das cadeas xeneralistas resulta que en España leva mes e medio reinando un permanente bo tempo con elevadas temperaturas, anunciándo como boa noticia cando os rigores climáticos se atenúan.

Despois do comentario xeral, como se non fósemos España, contan que Galicia rexistra unha nubosidade permanente con baixas temperaturas, polo que cando España suspira porque se templen os rigores, na aparentemente non España laiamos polo esquivo sol para que nos quente os ánimos.

Eses mesmos medios lonxanos (canto máis oficiais, peor) adoitan pronunciar os nomes cataláns con todos os “t” precisos mentras teñen tremendas dificultades co “x”, atravesándoselles os nomes en galego, nomeadamente Ourense e Sanxenxo.

Non quero pensar que forme parte dun plan para arredar as nacionalidaes periféricas porque con Cataluna e Euskadi hai un trato exquisito, mentras Galicia segue quedando lonxe, climática e lingüísticamente. Pero non temos présa, e sabemos que nalgún momento, mesmo cando outros lugares intenten desmarcarse, eses medios xeneralistas entenderán que este pais, alomenos oficialmente, segue a ser parte de España.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES