Peculiaridades propias da escrita de Francisco de Fientosa (1)
Otero Canto, Xosé - viernes, 06 de agosto de 2021
A poesía en galego de Francisco de Fientosa está representada por unha serie de peculariedades que son propias do autor por estar representadas na súa escrita dunha maneira bastante habitual.
1.- Gusto pola temática campesiña.
Polos oucéanos verdes,
abaneándose como un barco
vello,
vai a vaca marela
--------
Os ourizos do caneiro
fuxiron da auga ó monte.
Hoxe son toxos no vedro.
2.- Poesía propia da súa infancia, como pode ser a referida á fiandeira ou ás enchentes dos ríos valuros, entre outras, que dominan a súa produción e que nolas devolve nos seus versos para que a apreciemos debidamente.
Sentada na soleira
ti fías. A raiola
é unha freixa de sol
que abanea a túa roca.
----------
Tan grande foi a crecente,
que veu a fouce da lúa
a sega rna auga corrente.
3.- Superabundancia da temática mariña e acuática.
Repinicar dos remos,
pandeirada de auga,
aturuxo do vento,
¡foliada da barca!
4.- Poesía dun alto nivel de dificultade en canto ao fluír sintagmático e ao léxico empregado, chegando moitas veces a unha variada interpretación e a unha ambivalencia significativa desconcertante.
"Río: Si ti foras prado,
eu sería canta
no teu esmaraño."
---------------
"No burato das fazulas
ollade o calco dos ovos."
-----------
"Prado: si ti foras río
eu sería estrela
no teu cilanquiño."
5.- Linguaxe telegráfico e brevidade na súa presentación. Ás veces, aparecen descripcións rápidas e nucleares.
"Espiñas, non, hoxe non
...
Quero amor, sólo amor, amor."
----------
Paisaxe mariñán.
Dous pinos na ribeira...
Fusos de bel follax
fiando a néboa néboa."
6.- Algúns poemas están iniciados e rematados cos mesmos contidos, chegando a pechalos coa chave das palabras que se repiten ao principio e ao final. Outros son poemas abertos.
"¡Abáloo, > (Aberto)
rebábao,
fía."
-------------
"Deus pola beira do amor
imos coller niños novos" (Repetido e pechado)
7.- Nalgunhas poesías aparecen abondosos diálogos, como tamén ocorre no seu padriño Crecente Vega. Noutras ocasións dá a sensación de estarmos diante dun conto.
"Díxolle a nena: (Diálogo)
-Vaites mar,
¡quen poidera collerte
na cunquiña da man!"
--------------
"era unha vez (Conto)
unha vaca
marela..."
8.- Atopamos poesías nas que semella que estivesemos vendo un cadro.
"Sentada na soleira (Cadro)
ti fías. A raiola
é unha freixa de sol
que abanea a túa roca."
Noutras o cadro entra na poesía enmarcando a tea dos contidos:
"Hoxe amor, amor, solo hoxe. = Marco
Espiñas non, hoxe non. = Cadro
Espiñas xa teño abondas. = Cadro
Abondas e ben fondas.= Cadro
Quero amor, sólo amor, amor." = Marco

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora