Musulmáns e cristiáns en A Coruña
Pérez Prieto, Victorino - lunes, 14 de julio de 2008
Que Madrid é hoxe un dos grandes centros interculturais do mundo non é noticia. Pero en A Coruña xa hai tempo que tamén se deixa ver a riqueza desta pluralidade humana e relixiosa. Entre ambas cidades van darse a mediados deste xullo o que Xabier Pikaza cualificou no seu blog como os dous acontecementos máis significativos das relacións entre cristiáns e musulmáns. A reunión de Madrid (16-18) está promovida polo rei Abdullah de Arabia Saudí, para tratar temas e asuntos oficiais do mundo musulmán, xudeu e cristián en España. A reunión de A Coruña (15-17) está promovida pola Universidade Menéndez Pelayo, convocando estudiosos das dúas relixións, que dialogarán sobre temas claves: o ser humano, Deus, o poder... Á primeira reunión asistirán as autoridades oficiais; á segunda, os que queren iniciar ou continuar un diálogo aberto e leal entre persoas destas relixións.
A iniciativa de Madrid parece boa, pero contradictoria partindo dun persoeiro como o monarca saudí, líder dun islamismo intolerante, o Wahabismo, que denigra ás mulleres, detén a homosexuais e aplica a sharia desde a lectura máis cruel e intolerante do Corán. Unha opinión mantida por gran parte dos musulmáns, que pensan que o monarca saudí non representa ao Islam, senón que fai dano á memoria do Profeta e aos auténticos crentes.
No encontro de A Coruña, que tiven o honor de organizar e dirixir, participarán egrexios persoeiros de ambas relixións (Torres Queiruga, Castillo, Xulio Lois e o mesmo Pikaza; a carón de Tariq Ramadán, Asma Lamrabet, Abdennur Prado
) co convencemento da posibilidade dun diálogo e un encontro real, desde o pensamento e o sentimento. Falarase da actualidade do cristianismo e do islam, da perspectiva home-muller en ambas relixións (¿Pode haber un feminismo cristián e mesmo islámico?); falarase da relación coa xustiza e a solidariedade; falarase do poder, que moitos pensan é o tema clave. Falarase, en fin, de Deus, que está no centro do islam e do cristianismo (¿Monoteísmo versus Deus trinitario?). Sendo conscientes das contradiccións inmensas que teñen as dúas relixións en cada un destes campos, cando se vai á raíz as cousas non son tan simplistas como se di moitas veces.

Pérez Prieto, Victorino
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora