Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O abuso da estética na sociedade de consumo

viernes, 30 de julio de 2021
Se observamos coidadosamente os cambios que se produciron na nosa sociedade nas últimas décadas do século XX e as que levamos do XXI, percibiremos que as distintas perspectivas da dinámica social ofrécenos interesantes aspectos deses cambios, e non sempre en sentido positivo, que tampouco pasaron desapercibidos para os estudosos nesa materia, na que obteñen críticos e proveitosos resultados analíticos.

Como os contidos destas colaboracións non sempre resultan suficientemente claros, precisamente polas deficiencias expositivas do autor ou pola mesma natureza da materia abordada, procurarei evitar no meu posible estas dificultades. E para que non se entenda mal a orientación epigráfica, aclárolles que a temática vai dirixida ao uso abusivo e impropio das prácticas estéticas na sociedades de consumo, en prexuízo non só da mesma estética, senón tamén da ética. Os analistas utilizan o termo ESTETIZACIÓN, en castelán, para referirse a este fenómeno, e o DeL. inclúeo como "creación o adquisición de rasgos estéticos".

Vai a interesarnos, principalmente aquí, esta adquisición dos trazos estéticos nos procesos ideolóxicos, para ocultar a realidade máis ou menos descarnada, mediante estratexias manipuladoras, con evidente propósito estimulante e suxerinte. É propio dos diversos ámbitos da nosa sociedade de consumo, aínda que a "estetización" encontrámola en certos momentos históricos.

Así pois, nas sociedades primitivas na estética predominaba o ritual, e, polo tanto, os valores estéticos en canto tales estaban debilitados e, instrumentados ao servizo do ritualismo, mentres á Idade Media inflúe unha secularización que leva a estética ao servizo do poder, con signo aristocrático. En etapas históricas posteriores, a arte, segundo os especialistas, adquire unha autonomía, con leis e principios propios, o que non exclúe, en ocasións, a condición de revolucionaria e liberadora.

Cabe, pois, preguntar que ocorre nesta nosa sociedade de consumo?. Se se nos permite dicilo brevisimamente, creo que podemos dicir que nos nosos tempos a "estetización", principalmente, é un proceso planificado como estratexia económica, en busca dun efecto inmediato con obras que produzan pracer e gozo nos espectadores, que son considerados como potenciais clientes. Xustamente por isto más ben se podería falar de verdadeiras funcións decorativas, por esa tendencia ao predominio do ornamental, engalanando máis que creando beleza. E, como di o mesmo Adorno, non se trata da arte porque carece do recurso a transcendencia. Neste caso más ben estamos en presenza dunha degradación mercantil da mesma.

Os intelectuais que investigan neste campo veñen sostendo que nesta sociedade de consumo a arte perde a súa autonomía que comporta perda de creatividade, debilitando a expresión cultural. E isto explica que a mesma, que transcende o tempo da súa creación, devén produción vinculada a el, incorporada á moda e á publicidade, como un medio de entretemento.

Pero repare o lector que esta servidume estética tampouco deixa incólume a ética, como apuntamos máis arriba, moi necesaria nun ambiente de superficialidades e claudicacións, no que as necesarias responsabilidades dilúense na imaxinación das xentes como anecdóticas lembranzas dun pasado que se apresuran a neutralizar as novas xeracións onde verdadeiramente está, neste azaroso a fugaz presente. Deste modo, o vigor do exercicio dos valores no pasado, aínda soa na conciencia dos nosos patrucios como o evidencia aquilo de que ANTES VALÍA TANTO A PALABRADA DADA DUN HOME COMO A FE DUN NOTARIO.

Algo máis. Walter Benjamín, filósofo e sociólogo alemán escrebe que a obra de arte perdeu a súa aura e función cultural, porque se empregou con fins políticos e ideolóxicos, perdendo o seu ser único. É dicir, perdeu o seu toque máxico, místico e relixioso, e o seu lugar metafísico. Claro, cando todo ocasiona pracer e luxo, a experiencia estética dilúese no propio entorno.

O filósofo español, Gerard Villar Roca preocupouse da relación entre estética e ética, e entende a RAZÓN ESTÉTICA como unha racionalidade creativa, xeradora de disturbios da orde e funcionalidades establecidas. E busca remedios contra a "estetización" na "anestética", que non é o contrario da estética. Poderíamos dicir que "desesteticisa" (e perdoen o termo) os abusos actuais no uso da estética.

Pero tampouco se preocupa menos en recuperar a autonomía da arte o doutor en filosofía, norteamericano, Donald Kuspit. Del, permítanme resaltar aquí o seu empeño pola recuperación do verdadeiro papel da arte na cultura, cerrándolle o paso a funcións impropias noutros ámbitos da sociedade de consumo, para que recupere a súa carga estética, debilitada polo interese económico e mercantilista sobre o creativo, e o enigmático, é dicir, á perda da súa aura.

Incluso, para terminar, talvez se podería extrapolar ese efecto "estetizador" na nosa sociedade á conduta electoral dun sector de cidadáns arrastrados/as máis pola presenza física das candidatas/os que polo que eles poden aportar a sociedade, que non é outra cousa que unha solapada deshumanización, pasional e inconsciente, da especie. E resulta un tanto cómico que destacada elite política catalice con xestos mecosos esas infantís actitudes, sumándose ao inmaturo popular.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES