Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Broa divina e gratuíta

domingo, 01 de agosto de 2021
Trala coñecida escena da multiplicación dos pans e dos peixes, era en certo modo presumíbel que a xente quixese utilizar Xesús como aquel que lles solucionaría os seus problemas materiais, á maneira dun político, dun grande empresario ou dun mago realizador de prodixios.

É verdade que el realizou, si, feitos extraordinarios, tal como nolos transmiten en diversas ocasións os evanxeos. Mais non era ese o seu modo normal e ordinario de se comportar. Tales feitos eran só manifestacións exteriores puntuais da súa bondade e do seu poder, para non perdermos de vista a súa íntima e fonda relación co poder e a bondade de seu Pai Deus. Pois o que nel verdadeiramente chamaba a atención era o seu modo de ser, as cousas que dicía e como as dicía. Xesús era unha persoa sinxela, pobre, falaba con humildade e ó tempo con íntimo convencemento e autoridade, creaba e promovía a cotío irmandade e fraternidade, anunciaba un Deus Pai común de toda a humanidade, do que todos somos fillos empezando por el mesmo, irmán maior noso e fillo primoxénito e especialmente benquerido de Deus Pai.

Toda a súa vida estaba en consonancia con esta incribelmente complexa personalidade súa: coa súa misteriosa orixe divina e coa súa identificación humana cos pobres e necesitados. A multiplicación dos pans e dos peixes hai que vela así como unha manifestación máis do poder e da bondade do Fillo de Deus que se preocupa tamén polas necesidades materiais dos seus irmáns.

Mais el é sempre algo máis ca iso. O Xesús multiplicador de pans e de peixes é o mesmo que, ó el ser tentado por Satán no deserto para que convertese as pedras en pan (segundo refire Mateo), respondía deste xeito: "non só de pan vive o home, senón de toda palabra que sae da boca de Deus" (Mt 4, 4). É o mesmo do que Mateo nos transmite tamén estoutro dito: "Non amoreedes tesouros aquí na terra, onde a traza e o caruncho os roen, onde os ladróns abren buratos e os rouban. Amoreade tesouros no ceo" (Mt. 6, 19-20). É tamén aquel que, unha vez máis segundo o evanxelista Mateo, nos advertía: "Non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir)... Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe o voso Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis" (Mt. 6, 25-33).

De modo que se trata, en definitiva, dunha cuestión de prioridades. Pois el anúncianos que a fraternidade que el nos ofrece e nos dá, ó se facer en canto Fillo de Deus irmán de todos, é o verdadeiro alicerce da xustiza e do benestar universal. Se todos nos unimos a esta fraternidade, o reino de Deus estabelecerase na terra, converténdose así, como se di tamén na mesma liturxia, nun "reino de xustiza, de amor e de paz".

Todos estamos chamados a traballar por esa fraternidade. Un traballo que debería ser doado, porque se basea nun "don" grandioso de Deus Pai ó mundo: o seu propio Fillo. É el quen nos di, segundo o texto do evanxeo de hoxe, que "traballemos non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna". E resulta que el mesmo nos di que é el ese pan: "Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais terá sede". Desde logo, a xente debería quedar engaiolada e abraiada con estas palabras, porque non eran expresións normais ou ordinarias. El preséntase a si mesmo como o pan que vén de arriba, do Deus Pai que olla polo ben do mundo, un pan que saciará a fame do mundo: "Meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ó mundo".

Como cristiáns, deberiamos aprender a colocarnos nesa perspectiva nun mundo no que tantas veces se pensa que o que hai que facer na vida e acadar como sexa un prestixioso posto social e económico para termos así asegurado un porvir libre de problemas. Xesús dinos, polo contrario, que o primeiro que deberiamos meter e empaquetar ben nas nosas propias alforxas de viaxe é ese pan, que non balorece nin se estraga co tempo. Un pan que se identifica coa palabra e coa persoa mesma de Xesús. Un pan que non ten outros aditivos nin mesturas que lle cambien o seu auténtico sabor nin lle rebaixen ou minoren a súa capacidade de fortalecer as nosas vidas para a transformación do mundo nun reino de xustiza, de amor e de paz.

É ademais un pan gratuíto, polo que nada temos que pagar. Un pan, xa que logo, que non é coma o que mercamos nas tendas, porque así, de maneira totalmente gratuíta, nolo dá en Xesús para a vida do mundo o Pai Deus.

A relación que todo isto ten coa Eucaristía e de maneira especial coa recepción sacramental do corpo de Cristo na comuñón é, como é doado ver, moi estreita. Pois no pan eucarístico recibimos en realidade ese pan, tan gratuíto como inmensamente fortalecedor. É el un claro símbolo de sermos alimentados realmente por Deus mesmo para a realización cristiá das nosas tarefas diarias onde queira que nos atopemos. Con esta que poderiamos chamar carga divina recibida no interior de nós mesmos irémonos transformando paseniñamente neses "homes novos, creados a imaxe de Deus" dos que Paulo nos fala na súa carta ós Efesios.

Neste sentido, deberiamos recitar hoxe con especial fe e atención a oración do "Noso Pai", pois nela lle pedimos ó noso Pai Deus aquilo que nos aprendeu Xesús a pedir: "Dános hoxe o noso pan de cada día".

Pan para o noso alimento corporal e pan para o noso fortalecemento interior.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES