Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dona Constanza de Castro e Vilaxoán

miércoles, 04 de agosto de 2021
Un imaxina os últimos dez días do Mariscal preso en Mondoñedo. E un imaxina que durante eses días, a familia, a muller, Isabel de Castro e as fillas, Constanza e Beatriz, cos seus homes estarían alí tratando de salvarlles a vida a Pardo de Cela e ao fillo, Xoán Núñez Pardo. E un imaxina que petarían en todas as portas que ao longo de varios anos se lles abrían con toda cordialidade: a do bispo, a do secretario, a do administrador, a do deán, a do Xustiza Maior de Galiza…, pois non só levaban o apelido de Castro senón que eran muller e fillas do Mariscal. Presumo que non é moito imaxinar. Mais, como sabemos, nin á familia nestes momentos de pregos nin as dúas Cartas de Seguro e Amparo expedidas polos Reis ao Mariscal, lle serviron de nada. Estaba sentenciado polo Xustiza Maior dos Reis en Galiza e pola igrexa mindoniense. Por iso foron implacabeis co el nestes momentos. Tíñano nas súas mans. Fernando de Acuña entrégallo aos cregos para facer o testamento e recuperar os bens da igrexa, que levaba Pardo de Cela. Este derradeiro acto de confabulación entre Fernando de Acuña e a igrexa mindoniense tiña que quedar escrito, ben escrito. Tiña que quedar ben documentado, e quedou. E tardou seis séculos en aparecer. E de momento, curiosamente, non sabemos nada do que pasou nos días precedentes en Mondoñedo: prisión, negociacións, sentenza, degolamentos… Iso non importaba. O que importaba era darllo ao cóengos para amañaren as súas contas e axustizalo. E da casa de Fernán Balea, crego da sé mindoniense, saíu para o cadafalso. O que si sabemos porque deixóunolo escrito Vasco de Aponte é que a dona Constanza de Castro e a Fernán Ares despois das degolacións «consejáronse que furtase a Villajuan y que no obedeçiesen al rey». Por Vasco de Aponte podemos deducir que en Mondoñedo houbo reunión familiar xa que algún dos criados que había en Vilaxoán eran de dona Beatriz de Castro e Pedro Bolaño. Deciden, pois, que sexan dona Constanza e o seu marido os que se faigan fortes en Vilaxoán para demostrarlles aos Reis que, anque degolados pai e fillo, eles seguían a loita da Frouseira. E a encargada foi dona Constanza porque era a maior das irmáns, porque coñecía ben Vilaxoán pois cando casara con Galaor Osorio era «Sra. da pobra de Outeiro de Rei e da fortaleza de Vilaxoán» e porque só tiña unha filla e dona Beatriz sete, e, ademáis, os Bolaño neste momento estaban inmersos nun xuízo coa igrexa mindoniense pola Sucesión de Burela; e coma non, tamén, porque Fernán Ares tiña toda a súa facenda e servidume en Taboi a un tiro de pedra de Vilaxoán, e sobre todo porque era amigo e pertencía á casa dos Andrade, que os librou do xugo do Conde de Benavente, e polo tanto podían acudir na súa axuda. Por tanto, pois, por iniciativa de dona Constanza toman Vilaxoán e están polo menos trece meses loitando fortemente contra as tropas dos Comisionados reais de Castela. Mais dona Constanza morre na loita -din- envelenada polas augas do pozo. Morre loitando contra un exército que veu do reino de Castela. E con case toda seguridade está soterrada no entorno da fortaleza. Por iso, este entorno, esta terra, que rodea a torre, e a torre son para visitar e venerar con admiración e señardade: aí permanecen a súa sangue e os seus osos dando herbas, xesteiras e salgueiros verdecentes, onde aniñan e cantan os paxaros de toda a Chaira en honor de dona Constanza. Pedimos unha estatua na súa lembranza. Por todo isto, a torre fortaleza de Vilaxoán debe seguir en pé e protexida polas Institucións, Xunta ou Concellos correspondentes, mentras Galiza perdure coma pobo. É unha parte importante da nosa Historia, esa parte de Galiza que non se deixa someter a pacificacións de reinos foráneos.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES