Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E nesto, pasa un nota

lunes, 14 de julio de 2008
Vagando por calquera cidade. Calquera, por un dicir, polo Lugo novo, pola Acea de Olga, pódense tropezar con feitos curiosos.

No atardecer, quero dicir, nos solpores dos últimos da primavera da Acea ábrense as horas ás observacións. E non porque se queira, non, e que é tan nídio, tan evidente, que non se pode torcer a mirada. Daquela pode acontecer o episodio:

Vas cos pensamentos no tendal e cos folgos esgotados, tanto, que non tes conta nin da fe do bautismo. Vagueas arelado, entre claro e confuso, e miras mais non ves. Ves só o xusto para non tropezar con algún canto esgaiado da beirarrúa.

Cadra que mentras subes, como arrenqueado, baixa unha parella de mozos con pasos de pasar o tempo. Éla parece divertida, é graciosa, bonita, duns 20 anos (¿quén non o é ós vinte?). Éla cantaruxea o último do máis moderno; él, co pito nos beizos, olla desafiante coma dicindo: “mira ti o que levo comigo”.

Como a moza é graciosa, quedas admirado da bonitura e do desenfado natural. Só unha ollada por ver se o vagar feminino xuvenil e alegre prende en ti para desbotar a morneira, que invade sen remedio.

Estando nestas, o mozo párase ao rente e, desafiante, di: “¡qué che pasa, vello; é miña, oíchesme; miña soamente!”. E engade: “Saca a mirada que che mando unha viaxe que te esnaquizo en centos cachos”. Interpelado dese modo, sorprendidísimo, tentas repricar algo para sair da circunstancia, algo pacífico, algo que calme o furor do nota que ameaza con mandarte ao río pola vía rápida. Intervén a moza, faino con dozura: “o señor non fixo nada, o señor non cometeu falta. Ademáis, coñezoo, é amigo do meu pai”. Mais nin por eso o rapaz deixa de axiordar e de distrubuir un sarillo de presaxios cada cal máis desrrazoado. O nota, verdadeiramente, faise notar dabondo.

Diante de situacións desta natureza, se os ánimos están tan afogados que ata a fe do bautismo pesa, o mellor e pedir perdón por ter mirado, ou non dicir nada e seguir adiante, se che deixan. Pero cando o nota se atranca, prántase diante, con moitas gañas de bulla...¡Chega o dilema!

Resolveu a moza bonita chantándose entre os odus. Prega perdón pola saída inapropiada e estéril do acompañante: “Siga vostede, non faga caso, non é o meu mozo, é un amigo que leva unhas birras de máis”.

A moza dache un bico nunha fazula e segues teu camiño algo aferruxado.

O nota queda barullando: “Engánchame nena, que o desfago. Cando vés comigo só te miro eu”.

Sentas na Carballeira do Medio e quedas pensando no nota que pasou e na moza belida. Éla nin se dá conta, seguramente, pero o rapaz ten signos máis ca evidentes dun posible futuro maltratador.

¡Qué desgraza! ¡Qué nota desnortado!

Un nota: persoa que se fai notar en todas partes e non precisamente polas súas virtudes. En definitiva:

UN NOTA FURIBUNDO
É un nota cativo, con frustacións que agroman
no seu ser de nota iracundado.
Un nota que pasea coma un galo,
polos solpores da Acea.
Un nota de pavón que se acanea.
Un nota desletrado, empavoado.

Un nota tolo e descarado.
Un nota, en fin, rendido ó narcisismo.
Un nota empoleirado;
un nota pagado de si mesmo.
Un pobre nota con auto tuneado,
de marca alzada, de marca superior; de marca cara.

Un pobre nota, gastador de cartos pais,
que entra nos locais públicos da Acea,
que perdoa a vida de todos os presentes
e incluso dos anónimos ausentes.
Un nota feito espello nos vitrais.
Chulo, arrechuado en almoeda.

Pobre do nota, ¡qué nota pobre é!.
¡Pobre da rapaza!. Se nunha mala hora,
se anota, co nota, unha partida,
sen outras precaucións que a lúa escura,
a febre da fervenza pode facer que a natureza
asine, rubrique, se encapriche, e déa fe.

¡Qué pena, amiga! ¡Qué mágoa!
¿Qué lume se pegou a ti, contigo,
por qué tan lixada compañía?.
¿Ónde está a química, cál é?.
Perdoa, amiga, é cousa túa,
son, serán, digo eu, trancos da vida.

Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES