Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pepe Couce Rey. Un cura dos obreiros. RIP.

lunes, 26 de julio de 2021
A vida de Pepe Couce Rey. bo amigo, bo home. bo sacerdote, sempre foi diante de nós coma un facho. Mostraba unha luz en alto, non cegaba 'deslumbrando', sabía alumear o camiño. Era un mestre de vida. Bo pedagogo. Congregaba arredor de si para emprender a camiñada. Non para ficar parados. Sabía volver atrás mentres os outros descansabamos. El atopaba tempo, silandeiramente, para recuperar a quen ficaba demorado, desanimado ou mesmo estaba en crise de abandonar. Tiña o don da oportunidade. Chagaba cando o necesitabas. Logo volvía á presenza discreta. Estaba aí e podías contar con el sempre, sen xulgarte, coa aceptación incondicional e a consideración positiva, da que nos fala C. Rogers. Tiña verdadeira empatía.

Coñeciámonos do Seminario de Mondoñedo. Desde ano 1954. Era un home culto. Foi moi bo estudante. E logo fixo estudos civís. Case ninguén o sabe. El formábase a cotío para mellorar sempre o seu servir coa meirande capacitación. Todo un espello no que mirarse. Foi un amante da nosa cultura e defensor da nosa lingua galega. Non fanático. Pero si era clarividente. Sabía ben quen está a desaparecer. Non estiven cómodo no seu funeral. Penso que el tampouco o quería así.

Logo temos coincidido moito en feitos e maneiras de pensar. Tiña un grande sentido do servizo e servicialidade aos demais. Unha grande entrega aos necesitados e humildes. Facía ben o ben e facíao caladiñamente. Había problemas? Aparecían solucionados? Ninguén se preocupaba de saber como se arranxaron os conflitos ou quen aportou as solucións. Quen fixo posível isto ou aquilo? Non sabemos!. Seguro que Pepe Couce pode dar pistas de como foi todo. Como é tan calado!: "Que a túa esquerda non saiba nunca o ben que fixo a túa dereita". Era o seu carisma.

Foi o home da escoita activa. Non oía por oír. Non vía só por ver. Nin fuxía cando vía vir as dificultades que lle ían dar a lata. El sabía ben a que se arriscaba. Porque, de parvo, o que tiña, ata lle cadraba ben.”Eu tampouco me din conta”, dicía logo, para alentar ao outro con afecto. Sabíao reconverter para pórse ao igual do outro e imprimir confianza: "Anda, amigo/a. Ven, ánimo, que todos somos limitados. Todos temos fallos e momentos baixos!". Elogo o seu eterno sorriso benevolente. Quen me dera!

Entendeu aquilo da Carta aos Efesios "Que o Deus de noso Señor Xesús-Cristo, o Pai da gloria, vos dea espírito de sabedoría e de revelación no pleno coñecemento del. Que sexan iluminados os ollos do voso corazón, para que saibades cal é a real esperanza á que El vos chama, cales son as riquezas da gloria da súa herdanza nos santos”. (Ef 1, 17-18).

Pepe Couce foi sempre un home de grande esperanza, con visión de futuro: Tiña o don de consello: non che ditaba o que tiñas que facer. Axudábache a descubrires en por ti o propio camiño a seguir. Por iso, o seu era como un esvaecersedevagariño, silente. Pero seguía aí, velando, por se precisabas axuda e alento. Foi un mestre de vida. Fincaba no esencial. Non se perdía en superficialidades. Pero non humillaba. Imprimía calma e serenidade ata que un mesmo se decataba que el tiña unha visiónda vida máis ampla, pero non desaparecía impaciente de cabo de ti. Estaba tendéndoche a man para reemprenderdes xuntos a próxima xeira. Grazas, compañeiro.

Sempre fixo comunidade de fe, compromiso e esperanza. En Cariño, en Castro, En Caranza, no Apostolado rural de Adultos, en Vida Ascendente coa ancianidade. Foi un moi bo profesor no IES S. Pedro de Leixa. Queríanlle os rapaces. E os profes. Era un grande mediador. Distendía as tensións. Creaba concordia.

O mundo obreiro foi consciente de seu acerto no acompañar e do seu compromiso real e vital. O complexo parroquial de Caranza sabe ben o que perdeu cando xa maior soubo saír discretamente. Como logo seguiu a facer en S. Xosé Obreiro, no Couto de San Martiño de Xuvia, en Santiago de A Gándara, e Santa Icía., etc. E agora.

Querido Pepe, Impresionoume o teu pasamento. No funeral en Santa Icía, estiven meditando naquela frase do Padre Llanos a quen nós temos admirado tanto: "Disculpad si he molestado". Así fuches ti. E así te nos fuches: de súpeto e silandeiramente. Hoxe estiven no lugar, por mor dun futuro acto pastoral. E rezamos xuntos. Unímonos á dor e á soidade da túa irmá.

Grazas, amigo.. Non tardaremos en vernos. Querémosche!
Unha aperta e moita gratitude. Xaquín de Roca.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES