Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Albeos, berce de San Paio

martes, 08 de julio de 2008
Albeos, berce de San Paio O San Paio tiña na nosa infancia unha especial significación. Era un santo neno, mártir do “sarraceno” nos comezos do século X. Antes, os betanceiros subiamos a Tiobre -onde é Betanzo-lo Vello- a facerlle romaría ao San Paio no 24 de agosto, xa rematando as patronais do San Roque, costume que se foi perdendo nas últimas décadas. Mesmo formaba parte do programa oficial de festas, disfrazado e confundido con San Bartolomeu, que é o santo do día. O propio do San Paio é o 26 de xuño, aínda que nalgúns lugares cambia a data. O noso San Paio era (e é) un neno moi lindo, cunha vestimenta barroca: casaco azul con reborde dourado, gorxeira de encaixe, pantalón vermello ata debaixo dos xeonllos, meias brancas e zapatiños con fibela. Nunha man un libro e na outra unha palma, símbolo do martirio.

Nas nosas leituras haxiográficas tiñamos lido que San Paio era un santo galego, nado na parroquia de Albeos, concello de Crecente en terras da Paradanta, diócesis de Tui, Portugal da outra banda do Miño. Sempre tivemos intención de visitar o berce de San Paio. E aló fumos o pasado ano. Deixamos atrás Arbo, onde probamos a lampreia en varios gostos e o seu viño rico. Pasamos rentes do pazo de Moreira (con marca vinícola) e chegamos a Albeos, a primeira parroquia do concello de Crecente na dirección que traiamos.

A igrexa de Albeos ten por padroeiro a San Xoán. Só ten románica a fachada e restos nos aleiros laterais. No pórtico, unha cruz de brazos iguais con pequenas rosáceas ao redor e catro grandes flores de lis. Nos arredores ten un bo campo de esparcimento que debeu ser arranxado de hai pouco. De non ser porque xa a botaramos antes, beira do Miño, sería bo sitio para unha sesta.

Cando en 1925 se cumpriu e celebrou o milenario de San Paio cadrou coa Ditadura de Primo de Ribera, un matador de mouros, mira ti. Na parroquial de Albeos instalaron unha praca (non sei porque puxeron con v o nome da parroquia) na fachada, que alí está para ver, lembrando a efeméride:

“Al glorioso / San Pelayo / hijo de esta parroquia / de Alveos / mártir de Jesucristo por la fe y la castidad / en Córdoba / el XXVI de Junio del año CMXXV / S.M. El Rey D. Alfonso XIII y el pueblo que le vió nacer / consagran este monumento en el año milenario / de su tránsito al cielo / MCMXXV”.

Unha grande plantación de albariño na veiga do Miño divísase dende aquí. Deben estar cos tratamentos, pois unha enorme nube ou mancha invade todo o val. Un pouco máis abaixo da parroquial está o lugar de Mosteiro, vencellado á memoria do santo. Mosteiro chamase así polo que disque mandou erguer o tío de San Paio, Ermixio, Hermoxio ou Hermoixio (que de todas estas formas o vimos escrito), bispo de Tui, en lembranza do seu sobriño mártir. Foi o mosteiro de monxas benedictinas. Temos idea que estas foron despois trasladadas a Santiago, a Antealtares, mantendo o nome de San Paio. Logo, na Desamortización, o mosteiro primitivo pasou a particulares e rematou convertido en vivenda particular.

Paio naceu en Albeos no ano 911 ou 912. Nunha invasión dos árabes foi levado prisioneiro a Córdoba -en canxe polo seu tío bispo- onde foi martirizado con 13 ou 14 anos o 26 de xuño de 925. O seu corpo foi transladado a León e logo a Oviedo, onde repousa no mosteiro das benedictinas.

Hai unha versión cristiá que xustifica o martirio do neno Paio polas presuntas aberracións sexuais do califa musulmán Abderramán III -que viría sendo un pederasta, ademáis, atraído polos inimigos da súa fé- e a resistencia daquel a tais desexos homosexuais. Nunha páxina web dunha parroquia cristiá de Vigo lese, entre outras lindeces, no apartado santoral, o seguinte relativo a San Paio, para eles San Pelayo, que traducimos ao galego, idioma que ao parecer non coñecen:

Eran os duros tempos nos que España [il existía España, preguntámonos nós] sentía sobor de si o duro peso da dominación musulmá que tan pouco aprecio sente pola virtude da castidade [curiosa apreciación non sabemos en qué fundamentada]…. Alí [en Córdoba] o califa sentiuse torpemente atraído pola esvelta figura do rapaz de catorce anos, horrorizado este máis pola monstruosidade da proposición que polos posíbeis castigos que supoñería a súa negativa antepuxo o amor de Deus ás seduccións do mundo e gardou o corazón limpo.

O tal mosteiro, o que fica del, semella un pardiñeiro, sen teito e coberto polas hedras. Atafegado entre dúas casas están os seus restos. Nunha delas estaba a tomar o sol, máis ben a sombra, un paisano. Seica a súa nai naceu e criouse no que fora mosteiro, reconvertido en vivenda. Logo dexenerou nunha mestura de adega, almacén e galiñeiro. Aparece tamén a súa muller, máis falangueira. Seica a propiedade pertence a varios herdeiros. Quéixanse de que non hai axudas para reformar. Que a Deputación ou o Concello tampouco mercan. Sen embargo, non é a primeira vez que a Deputación e o Concello traen por aquí grupos de excursionistas para ollar as ruínas do convento. Por un lado, fachendear de historia e de ruínas monumentais e por outro mantelas en estado lamentábel. Isto é moi típico dos nosos gobernantes. Nen o concello se preocupou nunca de mirar por el, nen a Deputación provincial, nen esa cousa da Xunta que se chama Patrimonio. Crecente pertence ao partido xudicial da Cañiza. O alcalde deste concello -que supoñemos coñecerá Albeos-, un veterano que exerce dende o final do Franquismo, foi tamén varios anos presidente da Deputación de Pontevedra. Nada se fixo, nen se fai.

Agora ven de anunciarse a venda do mosteiro nunha axencia (“Joyas inmobiliarias”) ao prezo de 300.000 euros, uns 50 millóns das antigas pesetas. Noutros tempos xa os americanos da Hispanic Society o terían mercado e trasladado pedra a pedra a Nova Iorque. Aínda que non desbotamos que poida aparecer algún caprichoso. Mentres, os de Patrimonio que manden un fotógrafo para que logo poidan pendurar das paredes da Cidade da Cultura unha foto, alomenos, do tímpano esculpido do vello e arruinado mosteiro que tiña por padroeiro a un dos poucos santos galegos, coa particularidade de estar construído no seu propio berce.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES