Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lolita Díaz Baliño, ilustradora

jueves, 12 de agosto de 2021
No ano 2021 dedicóuselle o Día da Ilustración (30 de xaneiro) a Lolita Díaz Baliño. Esta celebración, que adopta ese día por ser o do nacemento de Castelao, celébrase por iniciativa da consellería de Cultura, Educación e Universidade coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Nesta ocasión, atopamos na súa web o cartel realizado con este motivo por Manel Cráneo, un vídeo sobre a autora e as visións especiais que Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Iria Ribadomar e Laura Romero nos ofrecen desta muller, adiantada ao seu tempo, a través do cartel de cada unha delas. Catro mulleres que reinterpretan a unha antepasada que traballou no mesmo en anos máis difíciles.

Unha biografía lembra as datas de nacemento e morte (1905-1963) e conta que foi unha artista multidisciplinar e pioneira, criada nunha familia de artistas (irmá do pintor e Lolita Díaz Baliño, ilustradoraescenógrafo Camilo Díaz Baliño -a quen considera o seu mestre-, do escultor Gonzalo Díaz Baliño, do músico e fotógrafo Germán Díaz Baliño ou do siluetista Ramiro Díaz Baliño, así como tía de Isaac Díaz Pardo). Destacou desde moi nova na fotografía e na pintura. Traballa como ilustradora en diversas publicacións gráficas (Mariñana, Galicia, Galicia Gráfica ou Céltiga ) representando mulleres modernas, seguindo o modernismo, o art déco e, nalgún caso, con pegadas rexionalistas; ao lado destas, presenta un mundo idílico de fadas. Obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña, realiza exposicións e imparte clases na Escola de Artes e Oficios ou nunha academia particular. Foi a primeira muller que ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes, en 1938 e quen puxo en contacto a Isaac Díaz Pardo e á súa alumna, Carmen Arias de Castro con quen acabaría vivindo e creando toda a vida. Tamén asistiron ás súas clases Mª Antonia Dans, Elena Gago ou Mariano García Patiño.

Si, Lolita Díaz Baliño, no debuxo, na acuarela ou no moderno collage presenta un mundo moderno no que a muller reivindica o seu lugar ao tempo que crea mundos irreais nos que estas mulleres se converten en seres mitolóxicos. Un universo feminino, estilizado, ás veces recollidas do pobo para idealizalas, outras da burguesía elegante e sofisticada da época da belle epoque.

Para continuar coa homenaxe, unha exposición, comisariada por Rosario Sarmiento, na Fundación Luís Seoane, dá conta do seu traballo baixo o título A realidade soñada.

Forman parte da mesma: augadas, debuxos, collages, algunha porcelana e un apartado que inclúe catálogos de man, recortes de prensa, folletos, revistas, cartas, fotografías e dous retratos a lapis da artista realizados polo seu sobriño Isaac Díaz Pardo. Nas súas creacións podemos observar un mundo cheo de fantasía, no que as mulleres teñen un papel fundamental, mulleres que na época republicana mostraba decididas e elegantes e que, posteriormente adoptarán outro tipo de actitudes. Tamén achega a súa creación á publicidade e ilustra libros como Cántigas e verbas ao ar de Xulio Sigüenza e tamén varios infantís (El jueves de Mariquita y Rosita, Matiquita y Currucú...).

Unha muller que foi consciente da dificultade que tiña por ser muller pero tamén do cambio de época: os anos anteriores a 1936 e os de posguerra e ditadura. O seu estilo vese transformado polos tempos (que deteñen a evolución e a obrigan a dar pasos atrás) e o que foi unha presenza viva no mundo das artes pasa ao silencio e a invisibilidade.

Horas eran de que volvera a aparecer o seu nome e a súa obra, de que as novas xeracións recoñezan a estas artistas (que o vento cruel tapou con area) e as sitúen no lugar que lles corresponde, na historia da arte galega. Porque nin sequera ter sido a primeira muller que entrou na Academia, en plena guerra, lle valeu para non ser transformada en estatua de sal.

Un duro camiño o destas mulleres, que debemos reivindicar e traer ao presente para que non se volvan a perder entre as néboas dun pasado inxusto.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES