Todo por saír
Rematou a etapa do Tour e saín. Saín porque teño que saír. Se me quedo igual afogo de angustia ou morro de desesperación. A etapa do Tour acabou no alto de Luz-Ardiden. Durante uns 50 metros soñei, soñamos con Enric Mas, pero cando Pogačar arrincou, alá foi, xa rebentou ós tres que o acompañaban. Enric Mas entraría finalmente de cuarto. Non obstante, foi bonito soñar durante uns segundos, uns bonitos segundos.

Para saír prepareime ben. Ou armeime; case mellor. Auriculares ós oídos para escoitar unha mestura de temas musicais que poden ir desde unha banda sonora ata Metallica; ou desde Glenn Miller deica Fuxan os Ventos ou Guadi Galego ou Víctor Manuel ou Bruce Springsteen ou The Teta's Van, ou Dizzy Gillespie... Coloquei o bozo sobre a cara e gardei no peto do pantalón a lista da compra. Só son catro cousas xustas, pero teño que anotalas. Se non as anoto, ó mellor, cando chegue ó supermercado, xa non lembro nin a primeira. A miña memoria xa non é o que era. Para min que quere cabalgar xa polas pradarías do meu cerebro o puto alzhéimer. Por isto do alzhéimer tan é bo que saia: para lembrar ben o camiño polo que transito. Teño medo a que se me esqueza. E se non sei por onde vou, non podo saír. Se non saio sufro, peno, afogo, morro.
Mañá hai de novo outra etapa do Tour de Francia e ó rematala, máis ou menos, levarei a cabo a rutina de hoxe. Todo por saír. Non vaia ser o demo que...
Vivo no número 13
Joaquín Sabina seica vive no número 7 da calle Melancolía e eu vivo no número 13 da rúa Estreita, no planeta Sulfido XXX (tres xes), que está a case infinitos anos luz do voso planeta. Parte das vacacións si as paso pola zona do Monument Valley intentando cazar desas cobras velenosas que fan ruído co cascabel ou axóuxere. A min aínda que

me mordan non me envelenan. Porque a min non me envelena ninguén nin calquera cousa. Desde que vivo no planeta Sulfido XXX un remanso de paz aboia polas miñas entrañas. Antigamente, nas vacacións, cazaba indios e cando se extinguiron boteime ós búfalos, que non tardaron tampouco en desaparecer das pradarías do voso planeta. Por iso me dedico agora a eses bífidos velenosos.
Outra parte das vacacións (seis rilas, seis meses vosos) asento nas Mestras de Baños de Molgas. Recomendoume o lugar un veciño alieníxena que, de cando en vez, seica visita a un paspán medio escritor desa vila. A verdade é que tal lugar non o temos no meu planeta, no que só hai coios enormes e algún que outro lóstrego que, ó bater no chan, quedou teso. O meu planeta non é que sexa moi bonito, pero aínda así, por veces, nas vacacións, bótoo de menos. Cando me deprimo achégome deica o Alto da Lomba (tamén en Baños de Molgas) e bótome ás boleiriñas por Sudalomba abaixo. E se a depresión é moi grande, non me importa regresar a Sulfido XXX, a onde chego en tres rilas (tres meses vosos). Vivo no número 13 da rúa Estreita.