Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Laxeiro no Día da Arte Galega 2022

jueves, 19 de agosto de 2021
O Día da Arte Galega do ano 2022 estará dedicado a Laxeiro.

José Otero Abelendo, Laxeiro, nace en Lalin en 1908, vai vivir varios anos en Cuba (entre 1921 e 1925) onde traballa como escenógrafo e proxectista de vidreiras artísticas, á volta monta unha barbería pero sobre todo realiza retratos.

A finais dos vinte colaborou asiduamente como artista gráfico nos diarios galegos e pouco a pouco vai entrando en contacto co movemento renovador da arte galega. Marcha a Madrid cunha beca nos anos 1931 e 1932.
Laxeiro no Día da Arte Galega 2022
Pertence ao exilio interior pois permanece na terra ata emigrar a Arxentina entre os anos 1950 e 1970. Á volta establécese en Madrid (xusto enriba do café Gijón), para pasar posteriormente a Vigo, pois entre esta cidade e Lalín van transcorrer os derradeiros anos da súa vida.

Un artista galego que pasa por América en dúas etapas da súa vida, na adolescencia e na madurez, que mantén as súas raíces no Lalín dos primeiros anos e a onde volverá para enterrarse ao son da gaita de Plácido Rozas que toca a muiñeira de Laxeiro e descansar baixo unha pomba de Manolo Paz. É 1996. En Vigo, na Casa das Artes está a sede da súa Fundación e o seu legado. Unha Fundación, situada na Casa das Artes, no centro da cidade, que levou a cabo o seu catálogo universal, catalogando un total de 3.581 obras despois de dez anos de investigación, organizando diferentes exposicións da súa obra ou levándoa a grandes centros coma o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ao que cederon temporalmente a obra Trasmundo (1946) para ser incluída no novo proxecto expositivo.

Detrás dunha personalidade rechamante e pasional chea de retranca e fabulación, a dun home que acostumaba crear polémica e mostraba unha silueta de barbas e gafas debaixo dun sombreiro, temos unha obra que atravesa diferentes estilos pero resulta moi identificable.

Moitas veces son as formas redondeadas e pétreas, o volumétrico, esa estética do granito que nos reafirma nunha figuración que vai da paisaxe natural á humana con esa contundencia de pedra dura, dificilmente moldeable pero redondeada. Aparecen na súa pintura as escenas de moitos personaxes, case sempre grotescas, cheas de ananos e xigantes ou seres con defectos falando case de bacanais, de rituais coma o enterro da sardiña, desa vitalidade de vida plena pero tamén de mundos que se tocan entre o alén e o aquén, ese trasmundo, inframundo de ultratumba, un espazo tempo paralelo que podemos adiviñar en determinados momentos a través de flashes no medio dos soños ou febres, algo que pode existir máis alá de nós. A modo de crebacabezas ou retablo de marabillas no que as figuras se enguedellan; unha crónica do popular visto cos ollos da infancia, albiscando o telúrico e representando o panteísmo, mesturando mitoloxía e realidade.

É o grotesco e a fantasía, o tenebrismo, os monstros e as caretas, os monicreques e a entroidada, nunha especie de revisitación a Goya, pero adozados pola tenrura.

Un imaxinario no que se presenta o xesto expresionista a base de grosas pinceladas que definen os límites da figura a modo de vidreiras, un trazo persoal, forte e enérxico que organiza unha composición que é complexa e atiborrada, cun cromatismo terroso, un barroquismo con horror ao baleiro, un románico básico que narra... Xestualidade e materia ao servizo da historia que quere contar.

Nos diferentes momentos da súa evolución apareceron o postcubismo, un certo surrealismo e arte bruto, un salvaxismo que dialoga coa tenrura de mulleres e rapazada, de homes inocentes no seu primitivismo instintivo, pero tamén o contacto universal cos neoexpresionismos, as grandes manchas de cor, a espontaneidade, o inmediato e urxente, o primitivo. Todas esas son sinais de identidade e en base a todas elas se recoñece a súa obra achegándose a uns e outros.

Mercedes Rozas, corre a veladura para falarnos de espertento e realismo máxico, da hipérbole expresionista, das pinceladas densas, da imaxinería de tímpanos e retablos que contan unha imaxinación formidable a modo de peza teatral, un territorio fantástico de situacións inverosímiles. Antón Patiño céntrase na dimensión popular dese retablo máxico de medos e vitalidade ás reviravoltas, do debuxo vertixe en ritmo enguedellado, da liña sen fin, da rotundidade volumétrica e da realidade mítica do románico popular.

Eles dous son as referencias de análise dunha obra que continúa a falarnos, porque continuamos atopándoa nas galerías de arte, nas vidreiras do Parlamento de Galicia e as de Universidade de Vigo deseñadas nos últimos anos, pero tamén naquelas primeiras ilustracións de A esmorga de Eduardo Blanco Amor realizadas na Arxentina.

Unha vez máis, serán as escolas, os centros de ensino, os que poñerán os ollos en Laxeiro para celebrar a arte galega dun xeito colectivo e máis alá do ritual.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES