Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O medo á verdade na política

viernes, 16 de julio de 2021
Despois de ler tantas veces que o Sr. Presidente do Goberno non da paso que non teña presente a súa permanencia na Moncloa, non se estrañen vostedes de que eu intente ofrecerlles aquí unha nova perspectiva, aínda que non sexa máis que levar as mesmas augas por outra canle, porque, é tanta a insistencia de que engana e minte aos cidadáns, que se acaba pensando se estamos no caso que os especialistas designan co termo, de orixe grega, ALETOFOBIA (aletheía = verdade, phobos = medo).

Pero como tamén se reitera nos medios que cando hai que informar sobre algo que esixe explicacións, delega a información, isto parece un medo á razón, que é a luz da verdade, é dicir, habería aquí unha LOGOFOBIA (logos = razón). Isto conduce a tales cambios de opinión e a unha inestabilidade que debilitan a confianza nas persoas, e se estas teñen responsabilidades públicas xeran inquietantes incertezas, incrementadas polos irrisorios argumentos dos que soen valerse. Así se pode afirmar que o que ten medo a verdade tamén o ten a razón.

Non procede entrar aquí nunha exposición detallada. Só apuntar que, prescindindo das características principais dos distintos tipos de medo, talvez conveña saber que se adoitan sinalar dúas orixes do mesmo: A que mantén o CONDUTISMO e a PSICOLOXÍA PROFUNDA. A primeira corrente considera o medo como algo aprendido; a segunda, como un conflito inconsciente non resolto. O medo barállase xuridicamente como unha eximente. Pero a nosoutros nesta colaboración interésanos o matiz político do mesmo, enfocado á VERDADE, porque, segundo algunhas opinións, como a de G. Ritter, a cara demoníaca do poder nace da aletofobia, do medo á verdade, que, a súa vez, arrastra a un pluralismo moral, incoherente e contraditorio, e, consecuentemente, facilita a emerxencia social dunha DEMOCRACIA LICENCIOSA, para acougar aos que máis barullan, con incualificable e cínica indiferenza as razóns que esgriman.

Non obstante, aquí é preciso facer unha aclaración, porque algúns tratadistas afirman que considerarse en posesión da verdade pode levar a un absolutismo político, posto que xa non caben opinións discrepantes, e discutibles; pero penso que deberíamos ter moi en conta que entre a verdade e a interpretación dos acontecementos concretos media unha non pequena distancia: Non é o mesmo ESTAR EN POSESIÓN DA VERDADE que considerar teimosamente como tal UNHA INTERPRETACIÓN da realidade mellor ou peor verificada.

Pero aínda existe outro motivo de confusión: Os ideólogos soen cerrar as súas ideoloxías, para evitar a vulnerabilidade das mesmas as refutacións dos principios e teses que as fundamentan, e nesta operación caen nun relativismo co que combaten as posturas adversas. Velaquí, pois, a flagrante contradición na que, por MEDO a poñer en risco os seus apoios especulativos, non reparan en relativizar os fundamentos adversos, o que comporta presentar os propios como absolutos, cerrando a ideoloxía cando ostentan o poder, que non ten poucas consecuencias da l couza que abre as portas ás condutas totalitarias, e que cataliza o medo dos adversarios a que os prexuízos ideolóxicos se cerren a un discurso simplista de matiz electoralista, que confunda os xuízos críticos dos cidadáns. Acaso é este un método adecuado para esa HIPÓCRITA CONCORDIA?.

Creo que o medo á verdade na política endexamais (aquí si, Sr. Presidente: ENDEXAMAIS!) debe afastar ao poder executivo da verdadeira vontade soberana do pobo que o elixiu, nin tampouco á oposición de apoialo para manterse nesta liña, mediante todos os recursos legalmente establecidos. Soa moi ben a súa pretensión de buscar a concordia; pero non a duns poucos, senón a de todos os cidadáns. Hai que contribuír a fortalecer o papel das institucións do Estado, opoñéndose con valentía a que a irresponsabilidade ocasional dalgúns cidadáns as poñan en tela de xuízo, e sobre todo, evitar condutas impropias para contentar a catro vituperables arrogantes. Penso que deben evitarse por superación as irrisorias querelas que os veñen ocupando, porque se os seus actos son transcendentais para a propia dignidade, tamén o van a ser para a indignidade; e entendan que serán debedores do prestixio de España, que está, por atribuída competencia, nas mans dos que teñen o poder.

Nesta situación, tampouco é estraño que o medo a unha crítica demoledora dos principios aceptados dogmaticamente os debilite. Exemplo témolo nos recortes e peculiares interpretacións que se soe facer das constantes tendencias históricas para ocultar, por interese persoal, os erros na actualidade, e fuxindo, ao mesmo tempo, das TRADICIÓNS BÁSICAS, facendo desaparecer arbitrariamente, incluso, a representación material de valores estéticos, cun inconcibible empeño de borrar da memoria dos presentes indicios dun pasado, afortunado ou vituperable, que está na historia, e, como di Ortega, O PASADO NON É TAL PORQUE PASOU A OUTROS, SENÓN PORQUE FORMA PARTE DO NOSO, e ben que se adoita facer alusión ós eventos que o constituíron, aínda que non sempre con vontade conciliadora.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES