Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caderno de Gres

jueves, 05 de agosto de 2021
Caderno de Gres é unha publicación da Fundación Neira Vilas que viu a luz en decembro de 2020 pero, por cuestións de pandemia, non puido ser presentada publicamente ata este verán.

No texto que serve de pórtico, lémbrase a idea de Neira Vilas de considerar a Fundación coma o Centro Cultural de Gres coa súa biblioteca, museo e auditorio. Tal vez este Caderno, que quere converterse en Cadernos como publicación periódica, sexa o voceiro que ese Centro de Cultura Caderno de Gresestaba precisando. Unha revista que dea razón de estudos sobre os escritores que habitaron esa casa (Neira Vilas e Anisia Miranda) e converteron a Gres na aldea das letras. Caderno de Gres quere recoller materiais inéditos destes autores e tamén información sobre determinadas actividades que a Fundación puxo en marcha na última etapa.

Neste caso, a publicación conta con tres seccións. A primeira delas, dedicada a Isaac Díaz Pardo (que no 2020 estaba de centenario) recolle as palabras que Xosé Neira Vilas leu no seu enterro no cemiterio de Boisaca o 12 de xaneiro de 2012 e un texto do fillo de Isaac, Xosé Díaz Arias de Castro, titulado "O noso home na Habana" recordando o que supoñía para a súa familia a amizade con Neira Vilas nos tempos nos que residía do outro lado do Atlántico, pois ademais do escritor que publicaba en Ediciós do Castro, Pepe enviaba cartas e materiais que os poñían en contacto coa revolución cubana e todo ese mundo de ideas e personalidades.

Na segunda sección preséntase o ciclo "Encontros literarios en Gres", unha actividade realizada no fin de semana, que se estivo realizando ata que a pandemia impediu darlle continuidade. O seu obxectivo era falar con un autor ou unha autora arredor da súa obra pero partindo da influencia que a obra de Neira Vilas, especialmente Memorias dun neno labrego, tivera sobre eles. Recóllese unha breve presentación de cada un dos escritores (Xián Lois Alcayde Dans, Rosa Aneiros e Antía Yáñez) e, a continuación, o texto que cada un deles entregou sobre a súa relación co autor de Gres. Tres interesantes achegas a ese imaxinario e o seu tempo.

E na terceira delas, un novo texto inédito de Neira Vilas, as notas para o Dietario derradeiro, dende 2009 a 2011, onde "deixo constancia, con días, meses e anos, das actividades culturais e sociais nas que participamos". El, que nunca se propuxera facer un libro de memorias convencional, viu reflectido o seu decorrer no libro de Nora Longhini Neira Vilas na Arxentina e nos propios Vinte anos retornando e Penúltimo dietario. Tamén confesa que tiña en mente e comezado un proxecto intitulado Días de Cuba. Na presentación destas notas recóllense as súas palabras: "Sigo rexistrando actividades (nas que agora participo eu só) neste Dietario derradeiro. Seguireino facendo mentres teña folgos, lucidez e algo que contar. Alguén publicará todo isto en libro, despois de engadir as verdadeiramente derradeiras notas, cando xa non poida escribilas eu porque estarei descansando, máis ou menos en paz, alá embaixo, no atrio de Gres, á beira de Anisia, como estiven durante algo máis de 52 anos." E alí está, mirando a casa, centro cultural da aldea das letras que terá que continuar os traballos (que lle quedaron sen facer) ao xornaleiro da cultura, como a el lle gustaba denominarse. Porque o tempo nunca é suficiente para quen tantos obras tiña no pensamento... porque hai xente que non debería morrer.

Démoslle a benvida a estes Cadernos de Gres que enriquecerán a casa, que tal como eles quixeron, é de todos os veciños e veciñas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES