Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Representar a Foz

viernes, 23 de julio de 2021
Señor alcalde e membros da corporación municipal, a todas e a todos vostedes quero darlles as grazas.

Darlles as grazas por pensar en min, de maneira unánime e conxunta, sen crispación algunha, para ocupar este cargo de cronista oficial de Foz. Empresa na que me embarco con toda a prudencia e respecto posible, tendo en conta a dedicación impagable, o amor vertido e o esforzo dedicado en favor de Foz que o meu predecesor no cargo, Suso Fernández, ten realizado por este lugar que o viu nacer. Agardo que, despois de moito tempo, poida chegar a tocar ese listón tan alto que ti, Suso, nos deixas.

Quero tamén dar as grazas a meus pais Ramón Fernández e Amelia Pacios, por todo o amor e o esforzo realizado para que puidese chegar a onde estou, ademais de por todo o traballo que aínda hoxe en día lles estou a dar.

Quero dalas grazas aos meus fillos Uxío e Noa, por toda a comprensión que tiveron con este seu pai que se pechaba a ler papeis vellos e lles contaba historias dun Foz pasado que nunca coñeceron.

Dalas grazas a todos os amigos e amigas que fun capaz de facer e conservar ao longo da miña vida, que si ben son poucos debo dicir que son dos mellores. Grazas por todo o que me levan aguantado, que non son fácil de aguantar, e, por non facermo saber nunca.

Dalas grazas tamén á representación de amigos do concello de Mondoñedo, onde traballo, que tamén sufriron e sofren a miña persoa. Eles si saben o pesado que chego a ser cando coido que o Centro de Interpretación do Camiño Norte necesita algo do que carece. Grazas por toda a axuda recibidaque tanto facilita o meu traballo.
Non quero esquecer dar as grazas a eses mestres e mestras que me formaron, aos académicos que me intentaron ensinar e aos non académicos, dos que tanto aprendín. De todos eles sinalo a uns poucospara non facer longo este discurso.Empezando por don Henrique Cal Paro, que inculcou en min a paixón e o amor polos papeis que conteñen a nosa historia. Con el teño pasado moitas tardes nas que, como unha máquina perfectamente engraxada, el falaba e eu aprendía.
Sinalo tamén a esa persoa que foi quen de ensinarme quen era quen en Mondoñedo, pois coñece tódolos nomes da intrahistoria mindoniense. Estoume referindo ao meu amigo Andrés García Doural, que aínda que sei que detestas os recoñecementos este ben os mereces.
Os mestres focegos tamén existen para mín. Non son eu o que vai abrindo o camiño, simplemente sigo o que xa me trazaron os estudos de don Ramón Salgado Toimil, ese mestre namorado da historia e de Foz que soubo transmitir saber aos seus alumnos e historia de Foz aos que viñemos despois.
Sigo o camiño trazado polo primeiro cronista oficial de Foz, por Suso Fernández e por Antón Niñe. A eles únenme unha fonda amizade e un incombustible amor por este noso pobo de Foz.´
Non podo esquecer á Asociación Cultural A Pomba do Arco, na que me vinculei como conferenciante primeiro, como socio e directivo despois e como presidente; cargo que recibín do mellor presidente que a Pomba do Arco puido ter, o finado, pero aínda querido, Xoán Carlos González Basanta. Xunto co resto da directiva da Pomba do Arco aprendín o moito que costa, e todo o traballo que implica, levar a cabo un acto coma este.
Remato co do home que me ensinou algo crucial para ser un bo investigador, ensinoume a comparar. El mantén que ningunha historia local se pode escribir sen ter en conta o que acontecía nas poboacións próximas e alleas. Porque na comparación é onde se demostra se as afirmacións que os historiadores locais fan se manteñen en pe ou non.
Isto de comparar aprendino do meu querido amigo, Chema Leal Bóveda, que despois de moito discutir comigo foi quen de inculcarme a necesidade de entender a historia local dentro dun marco nacional e internacional. Ata agora non llo agradecín e aproveito esta ocasión.
Quero, para rematar este apartado, dalas grazas ao pobo de Foz por amosarme o enganado que estaba. Cando se fai públicaa elección do novo cronista, eu sabía que os familiares máis directos e algún que outro amigo me ían felicitar, de igual maneira que o ían facer algunhas desas persoas que saúdo pola rúa. Nunca pensei, nunca, sinceramente, nunca, que ía ser tan elevado o número de persoas, coñecidas e descoñecidas, que trato e que non, que tiveron a ben felicitarme. A verdade é que quedei gratamente, moi gratamente, sorprendido e agradecido.
Grazas tamén a todos os que nos acompañades coa vosa presenza hoxe, arroupando tanto a Suso como a un servidor neste acto.Non poden imaxinarse o agradecido e feliz que me sinto por estar aquí con todos vos.
Cando Ulises marcha da guerra de Troia para a súa Ítaca, o fogar, pouco podía imaxinar a odisea que ía vivir. Un vento dos deuses levouno a moitas illas, nunha delas foi agasallado pola deusa Calipso. Alí comía os mellores manxares, bebía o mellor viño e era atendido en todas as súas necesidades, pero Ulises non era feliz.

Cando a deusa Calipso lle pregunta cal era a razón da súa infelicidade, Ulises responde que estrañaba a Penélope.

Acaso é máis fermosa ca mín? Pregunta Calipso. Non, non pode selo, responde Ulises.
Entón, por que a estrañas?

A resposta que Ulises da á deusa Calipso engaioloume dende o mesmo intre que a lin
Estraño a Penélope, porque Penélope é a terra, porque Penélope é o fogar, porque Penélope son eu, e porque eu, sen Penélope, non son nada.

A Penélope que eu estrañei durante moitos anos era Foz. Eu, coma Ulises quería volver ao lugar onde son, ao lugar, sen o cal non son nada. Quería, ansiaba e necesitaba volver a escoitar o bruar do mar de Foz, tolear co o nordés, sentir a terra ou ver como as ondas do mar infinito morren nas areas focegas mentres bican os meus pes.

E aquí estou. Estou no mesmo lugar que me viu nacer, onde me criei, onde vivín e vivo, e onde penso descansar.

Máis tamén coma Ulises eu coñecín a unha Calipso que me engaiolou, me engaiola e me enfeitiza. O único lugar onde son capaz de non estrañar a Foz. Aí leváronme os ventos desta odisea e alí embarranquei e alí, namoradamente, me quedei. Estoume a referir a Mondoñedo, onde un vento me trouxo e onde, se un mal vento non me leva, agardo rematar os meus días laborais.

En iso nos parecemos moito o meu predecesor, Suso, e un servidor. Os dous fomos capaces de compartimentar o noso corazón: unha parte para Foz e outra para Mondoñedo.

Din na cidade da Paula que Suso do Bahía dicía algo que me vou permitir parafrasear. Se algún día desaparezo, se me buscades polas Baratas, polo Prado de Ramos, pola Rambla, pola sombra do Caritel, polo Ouro ou polo Masmae non aparezo, non desesperedes. Mirade en Mondoñedo que alí ei de estar.

Hoxe, cando non podía ser máis feliz, vivindo en Penélope e traballando en Calipso, os deuses da fortuna tiveron a ben sinalarme para tomalo temón deste barco que é representar a Foz exercendo o cargo de cronista oficial. Temón que durante dezaoito anos levou un lobo de mar da cultura focega, o noso capitán o Suso de Foz.

Se me preguntades que iniciativas teño para levar a cabo como cronista, podo respondervos con mentiras ou, pola contra, dicir a verdade. Non o sei, non sei o que vou facer.

Sei, iso si, que hai moito feito, labor que emprendeu o meu predecesor e xunto a el outros moitos e moitas que tomaron como propia a labor de documentar e investigar no noso pasado, no pasado deste noso Foz.

Tal vez, e digo tal vez, non teñamos tanta historia como as vilas de Viveiro e Ribadeo, ou teñamos menos que a cidade de Mondoñedo, pero o que si vos podo asegurar é que toda a historia que Foz ten é nosa. E nesa nosa historia están os homes e as mulleres que nos precederon, que nos marcaron o camiño, que levantaron os muros que nos lindan, que construíron as pontes que nos unen, que fixeron de nós o que nós somos.

Nesta nosa historia están os homes e mulleres que olen ao sal do mar, a baleas do Prado de Ramos, a sardiña da Ribeira, a chicharro lañado, a chícaros no Lombo, a carpintería de Ribeira, a pinos e madeira serrada, a cacholas de piñeiros do Santo, a millo, a leiras cheas de patacas e hoxe ulimos, a aluminio reivindicativo.

Nesta nosa historia viven homes e mulleres levantando os castros, os castelos señoriais, as casas labregas, as casas dos mariñeiros colgadas sobre da ribeira e as igrexas que rexirán as nosas vidas.

Nesta nosa historia están os mesmos homes e mulleres que cincelaron as pedras da primeira catedral, de San Martiño. Ese nexo de irmandade que une o antigo co novo Mondoñedo.
Esta nosa historia que está bañada co sangue de moitos focegos, obrigados a loitar en lugares alleos. En Cuba, Veracruz, Arxel, Flandres, en Trafalgar teñen morto focegos en guerras que non eran nosas. Guerras que deixaron viúvas cargadas de fillos. Mulleres de negro, de bágoas salgadas que foron capaces de sacar adiante os seus fillos soas, roubándolle horas ao sono, aforrando e sacando de onde xa era imposible sacar, loitando cando a loita xa semellaba perdida. Deses ventres, rexos e fortes, veñen as nais que nos pariron a nós.

Somos o que somos porque vimos de onde vimos. E só coñecendo o noso pasado, a nosa historia, poderemos estar orgullosos do que fomos e no orgullo do que fomos atoparemos o orgullo do que somos. E que somos?

Somos un pobo con moita historia, porque cada persoa que nos precedeu escribiu unha páxina nela e correspóndenos agora a nós, buscala, recompilala, protexela e comunicala. Correspóndenos a nós, tamén, ser unha páxina máis desta nosa historia.

Encargareime, se todo vai ben, de buscar, de recompilar e de difundir a nosa historia, para que todos nós nos poidamos sentir orgullososdo que somos, focegos e focegas. A iso si me comprometo, a loitar e partirme a alma na defensa e no acrecentamento da nosa historia. E agora que vexo como Penélope, ou sexa, Foz premia aos que loitan por ela, como é o caso de Suso, pódovos asegurar que navegarei polos mares papel buscando todo aquilo que teña sabor a Foz.

Eu, como vedes, son un home roto, partido, dividido entre un cariño inconfundible por Calipso e un amor, incendiario e inquebrantable por Penélope.

Volvo ao principio de voume como vin, dando as grazas ao meu predecesor, a Suso, por todo o que nos leva regalado, por todo o que leva traballado por nós e por ese impagable amor polo seu pobo.

Grazas tamén aos membros da corporación municipalfocega por este regalo co que me comprometo, agardando estar á altura de todo o que se me pida.

Á miña familia, amigos e amigas,compañeiros e compañeiras, ao pobo de Foz e a todos vos, moitas grazas.


Discurso de Xoán Ramón Fernández Pacios, no acto de toma de posesión como Cronista oficial de Foz.
Fernández Pacios, Xoán Ramón
Fernández Pacios, Xoán Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES