Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caldaloba, despois da Frouseira

jueves, 29 de julio de 2021
¡Ah, Caldaloba, Caldaloba! Seguimos aquí, resistindo, dona Constanza de Castro, como a torre, medio en pé, que non a derruba nin o tempo. Aqueles veciños teus, que ouviron dos seus antergos, da tua resistencia e loita contra as tropas do reino de Castela, veñen reivindicando protexerte porque é manter en pé as raizames do noso pobo e a memoria do que aquí aconteceu. As raizames están naqueles celtas galaicos que preferiron morrer antes de ser escravos dos romanos. E un día de outubro do 1483 dona Constanza de Castro colleu a bandeira daqueles devanceiros resistentes e máis recentemente da Frouseira, onde despois de dous longos anos (xaneiro do 1481- primavera do 1483), o seu pai, don Pedro Pardo de Cela, resistiu e combateu contra un exército da Coroa de Castela, dirixido por Fernando de Acuña e Luis de Mudarra, Xustiza Maior e capitán dos Reis Católicos. Na Frouseira, aínda agroman a erba e as árbores co sangue e a semente dos que alí deixaron a vida contra unhas tropas que viñan a conquistar Galiza. Foron anos de loitar e xa e mortes, os «mártires» da Frouseira, que lles din no Valadouro. E os invasores castelás tiveron que recorrer á traizón e a o coitelo do verdugo para derrotar ao Mariscal, que xunto coa xenreira de Fernando de Acuña e a axuda da igrexa mindoniense, terminaron degolándoo co seu fillo un 3 de outubro do 1483. Pero nada máis que os axustizan, a súa filla, dona Constanza de Castro e o seu marido, Fernán Ares de Saavedra, cun puñado de criados toman a torre fortaleza de Vilaxoán para vingar as degolacións e seguir a loita contra o exército rexio de Castela. E tamén para mandarlles unha mensaxe aos Reis Católicos de que nesta Terra a falta de homes, é unha muller a que empuña a defensa da dignidade. E aquí estiveron máis de 13 meses loitando e resistindo ata que lles envelenan as augas do pozo polo que teñen que depor as armas, porque dona Constanza morre e os demais enfermaron. Mais loitaron ata o final, ata que as súas forzas non poideron máis. De aí que Caldaloba sexa para os chairegos e para toda Galiza o símbolo da resistencia contra os invasores foráneos, e o último bastión dunha Galiza que non se dobrega ante os opresores. Por todo isto, Caldaloba debe seguir en pé porque representa a dignidade dun pobo que nunca se rende. ¡Ah, Caldaloba, Caldaloba! Es a Galiza que resiste e loita e por iso, defenderémoste ata que non poidamos máis.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES