Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Personaxes medievais (VII)

jueves, 10 de julio de 2008
Personaxes medievais das Terras de Pallares (VII)

DON AFONSO

Foi un dos numerosos fillos do rei Afonso X o Sabio. Entre os anos 1262 e 1281 encontrámolo desempeñando o cargo de tenente, de xeito practicamente ininterrompido, no condado de Monterroso, como se le na diferente documentación dos mosteiros de Vilar de Donas, Ferreira de Pallares e Oseira: “tenentem Monte Rosum domnum Alfonsum filio regis”. Así mesmo, nun diploma que reflicte unha venda realizada a Pedro Martínez, monxe de Ferreira, en xullo de 1262, figura como adiantado maior de Galicia (AHN, Clero, Lugo, Samos, 1243/14).

Pero estas funcións tamén as realiza de xeito simultáneo nas terras limítrofes. Tal ocorre en 1267, nun peñoramento que Vasco Fernández realiza da súa herdade materna. Neste caso, o diploma que o contén rexistra a don Afonso como tenente de Pallares: “don alffonso tenente de Pallares” (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1090/20). Este cargo confírmase en 1274 nunha venda que Xoán Miguélez e a súa esposa outorgan en favor de Maior Afonso, a segunda dona de Munio Fernández de Rodeiro (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1092/9). Catro anos máis tarde, reaparece con idéntico posto noutra venda entre particulares.

O seu poder militar e social vese corroborado na venda que dona Maior Arias e o seu fillo, Xoán Pérez, realizan a favor de Lopo Rodríguez de Ferroi, en 1279, figurando co título de home poderoso: “ricomi en Palliaris domni Affonsi” (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1093/23). Os posuidores deste cargo, que normalmente se concedía aos nobres de maior categoría e poder económico-social, gozaban de numerosos privilexios: xurisdición nos seus dominios, con plenos poderes políticos, exencións tributarias e, mesmo, tiñan os seus propios vasalos.
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES