Estado social e liberdade
Santalla, Iago - miércoles, 21 de julio de 2021
Vendo o que pasa en Cuba non me custa nada declararme a prol da liberdade e dicir que a esperanza transformouse nunha ditadura atroz, inasumible, insoportable moralmente e, por suposto, condenable. Dende o punto de vista democrático ninguén debera asumir un réxime ditatorial pero, dende o mesmo punto de vista democrático, tampouco é lexítimo o bloqueo sistemático dos EEUU. Un país que non se caracteriza precisamente por impulsar as democracias
O problema vén cando a democracia non vén da man do estado social senón do capital. Entón a democracia vólvese oligárquica situando a igualdade de oportunidades no punto de partida e condenando a cada persoa a arrastrar as súas propias xeracións. O problema vén cando o erro persoal ten custos infinitos sen posibilidade de redención. O problema vén cando os dereitos se usan como caridade. O problema vén cando os dereitos alimentan megalomanías filantrópicas. O problema vén cando se emerxe a través da dor allea. Esta é unha democracia espida de dignidade.
Polo tanto, que Cuba cambie, que sexa o que o pobo queira, que caia a tiranía, que se vote, que a economía non campe por riba do pobo, que haxa estado social e de dereito e que naza a Cuba libre que nunca foi, sendo sempre solidaria...
... e que os intereses do mercado fiquen para sempre xunguidos ás necesidades dun pobo que sexa quen máis ordene, xa que ceder ante oligarquías tamén atenta contra a dignidade colectiva.
Que ninguén, na futura Cuba, teña que dicir aquilo que dixo o Zeca: "resistín os golpes da ditadura mais non os da democracia burguesa".
Que Cuba teña estado social e liberdade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora