Do A ao Z con Concha Blanco (VIII)
Sampedro, Pilar - martes, 20 de julio de 2021
Q, R e S
Q de Querido Iván. Ese libro ilustrado por Fernando L. Juárez e publicado na colección Montaña Encantada de Everest Galicia. Nel, Fran escríbelle cartas ao seu amigo morto (Iván) e vaille contando o que lle pasa, as súas preocupacións, o seu namoramento, infórmao dos avances científicos, da situación do ensino, cóntalle algún chiste pero sobre todo, dille como o bota de menos e remata con esa chamada ao Alén: Axúdanos.. Neste libro a autora adopta a voz do rapaz de trece anos e consegue transmitirnos o que sente dende esa mirada. Nel parecen referencias a outros libros tanto da súa autoría como A misteriosa montaña de Pena Negra pero tamén doutros como Das cousas de Ramón Lamote e Asústate, Merche!
Q de Quero que veñan meus pais. Ilustrado por Marisa Irimia e publicado na colección O trolebús de Casals. Nel, é Fala o rapaz quen fala en primeira persoa, unha especie de antihéroe, gordiño, que é quen de convencer á avoa de moitas cousas pero non aos pais de que se veñan dunha vez). A pesar da tristeza que percorre o relato aflora o humor continuamente para facelo máis levadeiro, tanto a base de mostrar esa visión do mundo propia de alguén da súa idade como polo xogo coas palabras, os malentendidos. A relación coa avoa coa que vive mentres os pais están na emigración, a maneira na que se ve e como vai contando a súa caída na depresión
R de referencias. Algún libro seu e doutros dentro dunha historia, por exemplo en A Disco Ecoloxista: Barrigaverde e o dragón Achís, O Moucho e a Moucha do niño da carroucha, A vaca titiriteira, O Gato Bógar, O xílgaro cantor, Os dous caracois...) Tamén recolle a referencia a Balbino en Sara.
R de rúa Barcelona. A rúa Barcelona da Coruña en Nano e O balcón do meu universo.
R de Cantos da rula. Ilustrado por X. Vizoso e publicado por Ediciós do Castro. Este libro foi Premio Arume de poesía da Fundación Neira Vilas, o escritor que daquela era presidente da mesma falou del así o prólogo titulado Verso a verso recrea poeticamente, con versos moi axeitados para a comunicación con nenos e nenas, a natureza circundante, poboada de paxaros, insectos, árbores, así como o sol, a lúa, o aire, a neve, o mar. Tamén nos fala do tren, da paz e dos necesarios soños. E da nosa xeografía. Todo con palabras de ritmo preciso e léxico adecuado para o lector infantil.
S de series. Na actualidade, Concha Blanco conta con dúas series: a de Boris (e Boris e compañía) e a de Catuxa (e Catuxa quere saber máis).
S de sofá. A presenza do sofá en A aventura das cores e en varios libros de adultos (o lugar no que a protagonista se recolle a pensar, chorar... O balcón do meu universo, Berta.
S de Sara. Publicada na colección O trolebús de Casals. Unha novela na que se fan presentes as lembranzas da familia e a aldea, a dor polo pai que as abandona e da nai que sofre todo ese tempo. Aparecen personaxes moi especiais coma o home que contaba historias na taberna e do que dicían que estando no ventre de súa nai fora quen de dicirlle onde estaba o gando que escapara e que vai seguir adiviñando onde están as cousas perdidas ao longo da vida. Retrata a vida da aldea naqueles tempos, nunha visión da nena que podería relacionarse coa de Balbino.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora